A «Guía de Galicia», unha viaxe literaria única

FUGAS

Compostela é, sempre, parada obrigada
Compostela é, sempre, parada obrigada SANDRA ALONSO

Nestes días que acariñan xa o verán, recuperamos un dos primeiros supervendas en galego

19 jun 2020 . Actualizado a las 05:00 h.

Nestes días en que acariñamos o verán, é posible que xa esteamos a pensar nas futuras escapadas para os días que teñamos libres. De seguro buscaremos rutas próximas en Internet ou botaremos man dalgunha guía que nos ofreza percorridos apetecibles.

O costume non é novo, xa na Idade Media os peregrinos que chegaban a Galicia podían trazar a viaxe grazas á «Guía do peregrino», o quinto libro do Códice Calixtino, e o máis coñecido desta xoia do século XII. Nas súas páxinas o camiñante non só tiña información dos lugares de interese durante o percorrido, atopaba tamén advertencias sobre os perigos que saían ao seu paso, dos costumes de cada zona e, unha vez que chegaba a Compostela, o relato das marabillas da cidade e da catedral que segue atraendo aínda hoxe a milleiros de turistas.

No século pasado sería Ramón Otero Pedrayo quen, coa súa sabedoría e múltiples viaxes, elaborase unha Guía de Galicia publicada en Madrid en 1926. O escritor non conducía, polo que sempre se desprazaba en tren ou en autobús por Galicia e, quizais porque cando un non ten que prestar atención á estrada pode facelo á vida, daba disquisición de todo canto se lle presentaba aos ollos. A Guía de Galicia non foi a única incursión do autor nos libros de viaxes, publicou tamén Pelerinaxes (1929), un libro que conta as sete xornadas entre Ourense e Santo André de Teixido que percorreu en compaña de Vicente Risco e Xosé Ramón Fernández-Oxea, Ben-Cho-Shey. Aquelas etapas deberon ser memorables: a charla cos amigos, a descuberta das paisaxes, os xantares, o falar coas xentes e, finalmente, os acantilados máis altos de Europa e a capela á que vai de morto quen non vai de vivo.

Un éxito editorial

No ano santo compostelán de 1956 a Editorial Galaxia decidiu rescatar a Guía de Galicia, polo que Otero Pedrayo tivo que actualizala antes de tirar do prelo 6.000 exemplares. A proposta é unha viaxe única, con tempo para percorrer a xeografía, a historia, a economía, a paisaxe, a arte ou a literatura galegas, pois só se pode amar un país se se coñece. Ao tempo, ofrécenos unha serie de itinerarios seguindo os camiños de ferro ou asfalto e, igual que no Códice Calixtino, fai unha parada importante en Compostela. Coñecera a cidade en 1905, cando parou na estación de Cornes. Era noite pecha, a viaxe dende Ourense fora longa, pero tivo vagar nos días seguintes para presentarse por libre aos exames do primeiro ano de Filosofía e Letras e descubrir o lugar en que despois se xubilaría como catedrático de Xeografía.

A Guía de Galicia foi un éxito editorial, aos cinco meses xa se venderan un milleiro de exemplares. Otero Pedrayo non quixo cobrar o que lle correspondía polos dereitos de autor, preferiu que revertesen na propia editorial e contribuír a que así continuase a viaxe. Este verán podemos volver sobre os seus itinerarios, cunha guía dunha gran riqueza literaria que propón unha maneira de viaxar diferente para un tempo que tamén o é.

GUÍA DE GALICIA

RAMÓN OTERO PEDRAYO

EDITORIAL GALAXIA, 1980 PÁXINAS 656