«Carvalho represéntase moito en teatros de colexios e compañías afeccionadas, pero non polo teatro profesional», di o director teatral Tito Asorey
01 nov 2020 . Actualizado a las 22:29 h.De todas as facetas de Carvalho Calero é a de dramaturgo a menos coñecida. Se cadra polos longos lapsos de tempo que deixou pasar entre cada ciclo de publicacións de pezas teatrais. Se cadra pola pouca atención que o teatro profesional galego lle prestou ás súas obras.
Así o constata o actor e director teatral Tito Asorey, que vén de presentar, xunto a María Vázquez e Melania Cruz, unha lectura dramatizada en formato audiovisual de Farsa das Zocas. «Carvalho represéntase moito en teatros de colexios e compañías afeccionadas, pero non polo teatro profesional». Mesmo recoñece que para el foi unha descuberta. «Moi interesante, por certo, porque mestura o teatro popular, cun claro enfoque ao ensino, con certos elementos de vangarda».
Boa proba da escasa atención que suscita a vertente teatral de Carvalho Calero é que nin sequera no ano no que se lle dedican as Letras Galegas foi levado a escena.
Á parte da citada peza dramático-audiovisual de A Quinta do Cuadrante, tan só Ghazafellos Teatro foi quen de representar As pitas baixo a choiva, que en realidade non é ningunha das súas obras teatrais senón a adaptación dun dos seus contos.
Tamén Rilo & Penadique se achegaron á figura do escritor ferrolán. Neste caso preferiron non optar por levar a escena un texto en concreto da súa dramaturxia nin por musicar ningún dos seus poemas senón por trasladar a un espectáculo para público familiar, que mestura a música e a narración oral, a súa mensaxe e poñer en valor a universalidade da lingua, pola que el clamou. Así, en Carvalho no carreiro, Vero Rilo e Sonsoles Penadique achéganse á figura de Carvalho Calero facendo del o fío condutor dun espectáculo que ten o seu sustento musical en pezas de Zeca Afonso.
Escribiu João Guisan Seixas nun achegamento á creación dramatúrxica do ferrolán que «o teatro nom constituíu nenhum elemento essencial na sua obra. Antes, ao contrário, desenvolve um papel bastante marginal no conjunto».
Non é da mesma opinión Laura Tato Fontaíña, autora de O teatro de Ricardo Carvalho Calero, publicación editada pola Universidade da Coruña. Máis alá da súa calidade literaria, Tato outorga á súa creación dramatúrxica un sentido máis transcendente e ambicioso. «Carvalho, como case todos os grandes escritores das xeracións de preguerra, entendía que a construción dun teatro nacional era un labor común a que había que contribuír, aínda que fose para o futuro», explica.
Nese sentido, destaca a achega que supuxeron as tres pezas que editou en 1948: A farsa das zocas, A sombra de Orfeo. Comédia en tres lances e A árbore, o Auto do prisioneiro, publicada en 1969 e, especialmente, Os Xefes, que veu a luz en 1980.