Xela Arias, a poeta que nos leva no cabalo furioso do rock

FUGAS

Pinto e Chinto

Lonxe das «carapuchiñas desexantes de sempre», a autora do Día das Letras foi, creou e viviu libre, e a súa liberdade non rematou. Sopra forte, tendendo pontes, no libro «Xela Arias. Para ser de todo», de Alba Cid

14 may 2021 . Actualizado a las 12:21 h.

Avida é un xogo por riba do xogo da vida, adiviñou ben cedo Xela Arias (Ortoá, Sarria, 1962 -Vigo, 2003), un verso solto, un cabalo de liberdade que rompe calquera tentación de cadeira na poesía. Foi a nosa Lou Reed orfa de xeración. «Emociona a túa negativa a percorrer itinerarios que outros deseñaron», escríbelle a poeta Alba Cid ao comezo de Xela Arias. Para ser de todo, que se entrega o luns 17 con La Voz por 1,95 euros co cupón do lombo do xornal.

Pode que só Lois Pereiro prendese a mesma emoción na xente na celebración das nosas letras que Xela. Ela botou a andar nos anos 70 coma unha nena «teimuda» na granxa escola de Barreiros, que dirixiu o seu pai, Valentín Arias. Máis que de bonecas, Xeliña foi de animais, de tartarugas. Dunha!, da tartaruga de goma Lula, que tivo seguramente algo que ver, máis adiante, coa súa sona de poeta lenta.

A infancia de Xela foi xardín, avós, nenos, pitas, grilos, contos, libros, estantes ata o ceo de libros. Os seus primeiros dominios, recorda Alba Cid no seu percorrido bioliterario polos 41 anos da autora de Denuncia do equilibrio, eran os dun «universo poboado por meigas e remedios, salferido de amigas aventureiras».

Mamou o galego dende o berce, comezou a aprender no Colexio Fingoi, de Lugo, e de alí marchou con 7 anos a Sárdoma, para descubrir o Vigo da movida. En Xela Arias. Para ser de todo vémola nas súas palabras, nos seus espidos, nas amizades da casa e as propias, e mais en fotografías en branco e negro, nas que a súa ollada é un abraio, a primeira célula da pregunta por qué? Vémola cun ano e a súa tartaruga Lula, vémola de moza nas oficinas con columnas de xornais da editorial Xerais, onde tiña unha foto de Mike Tyson (como revela Yolanda Castaño na biografía Xela quiso ser ela), vémola no primeiro que escribiu e nas entrevistas que lle fixeron Manuel Rivas e María Xosé Porteiro, entre outros.

«Ás veces o máis importante que me acontece nun día só dura un pensamento», alumea nun dos seus contos infantís, recuperados pola editorial Galaxia en Non te amola!

Este selo Xerais convídaa a traballar a finais dos 60, e acepta, tras ter deixado os estudos en COU para buscar realmente a vida. En Xerais vaise curtindo a gran traballadora da palabra, «amante da segunda forma do artigo, tan minuciosa nas revisións como firme na comunicación cos autores e autoras dos textos», subliña Alba Cid.

INSTINTO BÁSICO POÉTICO

Manuel María regaloulle O principiño á nena da tartaruga, que debutou como poeta no 86 con Denuncia do equilibrio («emoción en estoupido», escribiu dela Méndez Ferrín) e voou con Tigres coma cabalos, un libro coa súa parella, Xulio Gil, que aínda conmociona. Tamén polos espidos, non sempre entendidos, de Xela, recollidos no libro de La Voz.

Non vacilou nun feminismo de amplas miras, matiza Alba Cid en Xela Arias. Para ser de todo. Ela non collía no cesto. Cheiraba de lonxe os «poemas amatorios onde eles son o lobo e elas as estáticas, doces, inútiles e estúpidas carapuchiñas desexantes de sempre». Xela cambia o conto.

Máis dispersión que a xeografía galega amosan os referentes da poeta que Yolanda Castaño chama «madriña dunha xeración Xabarín». Para Xela foi especial a descuberta de Baudelaire e a de Carlos Oroza, a quen traduce ao galego. Grazas a Xela, puidemos ler tamén na nosa lingua As bruxas de Roald Dahl, os contos de Rodari, Drácula e o Quixote.

«Hai posible en ser muller un privilexio imposible de transferir», descifra en Darío a diario, un bico ardente, mundial, pioneiro no tratamento da maternidade na literatura, que Alba Cid pon na órbita feminista que medra dende os 90. A portada da primeira edición do libro -observa Cid- recorda ao Nevermind de Nirvana.

O derradeiro berro da mestra que morreu no 2003 dun ataque ao corazón foi Intempériome, unha celebración da desorde de vivir, que nos convida a nos ver. Espidos. «Para ser de todo».

«Vai furia nos cabalos dos cometas»
Denuncia do equilibrio (1986)

Retrato de Xela Arias

La Voz ofrecerá o Día das Letras unha antoloxía e biografía de Xela Arias

La Voz

A primeira vez que a poeta Alba Cid (Ourense, 1989) viu un corvo mariño foi nun estanque no parque da Música, de Santiago, unha visión que viña precedida por un poema de Xela Arias que falaba dese mesmo animal. A lembranza abre Xela Arias. Para ser de todo, o libro que La Voz de Galicia ofrecerá aos seus lectores o vindeiro Día das Letras Galegas e co que se suma, como vén sendo habitual dende hai anos, á celebración do 17 de maio. Cid, premio nacional de poesía joven Miguel Hernández no 2020, achégase á figura e á obra de Xela Arias dende o feito biográfico e unha escolma de versos, achegas que non exclúen a interpelación poética a través do tempo.

Seguir leyendo