Acaban de saír, pero xa enganchan

FUGAS

Dez dos títulos infantís máis recomendables da sección de novidades
Dez dos títulos infantís máis recomendables da sección de novidades FUGAS

As letras infantís seguen de festa cunha chea de novidades. Contos sobre o Camiño, que esgotan edición, e fábulas irrompen con forza

28 may 2021 . Actualizado a las 07:22 h.

literatura infantil pecha o mes das letras galegas cun bo sabor de boca tras o éxito dos títulos sobre a homenaxeada Xela Airas. Un éxito editorial que neste impasse cara o verán continúa con moitas novidades que xa atrapan lectores. Este é o caso de Bo Camiño, peregrino! (Cumio), unha colorida obra ilustrada creada con mapas das distintas etapas a Santiago, nunhas páxinas, cheas de detalles miúdos, nas que non se desbota a ironía. Unha obra «valente» e de «gran traballo», como recoñece o editor, que nunha semana esgotou a primeira tirada. Un interese lector por descubrir a ruta que tamén amosa outro título moi celebrado, Marosa e Mariña camiñan a Compostela (Xerais), un grato álbum para primeiros lectores no que unha osa e unha toupiña son as únicas que saben arranxar a corda do botafumeiro.

É tamén aos máis pequenos a quen se destinan varias das emotivas e acaídas fábulas que espertan a curiosidade. Unha das máis salientables é o álbum Ernesto o elefante (Kalandraka), do recoñecido Anthony Browne, unha obra de gran exotismo escénico sobre medos infantís e falta de empatía centrada nun bebé elefante que se perde da súa manda na selva e que só atopa axuda no animal máis inesperado. Unha necesidade de cooperación á que tamén se achega As formiguiñas filandeiras (Hércules), un título sobre o traballo en equipo no que as protagonistas logran vencer o seu receo a saír do buraco no que vivían, ou o novo éxito de Rocío Bonilla, Grazas. Historia dun rueiro (Algar), un humorístico relato que reivindica a vida en común e no que, cunhas expresivas ilustracións, se amosa a uns animais que viven na mesma rúa e, sen embargo, non se relacionan entre si por prexuízos e desconfianza ata que unha avaría inesperada o cambia todo. Un divertido título, de final inesperado, sobre unha veciñanza que reborda realidade.

Cun desenlace que tamén sorprende preséntase o orixinal álbum Quero ser raíña (Triqueta Verde), protagonizado por un soldado que persegue ese anhelo e que combate con perseveranza por conseguilo. Unha obra audaz que loita contra os estereotipos e na que nada é o que parece.

Entre as sorpresas máis amenas da temporada sobresae A estraña visita (Bululú), un álbum de texto rimado e acumulativo, baseado nun conto tradicional escocés, no que unha velliña recibe na súa casa unha terrorífica visita. Unha historia que atrapa coas súas simpáticas ilustracións, o seu humor arrepiante e, de novo, o seu ocorrente remate. Para gozar.

UN LOBO VEXETARIANO?

Nesta primavera tamén se asenta a tendencia de títulos convertidos nun canto á diversidade, aínda que esta sexa singular, como no brillante Historias da Fraga Revirada, de Xosé Tomás (Galaxia), cuns relatos de animais únicos que rachan cos límites da súa especie, como un lobo vexetariano ou unha curuxa que quere vivir de día, e que cren en si mesmos. Un libro que tamén sorprende con xogos. Xa para lectores máis avanzados chega a fermosa novela A folla azul (Xerais), galardoada co premio Merlín, no que Andrea Maceiras dá voz a unha nena dunha tribo do Amazonas que deberá emprender unha viaxe para salvar ao seu pobo. Un canto en favor do compromiso individual que, de novo, fai pensar e engaiola.

Outro xénero en alza é o de render tributo á propia literatura, como no artístico Hans (OQO), unha viaxe ao país dos contos que Andersen imaxinou e na que se recoñecen as súas historias máis lembradas.

Para un público xuvenil chega Santoamaro, de Antonio M. Fraga (Xerais), unha aditiva obra sobre uns mozos que se reúnen nas noites de verán nun areal, coas súas preocupacións e conflitos. Un sobresaínte relato que non deixa indiferente.