Isaac dende os ollos do seu fillo

Amara fontao A CORUÑA

FUGAS

Gema García

Díaz Pardo foi unha das luces que alumearon na longa noite de pedra, un labor que procura difundir a mostra «As miradas de Isaac»

22 ago 2021 . Actualizado a las 22:08 h.

Gabardina até os pés e pucho na testa. Unha figura cruzaba a praza de Pontevedra da Coruña unha noite de agosto do 1936 para agocharse seis meses no faiado dun familiar. Con oitenta e cinco anos de diferenza, percorremos as mesmas rúas que o Isaac Díaz Pardo de dezaseis, acompañado do seu fillo, Xosé Díaz Arias. Pero cun destino ben distinto: a exposición As miradas de Isaac.

Visitar a mostra é mergullarse na particular cosmovisión de Isaac, a través dunhas cincocentas obras de arte. Pero as creacións non son só del. Ao longo da exposición van aparecendo cadros, fotografías e experiencias vinculadas a moitos nomes, a moitas persoas que formaron parte da súa vida e do seu tempo. Algunhas destas, coma Luís Seoane, Maruja Mallo ou Castelao, son agardados polo público, mais outras coma Camilo José Cela nunca imaxinamos que se terían cruzado con Isaac. Non é só a capacidade de falar con xente moi diferente o que explica o xeito de ser deste home renacentista á galega, senón o interese por facelo. Inquedanza por todo e forza ante todo son as palabras que mellor o definen.

A figura coa que comeza o percorrido pola exposición é o artista, escenógrafo e pai de Isaac, Camilo Díaz Baliño. O seu encarceramento e posterior asasinato por parte dos sublevados puxo fin ao «esplendoroso mundo artístico coas relacións de Díaz Baliño» no que se movía Isaac, e no que «xa tiña fama de rebelde e revolucionario», tal e como explica Xosé Díaz. «Todo o que sei sobre meu avó seino por miña nai, meu pai eludía o tema. Só ao final da súa vida contou algunha anécdota».

Na ausencia de Díaz Baliño, Isaac vólvese a súa presenza. «O que fai meu pai é seguir a traxectoria do seu -di Xosé Díaz-, o labor de recuperación da cultura galega». O polifacético intelectual é coñecido por refundar a fábrica de cerámica Sargadelos, mais é case infinita a listaxe de proxectos e organizacións que sacou adiante. Recuperou o Seminario de Estudos Galego, fundou Ediciós do Castro, sacou adiante Instituto Galego de Formación... Foi nomeado arquitecto honorífico malia non ter cursado estes estudos. E poderiamos seguir repasando a súa actividade durante días.

Pouco a pouco, imos transitando con Xosé Díaz pola mocidade, exilio, regreso e vellez do seu pai. Facer isto é percorrer parte da historia de Galicia; precisamente aquela que anima a levar a vida para adiante.

Gema García

Reivindicar a Mimina

Artista, deseñadora e empresaria, o nome desta muller é amplamente descoñecido aínda que case todos temos algunha peza de cerámica dela nas nosas cociñas. É un silencio máis que se une a outras tantas «mulleres de».

Que o nome de Mimina vaia en negriña nun ladiño é o mínimo. O seu sería darlle unha habitación propia entre estas páxinas. Porén, ao falar de Isaac Díaz Pardo, non podemos deixar de reivindicala.

«Foi vítima do seu tempo», explica Xosé Díaz Arias. Non só axudou a Isaac no artístico, tamén no persoal, por exemplo, facendo que, ao pouco de se coñeceren, o seu pai, avogado, intercedera por el nun conflito xudicial. A dedicación de Mimina era integral e transversal a todos os eidos da vida. Tamén ao comezo da súa relación, a daquelas moza renuncia á súa carreira como pintora e profesora de Artes e Oficios para dedicarse a apoialo e acompañalo. Porque ela, malia ter familia amiga do réxime franquista, viviu o exilio na mesma medida ca o seu compañeiro. Tamén foi ela a responsable de moitos best-sellers de . Quizais dende agora os lectores e lectoras a vexan nas cociñas coas famosas vaixelas infantís. Pero tamén alén de aí.