Os espectáculos musicais máis orixinais de Galicia para a xente miúda que pasa de «tazas» e teteiras

FUGAS

Magín Blanco («A nena e o grilo máis aló»), Brais das Hortas («Consertaso na horta»), un dos actores de «Little Neno», Chuches Amil, Uxía Lambona e a Banda Molona, Pakolas,  Peter Punk en «Concerto punkinfantil» e Paco Nogueiras, premio Martín Códax 2021.
Magín Blanco («A nena e o grilo máis aló»), Brais das Hortas («Consertaso na horta»), un dos actores de «Little Neno», Chuches Amil, Uxía Lambona e a Banda Molona, Pakolas, Peter Punk en «Concerto punkinfantil» e Paco Nogueiras, premio Martín Códax 2021.

Guitarras distorsionadas, cristas punk e chalecos de coiro nun espectáculo infantil? Si, Galicia racha de todo co estándar naif de «show para nenos» 

18 dic 2021 . Actualizado a las 04:29 h.

A clave pode que estea na denominación que defende Paco Nogueiras para este tipo de espectáculos. Nin infantís nin familiares. «Para xente miúda», propón. Xente ao fin e ao cabo. Persoas como as outras ás que hai que tratar «co mesmo (ou máis) respecto e sen ningún tipo de superioridade nin actitude condescendente». Dende esa perspectiva e este punto de partida, e de man case sempre de músicos cunha ampla traxectoria tamén na escena adulta, teñen xurdido en Galicia nos últimos anos unha serie de espectáculos musicais que rachan por completo, con éxito, co modelo naif e os conceptos e a estética Disney que ata non hai moito imperaban neste tipo de propostas.

Brais das Hortas.
Brais das Hortas.

Falamos de proxectos como o Concerto Punkinfantil, de Peter Punk e Brais das Hortas; dos concertos rockmetaleiros de Pakolas ou A Gramola Gominola; da revisión en clave de ska e rock dos nosos clásicos tradicionais que fai Uxía Lambona e a Banda Molona; do pop teatral de Magín Blanco ou de Paco Nogueiras; de achegar aos cativos ao rock, ao blues e ao funk e nas guitarras e na voz de Chuches Amil ou Martiña Soñadora (o proxecto de Sabela King e Carlos Gil Fandiño); ou de darlles a coñecer aos Beatles e aos Rolling Stones da man de Little Neno.

«Somos unha potencia nese terreo. En toda España están moi atentos ao que pasa en Galicia, porque en ningún outro sitio hai tanta variedade nin calidade», comenta Paco Nogueiras. Sobre por que acontece isto hai varias teorías. Dende a herdanza que deixou o Xabarín ata outras máis mercantilistas, como a que defende Pakolas. «O boom da música infantil ten que ver co auxe do formato libro-CD», explica. Pakolas sostén que ese formato se implantou porque se lle aplica o IVE dos libros, sensiblemente inferior ao dos discos. «Iso fixo que a alguén se lle prendese a luz». Pakolas, que formou parte durante unha década de Mama Cabra antes de fundar A Gramola Gominola, é tamén guitarrista de Zënzar. «O set que levo nos espectáculos infantís é exactamente o mesmo que levo con Zënzar», di.

Magín Blanco.
Magín Blanco.

Outro tanto lle ocorre a Brais das Hortas, responsable xunto a Peter Punk do Concerto Punkinfantil ao tempo que músico en Blues do País ou Sacha na Horta. «Non creas que é moi distinto ao esbardalle duns proxectos e doutros», di. O seu achegamento ao público miúdo tivo que ver coa súa experiencia: «Eu, como pai, vía que á miña peque lle estaban metendo broza, que a trataban só como a un produto de consumo e que eu tiña capacidade de facer algo mellor ou polo menos algo que nos representase». E así naceron o Consertaso na horta ou o Concerto punkinfantil. «O punk é liberador para os nenos. Senten que poden ser libres, dicir o que pensan, expresarse como lles pete, ser eles mesmos e que non sempre teñen que ir polo rego», apunta o músico, quen tamén destaca que «os cativos e as cativas non teñen os gustos tan cheos de prexuízos coma nós. Eles o que teñen moi presente é que a música é sobre todo para pasalo ben».

Magín Blanco foi un dos pioneiros en dar o salto á música miúda. Este tipo de espectáculos, considera, baséanse moito na intuición. «Eu sigo utilizando as mesmas ferramentas de sempre: a emoción e a sensibilidade», por suposto en clave de pop, «porque é a miña escola». De feito, «eu non sinto que as miñas cancións sexan para nenos». Iso si, a día de hoxe, para Magín Blanco, é moito máis gratificante facer música para xente cativa. «Primeiro, porque é máis exitosa. E segundo, ao vivo gozas moito máis porque todo é moi participativo». «Non cambiaría o público miúdo polo adulto nunca. Onde máis realizado me sinto é nestes espectáculos», comenta Paco Nogueiras, gañador do Premio Martín Códax 2021 na categoría de música infantil. Nogueiras formou parte da Orquestra Os Modernos e de varios grupos de folk. «En Galicia hai moita calidade porque a maioría dos que agora estamos traballando coa xente miúda temos unha longa traxectoria musical noutros ámbitos», experiencia da que hai que botar man «porque a xente miúda pode chegar a ser moito máis crítica que un adulto».

alberte peiteavel

De experiencia tamén vai sobrado Fran Amil: «Hai que fuxir do erro de que facer música para nenos é cousa menor». Iniciou o seu proxecto Chuches Amil no 2014 e asegura que o rock, o pop e as músicas modernas emocionan os cativos, entre outras cousas, porque lles permiten conectar cos seus pais. «Rin porque tamén os ven rir a eles. Iso é precioso».

Pakolas incide tamén nesa conexión que propician este tipo de espectáculos. «Os nenos queren ser maiores e os maiores queremos seguir sendo nenos». E esta música conecta a uns cos outros. «Noutro tipo de espectáculos ves que os nenos se divirten, pero que os pais están mirando o reloxo. Nestes concertos non pasa iso».

Paco Nogueiras.
Paco Nogueiras.

A cuestión do fomento do uso da lingua é outra das que están no xermolo de moitas destas propostas. Os seus creadores subliñan a transcendencia de que os nenos teñan contacto co galego a través da música. Para Fran Amil, trátase dunha «ferramenta pedagóxica importante». Pakolas aplícao incluso á logopedia. «En galego non existían ferramentas logopédicas musicais. Cal se usa en castelán? Los cantajuegos. Pero son contidos cunha produción musical, digamos, pouco coidada». Para Magín Blanco, «está ben que existan cancións educativas orientadas á práctica cotiá», se ben el confesa que prefire traballar «nun mundo máis imaxinativo».

Tampouco existía ningunha tradución ao galego das letras de The Beatles ou The Rolling Stones. Esa foi unha das razóns que levaron a Fran Villasenín a crear o proxecto dos libros e espectáculos de Little Neno. «Little Neno é o neno que todos levamos dentro e que non queremos deixar de ser», explica o seu creador. Un neno que non quere ir durmir, que o que quere é xogar cos seus pais e escoitar a súa música. Pero, unha vez que queda durmido, comeza a viaxar e a descubrir aos Beatles e aos Rolling Stones. «Pero non en plan enciclopédico: os Beatles naceron en Liverpool e bla bla bla, senón a través das súas cancións». O espectáculo remata cun miniconcerto cos nenos bailando enriba do escenario e, chancea Fran, «os pais aguantando as ganas porque quererían subir».

Uxía Lambona e a Banda Molona.
Uxía Lambona e a Banda Molona.

A presenza de músicos en directo é condición esencial nestes espectáculos. No caso de Uxía Lambona e A Banda Molona son seis. «Nós o que montamos é un concerto. E danos igual que sexa infantil ou para adultos. A profesionalidade e o material son os mesmos», comenta Uxía. O seu proxecto busca achegar a música tradicional á cativada, «pero adaptando as melodías e as letras dun xeito que sexan atractivas para eles», en torno ao rock e ao ska. E funciona. Ata o punto de que moitos nenos coñecen temas como A saia da Carolina, Pousa, Carmiña Carmela ou O Piripipí «polas nosas versións, non pola orixinal».

Tamén na estética conxugan esa dualidade, cunha vestimenta que combina prendas do traxe tradicional con outras máis rockeiras ou circenses. No conxunto, a proposta de Uxía Lambona busca fuxir «da cursilería Disney». Porque «está ben que haxa Frozen ou Cantajuegos, pero os nenos teñen que ter outras opcións tamén», indica Uxía. Opcións que cada vez son máis escollidas polos pais «porque se decatan de que tratan aos nenos con respecto e como un espectador que hai que ter en conta». E tanto.