Ugia Pedreira: «Aos 50 asino o primeiro disco. Son unha nena vella que está comezando»

FUGAS

Oscar Gorriz

Con ecos de electrónica vintage, ambient, folk progresivo e a voz e a palabra, conforma «A Pedreira» este fascinante «Segmento cantábrico»

10 jun 2022 . Actualizado a las 05:00 h.

Chouteira, Marful, Nordestin@s ou A comuna del Barruzo son algunhas das escalas que marcan o devir creativo de Ugia Pedreira, «muller poliédrica, salvaxe, rebelde e sofisticada, co don da palabra escrita e cantada», segundo a definiu outra Uxía. Tras sete anos afastada dos palcos en solitario, a artista de Foz vén de publicar o primeiro disco que asina baixo o seu apelido. Toda unha declaración de intencións. A Pedreira entrega once cortes e un micropoemario nos que non só conflúen, senón que abertamente se mesturan, canción, poesía e spoken word.

 ­—Cales son as principais diferenzas de «A Pedreira» respecto a anteriores proxectos?

—Que os outros eran proxectos colectivos mentres que neste todas as decisións correspondéronme a min. Dende o que está escrito ou musicado a como comunicalo.

—Tamén mudou a sonoridade.

—Fun cara a estampas sonoras de sons que habitan na miña casa. O que transmitían as letras era o eixo esencial a partir do que fomos creando esas pinturas sonoras.

—Sosteño que neste disco canta mellor que nunca.

—Non o sei. O que si, é a primeira vez que teño tanto protagonismo vocal. Todo está pensado dende a letra e dende a voz. Non mandan os instrumentos.

—Ten vocación de vella «crooner»?

—A min gústame moito o canto apaixonado dos crooners. Ese enfatizar as palabras, que a voz se agarre á emoción e que non teñas medo dos riscos vocais.

—Tomou moitos riscos neste disco?

—Tomeinos. A todos os niveis do oficio. Para min é como volver a empezar. Así me sinto. Levo sete anos fóra dos palcos e da industria. E nos meus 50 fago o meu primeiro disco asinado. Iso sitúame nun lugar novo para min.

—Reivindica o Cantábrico, mais aos galegos asociásenos case sempre co Atlántico.

—É que son máis quilómetros e colle a AP-9 [ri]. Para min é moi importante expandir a idea de que esta vía de comunicación marítima do Cantábrico, cerimonial, rupestre gremial, é súper importante, xa dende antes dos romanos.

—Comeza o disco falando da transcendencia de vivir con poucas cousas. Por que?

—Porque estamos demasiado pendentes dos roles, de que somos, onde imos... E realmente, no día a día, para vivir e vivir ben fan falta poucas cousas. O que realmente fai falta é un cultivo interno para ir construíndo recursos e ferramentas que che permitan adaptarte e salvar as circunstancias da vida.

—Tamén postula a necesidade de «mirarse para dentro». Agora que o que todo mundo busca é exhibirse.

—É que eu creo que todo está dentro. Pouco antes de morrer, Coppini dicíame que el se consideraba un tritón, que alá no fondo era onde atopaba maior información. É aí onde está todo. Eu xa tiven a miña época na que fixen xiras, feiras internacionais... Agora do que máis gozo é de crear un disco e un poemario coma este.

—A arte é a súa sanación?

—Eu non coñezo outra.

—Está disposta a perdelo todo por unha canción?

—Esa frase é da escritora Marina Oural, pero eu sei ver que fala un pouco de min. Posiblemente teña razón e sexa capaz de calquera cousa por unha canción.

—Ten a sensación de levar unha vida extrema?

—Si, absolutamente. Non é unha sensación, é a miña realidade e a de moitísimos pais que teñen apegado o corpo a outro corpo. Se lle pos por un lado que vivo da arte e, por outro, que vivo na diversidade funcional, si, teño unha vida extrema.

—Canto lle debe á musica?

—A min a música tenme ensinado todo. Tenme levado a portos abrigados e tamén me ten metido en bastante leas.

—Arrepíntese de algo do pasado?

—Non, non me arrepinto. O que fago é aprender dos erros. Eu manteño un afán aventureiro e loitador. Supoño que me vén dado pola miña liña xenealóxica feminina. Veño de mulleres moi loitadoras. E estou nun momento no que estou aprendendo que fixeron as miñas devanceiras para saber que podo facer eu. Ese é o lugar no que quero estar.

—Que foi o máis importante que ten aprendido delas?

—Facerlle caso á miña intuición. Hai como unha voz intuitiva en cada un de nós e cando non lle fas caso, caes no pozo. Pero aínda que caias é interesante saber por onde podes saír del.

—Como se sente na actual escena musical?

—Estou moi perdida no ambiente musical de agora mesmo, non me decato de nada. Pero non teño ningunha presa. Teño a sensación de que fago os concertos que teño que facer e de que vou onde debo ir. Como ese copo de neve que cae onde ten que caer, que di o zen. Eu son unha nena vella que está comezando dende outro prisma.