Rodrigo Ramos: «Gústame compoñer dende o rural»

FUGAS

Rodrigo Ramos.
Rodrigo Ramos. .

O músico de Silleda estrea en directo en Santiago, e con toda a súa banda, o seu novo álbum, «Clasutrofobia»

10 mar 2023 . Actualizado a las 22:06 h.

Ten razóns Rodrigo Ramos para amosarse satisfeito. Sacoulle proveito á pandemia. Non só polas dez cancións que compuxo e que conforman o seu terceiro disco, Claustrofobia, senón polo paso adiante e a madurez acadada no seu son. Variado e poliédrico. Transita dende o pop-rock de corte clásico a momentos que o achegan ao concepto de moderno cantautor. Pero sempre dende unha honestidade que nos tempos que corren é moito de agradecer. Claustrofobia inclúe seis temas cantados en castelán e catro en galego. Pregúntolle, xa que logo, a Rodrigo Ramos en que idioma facemos a entrevista. «En galego», dime. «É o idioma que falo habitualmente, aínda que a música que máis escoito é en castelán e en inglés».

—Porque a elección do idioma, condiciona ás cancións? Ou ao revés, as cancións determinan o idioma?

—A elección do idioma non é algo que eu teña predeterminado. Normalmente, a primeira frase ou o primeiro pensamento que me evoca unha temática é o que determina o idioma no que remato escribindo a canción. Mentiría se non dixera que as miñas principais referencias son foráneas, pero tamén teño moitas aquí, como Guadi Galego, Mercedes Peón ou Suso Vaamonde.

—E artistas galegos que cantan en castelán, como Iván Ferreiro.

—Si, claro. Iván ou Xoel son un espello no que mirarse. Tanto polo seu nivel de composición como polo éxito a nivel estatal.

—Cales son as principais diferencias que presenta este «Claustrofobia» respecto ao teu anterior disco, «Sol de inverno»?

Sol de inverno era un disco moito máis americanizado en canto a instrumentación. Neste pode haber algún tema nesa liña como Nada máis ou Meu sol, pero hai outros como Polvo y escarcha o Subiote, que non teñen nada que ver coa sonoridade do traballo anterior. Claustrofobia supón para min un salto importante, tanto na música como nas letras.

—É certo que é un disco moi variado. Onde cres que está o nicho de mercado para Rodrigo Ramos?

—A verdade que é algo no que non penso. Supoño que son un músico fácil de identificar. Pero a miña definición de estilo, non serei eu quen a poña.

—En calquera caso, afástaste cada vez máis do rexistro do cantautor ao uso.

—Cando saquei o meu primeiro disco, no 2017, era moito máis o estigma de que te chamaran cantautor, porque xusto naquela época había unha fornada de cantautores que eran moi brandiños. Despois, eses mesmos músicos como que reinventaron as súas carreiras e a definición de cantautor volver ter hoxe un sentido positivo e non pexorativo.

—¿A claustrofobia e o rock and roll van da man?

—Si, si, totalmente. Moitas das grandes bandas dos 60 e 70 son de Inglaterra, que é un sitio de moita chuvia e de estar a cuberto. Pasou tamén nos 90 cos grupos que saíron de Seatle, que é o mesmo, un sitio de chuvia. Xa o dicían Chris Cornell ou Kurt Kobain, que en Seatle non tiñas moita máis opcións que encerrarte no garaxe cos teus catro colegas a facer música. Aí vexo unha asociación. A min en Silleda pásame algo parecido.

—E complicado facer cancións luminosas dende Silleda?

—Dende logo, non é o mesmo compoñer unha canción en Silleda que en Madrid. Pero eu estou moi contento de compoñer dende o rural. Eu, en canto vexo un raio de sol bótome a pasear só pola natureza. Iso son para min momentos de inspiración e de reflexión. Non me imaxino compoñendo noutro sitio.

—Nas meirande parte das cancións falas de vivencias propias, de recordos, mesmo dos teus recordos de neno.

—Cando escribes sobre ti mesmo, hai algo que che remove e hai un sentimento que queda aí. Ao final, todos estamos feitos de recordos.

—E non doe ter que lembralos cada vez que cantas esa canción?

—A ver... Ti pensa que eu escribo a canción sobre algo que nese momento me doe ou me remove. Despois púloa, maquétoa, máis tarde vou ao estudo e grávoa en infinidade de tomas. Escóitoa mil veces... Ao final, frases que antes te mortificaban convértense xa só nun trámite. E iso tamén é curar. Ti sentes que vas sandando un sentimento cando empezas a falar del e non doe. Pois isto é igual. Cando das cantado algo sen que che remova moitísimo é que o estás superando. Así que a min, axúdame.

—O mércores que ven actúas en Madrid, como ves a escena actual e como te sentes ti para dar o salto fóra de Galicia?

—Isto é unha carreira de fondo. Saír dende unha vila pequena como Silleda é algo que te limita, está claro. Aquí non podes facer comunidade. Eu son un namorado de Madrid ou de Barcelona. Son cidades que culturalmente me apaixonan. Pero en pequenas doses. Claro que sempre é importante chegar a elas pero a min onde máis me emociona tocar é en Galicia.

  • SANTIAGO.SÓNAR. SÁBADO 11. 22.30 H. 11 EUROS