![Yolanda Castaño, o pasado 3 de agosto na Coruña.](https://img.lavdg.com/sc/rhGAVnowj34xOI81IsJAgVjZIV8=/480x/2022/08/11/00121660215661542543231/Foto/H03G2056.jpg)
Galardoado co Premio da Crítica na modalidade de Poesía e, mais recentemente, co Premio Nacional de Poesía do Ministerio de Cultura e Deporte, Materia é un libro que, indubidablemente, xa merecía atención neste espazo hai tempo. Difícil é distinguir, na análise dalgúns dos valores que cruzan este libro, a admiración que un sente polo coherente e esforzado traballo que Yolanda Castaño desenvolve como xestora cultural mais tamén polo modélico labor creativo que representa: dilatado no tempo, constante e senlleiro, marcado por un alto nivel de esixencia que procura, sempre, novas fórmulas expresivas para encarar novos asuntos, para ensanchar os límites dunha estética en continuo proceso de exploración. O seu camiño foi sempre o de contaxiar o entusiasmo pola poesía, promocionala e acariñala; entendela como unha necesidade para compartir, reflexionar e desacougar: un exercicio abeirado, creo que conscientemente, ao cuestionarse o porqué das cousas.
Por iso, e outras razóns, é relevante achegarse a Materia. Non se procuren pautas xa ensaiadas. Antes ben, Castaño segue o ronsel dos diversos sentidos que adoitan adscribirse á etimoloxía do título que orienta a lectura: velaquí a ecuación que se formula entre materia e palabra para construír un edificio con vontade de permanencia; palabra como humus, factor xerminal e causa de todas as cousas nos tres estados operativos para estruturar o libro, ao tempo que cada un abraza unha dimensión temporal diferente. Palabra como recurso vital, corporal (mesmo nos seus desdobramentos) e anímico que afonda na memoria, persoal e colectiva. En efecto, hai poemas e discursos conmovedores que se abisman e recrean feitos singulares na liñaxe familiar; repara en todo aquilo que se herda e no que non pois o libro gobérnase por unha perspectiva distinta que aborda o feito da maternidade, e da súa renuncia, desde outro prisma. Olla outros horizontes como son a propia liberdade persoal e colectiva, os procesos —por veces sutís— de asoballamento, a amizade e as escollas persoais e circunstanciais. Unha autora instalada por fortuna nunha visión irónica, extremadamente sensorial e suxestiva, que vai alén do convencional. Sen límites nin teitos: que así sexa por moito tempo.