«Arraianos» e o cine galego

Ramón Nicolás

FUGAS

Tamar Novas interpreta a Miguel en «O corpo aberto»
Tamar Novas interpreta a Miguel en «O corpo aberto» Santi M. Amil

09 feb 2024 . Actualizado a las 05:00 h.

Son dos que comezou a saber da existencia dun cine propio grazas ao crítico e escritor Miguel Anxo Fernández, que conducía o programa Galicia no cine, nunha TVG que acababa de nacer. Poñamos o ano 1986 ou así. De aí que un chegara, case ao mesmo tempo, ao visionamento dun documental memorable de Carlos Velo —Galicia (1936)— xunto con aquela conmovedora curta titulada Mamasunción (1984), á que pouco tempo despois seguiría a brillante Sempre Xonxa, do lembrado Chano Piñeiro.

Talvez por esas descubertas que cadraron no tempo —epifanía semellante a outras que, por factores diversos, se poden dar nunha cultura como a nosa—, un sempre estivo especialmente atento ás películas que se situasen nese ronsel de cine propio, se se quer cine galego, e aínda máis se este dialoga coas historias que beben no noso territorio literario. E, se cadra, un dos libros máis afortunados para suxerir o diálogo con outra manifestación artística como é o cine foi Arraianos, grazas ao recente traballo de Ángeles Huerta en O corpo aberto. Dun dos títulos que lideran o meu canon literario persoal gustei moito da adaptación cinematográfica realizada: quen sabe se todo sería igual, tampouco tería por qué, ao que se constrúe imaxinariamente cando un le, pero dun xeito ou outro, a transparencia na reprodución dunha atmosfera ofegante e opresiva, enigmática e perturbadora, é un dos seus indiscutibles acertos. Na película explórase e reflíctese a esencia do relato, isto é, aquilo que nos habita a cada un de nós, afonda nos esteos da identidade, profunda nas fronteiras dos espazos e dos corpos, esculca na pulsión sexual entre os personaxes, constata ese continuum inapreixable que supoñen as terras fronteirizas e deixa á luz o feitizo que encerran, de seu, os elementos emocionais, antropolóxicos e lingüísticos. Huerta revelou, como Cuerda ou Reixa hai tempo, que hai historias espléndidas para facer delas un relato visual magnífico. Ela fíxoo desde as instancias do talento e o respecto a un relato como é Lobosandaus, co traballo dun equipo inmellorable. Quen dubida que hai máis, moito máis, que ofrecer á cinematografía propia desde o corpus narrativo galego. Oxalá se avance con persuasión nesa dirección nos vindeiros anos.