Teño a sensación de que todo o que había que dicir xa o dixen, leo nas redes. Debaixo do comentario, un montón de xente coincide, asinte, ratifica. Falan do seu propio baleiro, non da insignificancia do que escribe, que é un home serio, sen estridencias, ben valorado, respectado nas súas opinións, un médico ao que lle confiaríamos as nosas doenzas e que lle dá graza, empaque a esa comuna na que non sabemos moi ben que facemos, cal é o significado, onde está o sentido de tanta palabra, de tanta manifestación.
Cada día hai unha polémica nova na que opinar, posicionarse. Sempre detrás de alguén porque os debates os inician outros. Hai unhas semanas a polémica empezou con Évole e Tangana. Deseguida, entrevistador e rapeiro estrela e toda a súa ambición desmedida quedaron sepultados por Luis Martín Santos e o seu Tiempo de silencio, que ocupou o canon e quizais non ten nada de clásico, senón de conxuntural. Aí está o conflito onde non todos queren entrar. É todo unha cuestión de gustos? Eu fun das adolescentes que disfrutaron con esa lectura, pero, segundo lin, o meu pracer debeuse a ser unha palurda sen capacidade para ler a Joyce, que fixera o mesmo, pero na versión válida.
E mentres os eruditos falan do sexo dos anxos, noutros foros alguén pregunta cal é o título daquel libro imprescindible, o que habería que ler unha vez na vida. A este tipo de preguntas en internet chámanlle prompt. Buscan a interacción, a resposta que manteña viva a conta. Os seguidores contestan en masa. Paso o dedo pola pantalla e busco os nomes, poden ser tantos! Os títulos que escollen son os equivalentes a elixir no cine a Pretty Woman ou o Diario de Bridget Jones. Ríome soa pensando no pequenas que son as parroquias onde nos cremos reis, sentando cátedras que non van moi lonxe.
Chega a peli de Coixet e escoito que a protagonista prostitúese a cambio de que lle arranxen o tellado. Eu non o mirei así, nin coa película nin coa novela de Sara Mesa, marabillosas ambas. Prostituírse? Que mirada máis pacata. Hai goteiras, pero o home di: déixame entrar un pouquiño en ti. Pode que estea todo dito, pero non escatimemos a forza das palabras.