Facemos balance do frenético 2023 co dúo revelación da música galega ás portas da estrea do seu novo espectáculo, «Últimas Dionisíacas»
16 feb 2024 . Actualizado a las 16:58 h.Volvemos citarnos un ano despois. Mesmo sitio e mesma hora. Cando chego, María SOA e Sara Faro, Fillas de Cassandra, igual que doce meses atrás, dan conta dun zume de laranxa e un donuts. Semella que non pasou o tempo. «Para nós pasaron como sete vidas», coméntanme. Tras un 2023 de intensidade desbordada, Fillas de Cassandra arrincan o 2024 cun espectáculo novo no que lle dan unha volta ás cancións do seu primeiro disco ao tempo que introducen algunhas novas. E todo dentro dun coidado concepto escénico. Últimas Dionisíacas estréase o venres no auditorio Mar de Vigo, con todo vendido.
Lémbrolles agora como comezaba a entrevista con elas que hai xusto un ano publicamos nestas mesmas páxinas. Daquela expuxéralles que Fillas de Cassandra podían ser no 2023 algo parecido ao que foi Verto no 2021. «Oxalá», contestáronme entón.
María. Lembro perfectamente aquel momento e aquela sensación. Realmente entón para min non era finxido dicir «oxalá». De verdade que para nós era algo xa non digo inalcanzable senón absolutamente inimaxinable.
Sara. Eu é que aínda me emociono e todo.
—Como se xestiona ou se dixire todo o que vos pasou?
S. Eu dígolle a miña nai que teño que vivilo como sen non fóra eu [ri].
M. Eu vivo de xeito permanente con esa sensación que tes nese punto da montaña rusa que vas empezar a baixar e pola vertixe non sabes se queres ou non queres.
S. É que pasáronnos cousas incribles e surrealistas. Eu nunca podería imaxinar que as nosas caras ían saír anunciadas nun Vitrasa [rin]. É que alcanzamos e superamos límites que non estaban nin no noso máis tolo imaxinario do que nos podía aconteceer.
M. E mira que nós puxémonos metas moi altas!
—En que se parecen as Fillas de Cassandra de hoxe ás de hai un ano?
M. En que seguimos sendo nós as que tomamos as decisións.
S. Si, a nosa ilusión segue sendo a que lidera este proxecto.
—E en que sodes diferentes?
M. En que aprendemos a delegar e a dicir que non.
S. O de dicir que non foi unha das grandes aprendizaxes deste ano. Aprendemos a poñernos a nós e a nosa saúde por diante.
M. Dicir eses nons levounos a outros sitios superchulos e deunos moita tranquilidade para facer outros síes.
S. Démonos conta de que igual non podemos ir ao ritmo que se exise na actual industria musical. Pois atoparemos o noso. Pero non imos sacar cousas por sacar e que non nos representen.
—Sabendo o que sabedes hoxe, se volverades a este punto do ano pasado, cambiaríades algo do que tedes feito?
M. Seguramente, teriamos sido un pouco menos intransixentes.
S. Si, teriamos confiado máis no traballo doutras persoas.
—Que é o máis gratificante desta aventura?
M. O meu soño dende pequena foi que a xente cantase algo que eu compuxera, así que o máis gratificante é ver nos concertos á xente cantando dende a primeira canción.
S. Eu sinto moita gratitude polo tempo que a xente emprega nas súas casas facendo cousas que despois nos regalan: un debuxo, unha boneca, unha camiseta gravada...
—Cal é o sacrificio máis grande que vos supuxo esta tolería?
S. O que máis boto de menos é o tempo dedicado a outras persoas.
M. Pois eu teño a sensación de que puiden compaxinalo ben. Para min o máis sacrificado é sentir que hai unha parte do proxecto que cada vez se desprende máis de nós. Como que se fala de Fillas de Cassandra como algo un pouco máis alleo a nos as dúas.
—Houbo neste tempo algún momento de tensión entre vós?
—[As dúas ao unísono]. Moitos!
S. María e eu temos dúas personalidades que chocan en moitos puntos. María é a persoa coa que máis discuto porque tamén é a persoa coa que máis cousas que me importan realmente teño que decidir.
M. Somos dúas persoas que reflexionamos moito e ao final calquera conflito sempre somos capaces de solucionalo.
S. Se non, non estariamos aquí [rin]
—A que dedicades o voso tempo libre?
S. Que tempo libre? [rin]
M. Eu, antes, cando tiña moito tempo libre, sempre quería enchelo de cousas. Agora, cando teño un anaco só quero sentarme e non pensar en nada.
S. Eu a ver pelis de animación ou Charlie y la fábrica de chocolate, porque me pon feliz. E despois, pasar tempo coa miña parella, a miña familia e os meus amigos.
—Como levades o da fama? Chega a ser molesto?
M. Que va! Encántanos! Flípanos que nos recoñezan. Porque nos coñecen por algo do que nos sentimos orgullosas.
—Fixeches un máster acelerado de inmersión na industria musical. Que foi o que máis vos sorprendeu para ben do que iades atopando?
S. A min sorprendeume que entre os músicos falámonos e axudámonos máis do que pensaba.
—E que vos sorprendeu para mal?
M. Que nos sigan preguntando quen nos escribe as cancións. Iso non o soporto.
S. O dos tempos acelerados a min é o que máis me agobia. Para estar aí tes que estar continuamente sacando contido. Pero para crear fan falta pausas. Nós precisamos tempo para pensar e repensar que é o seguinte que queremos poñer no mundo.
—E xa tedes unha idea de que ides poñer no mundo despois de «Acrópolis»?
M. Temos moitas ideas pero ningunha certeza. Iremos testeando cousas e a ver... O máis bonito é non saber.
S. Para nós é importante crear, pero non ten por que ser un disco. Poden ser outras cousas. Como é o caso de Últimas Dionisíacas, que ten unha entidade propia.
—Se temos en conta as vosas últimas entregas, semella que no futuro a electrónica vai ter moito máis peso.
S. De momento, si, pero nunca se sabe. Non estamos para nada pechadas. É certo que en Últimas Dionisíacas as cancións están revisitadas dende unha electrónica máis escura. Pero sempre creamos sen saber moi ben cara onde imos.
M. Así como agora estamos a full de electrónica, de repente Fillas de Cassandra pode sacar un disco en acústico.
—Estades cansas de explicar que non sodes pandereteiras ou aínda é necesario?
M. Supoño que nos siguen asociando con elas porque cando saímos era o momento das pandereteiras e englobáronos aí.
S. Cando realmente o noso disco é bastante máis pop que tradicional.
M. Aínda así, seguen chamándonos de festivais que son supertradicionais e sempre pensamos que se o fan é porque advirten que en nós asoma esa raíz. Que, por outra parte, realmente existe. Para nós, o máis importante é que en Fillas de Cassandra conéctanse moitos xéneros pero que non partimos de ningún en concreto.
—Que nos podedes adiantar de «Últimas Dionisíacas»?
M. Antes de pechar a polis, esa acrópole que construímos e derrubamos, quixemos facer unhas últimas festas por todo o alto nas que cantar, rir, chorar e pasar por todas as emocións. Iso é Últimas Dionisíacas.
—En que vai ser diferente dos concertos de Fillas de Cassandra que vimos o ano pasado?
S. Hai un proposta a nivel escenográfico acorde ao concepto de estar abandonando un lugar derruído. Hai un deseño de iluminación. Hai colaboracións. Contamos con dúas músicas en escena, Tania Caamaño e Marina Vidal. Haberá ademais cancións novas, que só van a estar nestes concertos e darémoslle unha volta as outras para que o espectáculo teña sentido de principio a fin.
M. O ano pasado, aínda que si que tiñamos unha certa concepción de espectáculo, ao final cantabamos canción tras canción. Que si, estaban todas fiadas pola historia pero non estaban conectadas a nivel visual.
—Cal foi o voso concerto favorito do 2023?
S. O do festival da Poesía do Condado, en Salvaterra do Miño.
M. O do Revenidas.
—Un escenario ao que vos gustaría subir?
—[As dúas ao unísono]. Castrelos.
—Unha colaboración soñada?
S. Con María José Llergo.
M. E que con Baiuca témolo dito moitas veces e nunca saíu.
—Cal foi ese momento do que gardades un recordo especial este último ano?
M. O meu, cando actuamos no faro de Muxía e antes do concerto puidemos ir á praia.
S. Si, ese foi un día moi chulo.
—Tivestes nestes doce meses algún intre que vos fixera dubidar do voso proxecto?
M. Dubidar de verdade, non. Si que houbo momentos críticos de non entendemento nos que chegamos a dicir «pois non pasaría nada se isto se ten que rematar aquí». Pero solventáronse enseguida.
- VIGO. AUDITOTORIO MAR DE VIGO. VENRES 16. 22.00 H. ENTRADAS ESGOTADAS