O artista máis influente da música galega actual fálanos do seu novo álbum, «Barullo», unha sorte de foliada nun club de Londres ou nunha rave de Berlín
27 sep 2024 . Actualizado a las 12:16 h.Bregador infatigable, inconformista obstinado e intrépido por innegable condición, con Barullo, Baiuca vén de situar a súa proposta nun escenario tan fascinante como inaudito. Que para nada semella antinatural en relación co que del coñecíamos. Pero que si que move os marcos respecto ás referencias do pasado. Co seu terceiro disco, que hoxe se publica, Baiuca monta unha sorte de foliada nun club de Londres ou nunha rave de Berlín. «Si, é un disco bastante europeo», confesa o músico de Catoira. Con bpms máis altos e un achegamento máis rotundo á electrónica, pero sen afastarse da conexión coa música tradicional galega. Con pezas dunha mántrica voluptuosidade, como Navajitas ou Rachafaldra; outras que se achegan ao beatbreack dende o tribal, como a que da título ao disco; ou con coqueteos co pop desconstruído, como Xoia; ademais das que Baiuca xa foi adiantando nos últimos meses (PAEQB, Monteviso, Sísamo, Alentejo e Ribeirana).
—De onde che vén esta paixón polo club?
—Sempre me encantou a música de club. Sempre quixen facer un disco así. Que fora de bailar de verdade. Aínda que non deixa de ser un disco de cancións. A maioría son temas cantados e con letras porque forma parte da miña maneira de compoñer.
—E o de «Barullo»?
—Vén de imaxinarme eu aí, bailando no medio da xente, desfrutando da miña música.
—Porque ti es bailón?
—Interiormente, si. Eu son moi tímido e exteriorizar iso, cústame. Pero cando compoño este tipo de música é porque por dentro a sinto así. Se non, non tería sentido.
—É un disco moi de pista de baile, pero ao tempo tamén é moi tribal, moi de raíz. Hai moita intensidade nos dous polos.
—Totalmente. Temas como Ribeirana evidencian que fun un paso máis alá do que fixen en Embruxo. Volvín traballar con Lilaina, pero tendo claro que quería que a sonoridade estivese máis achegada ao club.
—Xurxo Fernandes, Antía Muíño, Carlangas, Felisa Segade (Leilía), Antía Ameixeiras... A nómina de colaboradores é abraiante.
—Si, síntoo como un luxo que me podo permitir e ao tempo como un labor, o de buscador de voces. Xuntar a Xurxo e a Felisa nun tema para min foi moi épico.
—A que leaches con dous discos... Hoxe hai moitos artistas explorando esa vía de conexión entre o «tradi» e a electrónica que ti abriches e por fin a mocidade conectou coas nosas músicas de raíz.
—Si, pode que o meu éxito animara a outra xente, pero o bo de todo isto é que eu non forcei nada. Eu tiña claro a música que quería facer dende o primeiro momento e fíxena. Sen pensar en nada máis. Agora vese que había un territorio musical que estaba sen explorar, pero cando eu comecei, non era moi consciente diso.
—¿Como estás a vivir o que está a acontecer na música galega e en galego?
—Síntome orgulloso do grao de area que eu puiden aportar para que a xente abrira a mente e para que a escena galega se reinventase. Agora é moi importante que os novos artistas non perdan de vista a innovación e as ganas de arriscar. Porque si, está ben tomar inspiración da tradición, pero para facer algo novo e diferente. Estou pensando, por exemplo, en Mercedes Peón. Ese é o tipo de artista que eu admiro. Entendo que chega un momento no que ves cales son os patróns de éxito e é tentador seguilos. De feito, sinto que hai moitos proxectos nos que se nota que a procura do éxito está por riba da parte artística.
—Como escolles as coplas?
—Iso si que é algo que non cambiei dende o principio. Cando atopo unha melodía que me gusta, busco a letra coa que se soe cantar e se non me encaixa, vou buscando noutras copas tradicionais que falen da temática que me interesa, e se tampouco as atopo, compóñoas eu. Con este disco e este son, máis de club, apetecíame que as letras falaran das relacións humanas dentro do contexto do baile, así que busquei coplas tradicionais en arquivos e recollidas que encaixaran con esa idea.
—Dicía nestas páxinas hai un par de semanas Rubén Sierra, cantante de La Pegatina que «cantar en galego hoxe derriba fronteiras». Concordas?
—Eu o que creo é que cantar en galego non pecha portas. Eu tíñao clarísimo dende o primeiro momento. Se había grupos africanos facendo xiras polo mundo, tamén se podían facer coa cultura e coa lingua galega. E así foi. Cando imos por aí fóra vexo como tanto os nosos instrumentos como a forma de cantar sorprenden moito.
—Tiveches algunha vez algún mal recibimento ou advertiches algún prexuízo?
—A verdade é que non. Os puristas o que critican é cando un artista se define como tradición. E eu nunca lle vendín a moto a ninguén de que o que estaba facendo era tradición. Eu sempre deixei claro que o meu era un proxecto de electrónica no que a tradición era unha fonte de inspiración. Pero eu non fago música tradicional.
—Igual hai puristas tamén na electrónica que non entendan, por exemplo, que ti metas esas voces tradicionais.
—Tampouco me pasou. A electrónica é un mundo bastante desprexuízado. E pasa o mesmo. Se ti non dis que estás facendo tecno puro, tampouco che van criticar.
—Como leva Alejandro, unha persoa reservada e discreta, o tema do éxito e da fama?
—É que a miña vida é moi tranquila. Nunca foi algo que me afectase. E tampouco o meu foi un despegue brutal. A miña carreira defínese por ir pouco a pouco e de forma constante sacando música, colaborando con xente e gañando público. Non son un one hit wonder.
—Vivir en Barcelona axuda ou dificulta?
—A min axúdame máis do que me complica. Eu viaxo de maneira moi frecuente a Galicia, pero hoxe en día tamén é doado traballar por internet. Tanto neste disco como no anterior houbo cousas que gravamos on line, eu dende Barcelona e eles dende Galicia. A min estar fóra sempre me axuda a airear a cabeza e achegarme ás cousas con outra visión. Para min é importante non estar nun entorno retroalimentado nin pensando constantemente no circuíto galego. Nunca o fixen. De feito, o proxecto naceu buscando facer algo diferente, precisamente porque eu escoitaba outra música e viña doutro lugar.
- A CORUÑA (BAIUCA + CARLANGAS Y LOS CUBATAS). MUELLE DE BATERÍA. SÁBADO 28. 21 H. 38,50 EUROS