Carlos Callón: «Non se pode ir en contra da xente que fala castelán! O futuro do galego está na boca dos que non o falan»

FUGAS

XOAN A. SOLER

«Eu non falo galego por masoquismo, faime a vida moito mellor», revela o presidente de honra da Mesa pola Normalización Lingüística, que receita cariño e vontade para dar solución á lingua: «O fundamental neste proceso son os 'galegocalantes'»

25 oct 2024 . Actualizado a las 05:00 h.

Carlos Callón, ademais de presidente de honra da Mesa pola Normalización Lingüística, é o autor do ensaio O libro negro da lingua galega, un dos éxitos literarios recentes, no que relata as dificultades que ao longo de 500 anos tiveron os habitantes de Galicia para desenvolverse na lingua propia. Callón tenta poñer luz alí onde hai sombras, como o último informe do Instituto Galego de Estatística (IGE), que constatou unha perda de falantes de galego.

—Está o futuro aínda máis negro que cando publicaches o libro?

—Está todo por escribir, porque ás veces vese o futuro como unha foto fixa, e hai linguas que estiveron nunha situación peor cá nosa e que lograron revitalizarse. Depende do que fagamos como sociedade e, por suposto, do que fagan as institucións para insuflarlle vida ao galego. Nos séculos escuros o galego estaba prohibido, pero falábase, foron luminosos nese aspecto.

—Como valoras o informe do IGE?

—Non dá ningún dato que sorprenda, porque todos os informes publicados desde que eu teño memoria van na mesma liña: o galego perde falantes e non se están a tomar as medidas para corrixir esta situación. Este informe saíu dúas semanas despois doutro informe moi importante, o do Consello de Europa, sobre se se estaba a cumprir a Carta Europea das Linguas. Sen a vulneración de dereitos da que fala Europa non se entendería esta perda de falantes. O estraño é que non a houbese.

—O estraño é que a lingua galega siga viva!

—Ese é o grande misterio da lingüística galega. Por que o galego, a pesar de tanto tempo con paus enriba, con prohibicións directas e indirectas, continúa existindo. Segundo os datos do IGE, segundo os datos do IGE, no tramo de poboación en que menos se fala galego, se sumamos os que sempre o falan cos que falan máis galego que castelán estaríamos no 16% Nos datos oficiais non chega ao 3% en carreiras fundamentais como Medicina, Enfermería, Odontoloxía... E nalgunhas hai o 0%. No ensino o galego está varrido.

—Que medidas habería que adoptar?

—Agarimo e vontade. Se o Goberno galego e o español tivesen vontade de cumprir as normas sobre o galego, cumpriríanas. Como pode ser tolerable que se incumpran as normas, as leis e os tratados internacionais sobre a nosa lingua e a nosa cultura?

—Por exemplo?

—Somos a única lingua do Estado na que non se estrea un filme xuvenil e infantil. É unha cuestión de cariño, porque o gasto non é nada. E outro dato fundamental é o ensino. O 38% dos pais fálanlles galego aos fillos. Que pasa para que despois a metade deses fillos non falen galego cos pais? Pois pasa isto: non hai lecer en galego. Por que a programación de Clan, de RTVE, non pode emitirse tamén en galego? Non hai nada que o impida, non hai ningún programa de Radio Nacional en galego. O ministro de Cultura mostrou un discurso de sensibilidade, pero despois cal é a práctica do Ministerio de Cultura? Os discursos do Goberno e da Xunta son distintos, pero a práctica política é a mesma. Feitos son amores.

—Como pode reverterse no ensino?

—O primeiro é prohibido prohibir. Non debe prohibirse nin limitarse o galego. Non pode estar prohibido nas materias nas que está prohibido. O Consello de Europa dixo que iso non era cumprir o establecido. Debe garantirse no período infantil, e fomentar o seu uso nas diversas materias, porque vivimos con certo teatro. Xeografía e Historia ten que darse en galego, pero logo non contamos con materiais auxiliares: non hai ningún atlas en galego, nin vídeos educativos en galego... E non hai lingua no mundo que se recupere sen ter a escola do seu lado.

—A visión cara ao galego, no entanto, é positiva na sociedade.

—Si, excepto catro trogloditas, a xente tanto fale galego como castelán ama o galego. Cando se pregunta: «Desexa que se potencie o galego?» A xente responde que si. «Desexa que se potencie na escola, na empresa?»... A resposta é si. Pero non se está a apoiar esa lingua de amor. A maioría dos galegos, aínda que falen español, senten as Tanxugueiras como propias, cada vez que hai un éxito da súa cultura festéxano...

—Non hai, como tempo atrás, un rexeitamento.

—Exacto! Iso é un elemento de futuro importante. Pero o galego está moito máis desprotexido que hai dez anos, as políticas foron empeorando. A listaxe é inmensa. Eu animo á xente a que probe a vivir 48 horas en galego con normalidade. Se ten que facer unha xestión coa axencia tributaria, co Sergas, se quere informarse, matricularse nunha carreira a distancia, a ver que lle acontece... O cinema é un exemplo, non porque sexa definitivo, pero é significativo, porque é moi fácil e non se fai nada.

—Es optimista?

—Non se trata de dicir que todo está ben, existe a posibilidade de que desapareza a lingua. Imaxinamos unha Galiza sen lingua, sen mar e sen monte? Son tres realidades que podemos perder. Que país vai ser ese? O futuro está por escribir. Se continuamos como estamos, con institucións que poñen paus nas rodas, o galego vai ir a menos, vai manterse como lingua residual. Non vai morrer en vinte anos, pero ese proceso de minorización ten efectos na cohesión social. Pero o galego pode aprenderse. Meus pais non me ensinaron nin inglés nin francés... E, ademais, pertencemos a un sistema lingüístico, o galego-portugués, potentísimo. Unha ferramenta que debemos aproveitar para darlle máis forza.

—Como se pode mobilizar para falalo?

—Fomentándoo desde as institucións e eu, persoalmente, animo a xente a que dea o paso, porque usando o galego pasas a coñecer outra realidade diferente. Eu non falo galego por masoquismo, fáloo porque me fai a vida moito mellor, máis agradable, a pesar das dificultades que me poñen. Se non fose polo galego, perderíame moitas cousas do meu redor. E non observaría o mundo do mesmo xeito, tamén pola conexión con Brasil e Portugal. Non me decataría de aspectos da miña historia, se non fose por usar o galego con normalidade.

—Non se pode ir en contra da xente que en Galicia fala castelán...

—Claro que non! Cantos Castelaos e Rosalías hai aquí. Castelao cando volveu de Arxentina volveu falando castelán, e logo mudou. Rosalía tamén. Como dicía Otero Pedrayo: «Somos un país de conversos». Canta xente non hai «galegocalante» que vai ser decisiva neste proceso! O futuro do galego está nas mans e na boca da xente que non o fala. Eu animo a falalo, e a tentar falarlles en galego aos nenos.

—Chama a atención que, tras tantos anos estudando galego, algúns non sexan capaces de redactar sen faltas.

—O galego está moi mal na escola, a realidade é que en infantil está varrido, en primaria está mal, e en secundaria, algo mellor. E menos en catro carreiras de Letras, na universidade hai 0% de ensino en galego.

—Como estamos respecto ao catalán e o vasco?

—O catalán perdeu falantes, pero ten prestixio e hai moita competencia comunicativa, que é moi importante. Nós estamos a perdela. No IGE, por vez primeira cae, aínda que pouco, a porcentaxe de xente que sabe escribir en galego. Por que se mantén o prestixio do catalán? Porque se facilita o seu uso. O vasco partía con dificultades, ao non ser unha lingua románica, e con vontade e agarimo recuperaron falantes. Agora están moito mellor ca nós.