Garza excita os mantras e tingue as brumas de vivos cores

FUGAS

cedida

O músico arousán ven de publicar un disco de electrónica atmosférica que se afasta da «rave» e do «tradi» para achegarse a un son máis europeo, a tendezas máis industriais

08 nov 2024 . Actualizado a las 05:00 h.

Nun momento no que a maior parte da produción de música electrónica en Galicia se orienta cara ao rave ou cara á simbiose co tradicional, Garza —que non vén sendo senón o proxecto (uni)persoal de Adrián Charlín— acaba de despachar un disco de electrónica sofisticada e atmosférica que pon a mirada e o son alí onde case ninguén chega; nese territorio nebuloso no que conflúen as emocións e as vísceras, o rabuño e a caricia, a luz ferinte e a inquietante escuridade.

Vertentes, que así se titula este segundo álbum de Garza, editado como o anterior por Ferror Records, agranda sobremaneira os horizontes sonoros que Adrián Charlín explorou en Interferencias, o seu primeiro disco.

Mantén, si, certas formas, como esa querenza pola sobreposición de texturas que por momentos crean atmosferas de desacougo e noutros adormentan os sentidos. E tamén conserva, sobre todo nas partes iniciais das cancións, algúns daqueles suxestivos ambientes brumosos que tinguían de gris, sobre todo o seu primeiro epé, Alborada. Por moito que que agora asomen moitas máis cores.

Pero, amais diso, Garza aporta nestes doce cortes —o primeiro deles, de once minutos— unha translación moito máis evolucionada e complexa do seu concepto musical. A primeira gran novidade é a incorporación da súa voz. Certo é que son voces non cantadas ao uso. Voces moi atmosféricas, moi etéreas, con moito efecto, que se mesturan cos demais elemento dos temas propiciando esa sensación de transo tan característica nos temas de Garza.

A segunda gran novidade é o xiro que claramente anticipa este disco cara a unha electrónica máis industrial, máis na liña do que se está a facer en cidades como Berlín ou Manchester. Unha electrónica mesmo por momentos orientada á pista de baile, aínda que sempre evitando os ritmos máis obvios e elementais. Os mantras excítanse e o onírico tórnase pura vibración.

Como atinadamente sinala Fernando Fernández Rego, editor do disco, Garza preséntanos una «proposta dual que oscila entre a escuridade electrónica e a claridade melódica, creando un equilibrio fascinante entre o denso e o directo». Pois iso. Dito queda.