Javi Maneiro dedícalle unha canción aos sanitarios, os seus «anxos no inferno»

FUGAS

PILY REÑONES

O cantante pecha a etapa de cancións relacionadas co seu accidente cerebrovascular cun tema que comeza pop e remata en rock guitarreiro

20 dic 2024 . Actualizado a las 11:09 h.

Tampouco é cuestión de pasarse a vida falando daquel accidente cerebrovascular que o tivo ano e medio fóra de xogo. Tras o disco Un bonito despertar, Javi Maneiro pecha agora esa etapa coa publicación dun sinxelo que é «un agradecemento aos sanitarios que me salvaron a vida na uci e que realmente son uns anxos no inferno». De feito, así titula o tema: Anxos no inferno. Unha canción que se afasta do canon sonoro habitual de Maneiro, para comezar como un sentido tema pop que —tal e como simboliza o videoclip que o acompaña— vai collendo forza e vertixe a medida que o músico se adentra nun túnel no que lle agardan poderosas guitarras. «A min sempre me gustou moito o pop. Síntome moi cómodo cantando aí. Pero tamén tiñan que aparecer as guitarras porque quería que a canción reflectise ese estado de ánimo polo que pasas cando che ocorre algo así».

Explica o cantante de Heredeiros da Crus que tardou dous anos en escribir esta canción. «Fíxena porque o psicólogo me dixo: 'Escribe o que pensas e o que sentes, que é unha forma moi bonita de desafogar'. E enchín dous cadernos con frases nas que se ían reflectindo os meus estados de ánimo». De feito, a canción aborda tamén nalgúns dos seus versos a cuestión da saúde mental porque, segundo recoñece o propio artista, «foi o que máis me custou arranxar».

Anxos no inferno é un recoñecemento aos sanitarios, pero tamén un agradecemento aos amigos e a familia. «Todos temos anxos que están coidando por nós aí arriba», di Maneiro. E de aí a homenaxe a súa avoa que tamén inclúe o videoclip. Cando o músico sae do túnel, agárdao unha muller —a súa avoa, interpretada pola súa propia nai—, que lle sorrí e lle entrega unha rosa, a flor que Javi Maneiro leva agora sempre no peito cando actúa en directo. «Eu sei seguro que foi miña avoa quen non me deixou irme», acredita.

Tras Anxos no inferno, Maneiro asegura que «é o momento de parar, de aceptar o que me pasou, de agradecerllo á xente que me axudou e de continuar para adiante e escribir sobre outras cousas». A primeira canción desta nova etapa xa está escrita. E seguiro que nos agardan moitas máis, algunhas das cales aparecerán no 2025, ano no que Javi Maneiro compaxinará os concertos do seu proxecto en solitario coa nova xira de Heredeiros.