Os John Deeres asinan o derradeiro disco do 2024

FUGAS

Alberte Peiteado

A cabalo entre o hard rock e o sinfónico con achegamentos ao progresivo, o cuarto álbum da banda da Estrada preséntase como un retrato emocional do illamento do individuo na sociedade actual

03 ene 2025 . Actualizado a las 05:00 h.

Ata o 28 de decembro agardaron Os John Deeres para entregar o cuarto disco da súa traxectoria, O círculo das formigas. Certo é que ben pagou a pena a espera. A banda da Estrada bota por terra con este traballo esa tan manida crenza de que no rock —e aínda máis no hard rock— está todo dito e escrito. Pois claro que non. O que fai falta é abrir un pouco os ollos, os poros e os ouvidos ao tempo que se indaga no interior dun mesmo. Sen prexuízos, pero tamén sen concesións. Sen máis obriga que a de sentirse libre, identificado e satisfeito. E iso foi, precisamente, o que fixeron Os John Deeres con este disco. E ben que se nota.

O círculo das formigas é un álbum que no seu son recíbese intenso, vibrante e directo. A cabalo entre o hard rock escuro e un luminoso sinfónico, aderezado con densos achegamentos ao progresivo. E un álbum, que no conceptual, preséntase como un retrato emocional do illamento e da perda de identidade do individuo na sociedade actual. De aí o seu título.

Porque resulta que cando unha formiga guerreira, que son cegas, perde a senda das súas compañeiras, acaba seguindo o seu propio rastro e formando unha espiral á que se suman cada vez máis formigas, que comezan a xirar en círculo sen parar ata que morren. Unha circunstancia que a Os John Deeres lles lembrou ao modo de vida actual, inmerso «nunha espiral de traballo e consumo acrítico da que é moi difícil saír».

O disco preséntase en dúas partes, Pulso e Inercia, con catro movementos cada unha, que mesmo poden ser escoitadas e entendidas como dous traballos distintos. Mais non é un xogo de confrontacións senón de simetrías. Cada unha das partes debuxa un percorrido vital de ida e volta da luz á escuridade. Da desesperación á autoaceptación. Da vitalidade e a alegría á depresión e á morte, para rematar na melancolía. Que, como cita Manuel Reices, teclista da banda, «hai quen di que é a alegría dos tristes».

En canto ao son deste cuarto disco, aínda que nin as guitarras nin os postulados esenciais do hard rock perden o seu protagonismo, Os John Deeres si que lle engaden agora tamén unha notable presenza dos sintetizadores, que lle achegan a estas cancións un ton máis sinfónico e un certo lirismo, que contrasta coas vertentes máis densas e profundas, máis próximas ao progresivo.

Outro elemento que sustancia e define a sonoridade de O círculo das formigas é a relevante presenza da voz de Vanessa García. Que xa aparecía nalgúns temas do seu anterior traballo, Cinzas, pero que neste formou parte do proceso de composición e produción dende o comezo. A voz de Vanessa marca definitivamente estas cancións tanto polo seu timbre como pola súa enérxica vitalidade. Unha diferenza que Os John Deeres non só valoran dun xeito moi positivo senón que buscaron de forma premeditada. «Hai grupos que cando incorporan un elemento tan distintivo como é a voz, intentan que cada cantante sexa unha especie de tributo ao anterior. Nós, ao contrario. O que buscamos foi que supuxera unha clara ruptura».