Este rapaz de 20 anos decidiu pecharse o pasado verán na súa habitación para, coa colaboración de Yuly como produtor, parir o seu primeiro disco: Nove Noves.
09 ene 2025 . Actualizado a las 21:11 h.Por se non nos chegaba con Terbutalina, The Rapants, Capital Voskov e Archivo Adxunto, a inesgotable canteira de artistas e grupos musicais de Muros vén de sumar un novo nome á súa nómina: 9Louro. Que vén sendo o proxecto persoal de Martín Louro, un rapaz de 20 anos que o pasado verán decidiu pecharse na súa habitación para, coa colaboración de Yuly na faceta de produtor, parir o seu primeiro disco: Nove Noves.
A cuestión é que, aínda que con moitas cousas por pulir e por madurar, este Nove Noves dá a sensación de non ser un traballo máis de entre eses moitos que fai a rapazada cando xoga a facer música. Hai nel algunhas pistas que deixan entrever que podemos estar ante un artista con moitas, e moi diferentes, cousas que dicir.
O primeiro que chama a atención é a súa variedade en canto a sonoridades. Aínda que a maioría dos temas oriéntanse cara o urbano, proxéctanse dende moi diferentes vertentes. O mesmo topamos un tema con bases que evocan ao funk brasileiro que un reguetón de vella escola ou outros máis achegados ao trap. Pero tamén os hai máis popis, algúns mesmo bailables, e incluso unha bachata bastante persoal, Os meus males.
A outra gran singularidade de 9Louro son unhas letras descarnadas, por momentos abertas en canle. A soidade, o desencanto, o desamor, o valor da amizade e as dificultades para soster o equilibrio mental son cuestións que asoman con frecuencia no seu discurso. «Todo o que escribo sae do meu peito», di 9Louro nun dos seus temas. E abofé que é así. Fronte a estes desacougos Martín atopou na música a súa persoal terapia. «A música é o único que me enche e aínda que teña só 20 anos, sei que sen ela non vou poder estar nunca. A felicidade que sinto cando a fago e cando a escoito non ma da ningunha outra cousa», comenta.
Interpelado polas súas metas, asegura que o único que busca «é estar ben comigo mesmo e coas persoas que están ao meu lado». Entre elas, por suposto, os seus amigos -cos que comparte videoclip- a súa familia, outra presenza recorrente nas súas composicións. Dende a súa avoa, á que se pode escoitar no tema que abre o disco, ao seu irmán, Xanma Louro, guitarrista e vocalista de The Rapants, ao que tamén alude en varias referencias. Conta 9Louro que cando estaba facendo este disco decatouse do orgulloso que se sentía de formar parte da súa familia. «Busquei unha maneira de expresalo e recorrín á música, como fago sempre».