Loita Amada exhibe en directo as súas rotundas credenciais

FUGAS

cedida

Despois de 34 concertos e xusto antes de pecharse para gravar o terceiro disco, a banda ofrece o venres 17 unha última cerimonia sobre o escenario con convidados de luxo

17 ene 2025 . Actualizado a las 16:46 h.

A comezos do 2024 vía a luz Rematou o simulacro, o disco que redefinía a nova andaina musical de Jásper, o que fora líder de Nao. Pois ben, xusto un ano despois, remata tamén esta etapa da nova realidade deste proxecto. Unha realidade cambiante que foi transmutando ao longo destes doce meses a medida que a banda foi medrando e evolucionando segundo ían cumprindo obxectivos. O primeiro e máis evidente, dar a coñecer o grupo. Algo que conseguiron grazas a unha xira de 34 concertos.

Pero aínda lles quedaba unha raspa cravada: tocar en máis festivais, un territorio que semella natural e propicio para unha proposta de rock aguerrido e incendiario, pero ao tempo festivo e coreable, como a de Loita Amada. «O ano pasado xa estivemos en varios pero ao presentar o disco en xaneiro, a moitos non chegamos porque xa tiñan o cartel pechado», contan.

Pero por se aínda quedaba algún chisco de simulacro, Jásper conformou o pasado mes de outubro unha formación robusta e entregada en corpo e alma a Loita Amada, coas incorporacións de Davide Salgado (guitarra), Alberte Fernández (baixo) e Ana Novo (trompeta).

Baixo estes postulados e con estes argumentos, antes de poñerlle punto final á xira deste disco e a modo de mostra e de credenciais do que a partir de maio se poderá escoitar nun directo de Loita Amada, a banda organizou un concerto especial que se celebrará o venres 17 na sala Capitol de Santiago, no que ao seu cancioneiro habitual sumarán varios temas de Nao, que pasarán a formar parte do seu repertorio. Neste concerto, Loita Amada contará cunha nómina de convidados de luxo: Tanxugueiras, Xiana Lastra (A Banda da Loba), Hugo Guezeta, Nervo (Rebeliom do Inframundo), Vanessa García (Os John Deeres), María Prado, Torrocho (ex Nao) ou Álex Arnoso, entre outros.

Tras o concerto, Loita Amada pecharanse para ultimar o seu terceiro disco, que gravarán en abril nos estudios Garate, de novo baixo a produción de Kaki Arkarazo.

  • SANTIAGO SALA CAPITOL 21.00 10.50 EUROS