
Escolleron Resaca Emocional o 14-F para editar «De amor», o seu disco de debut. Todo concorda neste proxecto de pop electrónico
14 feb 2025 . Actualizado a las 05:00 h.O nome do grupo, Resaca Emocional, xa dá unha pista de por onde vai o concepto global do proxecto. E o do disco, De amor, de cara a onde se orientan as dez cancións que o compoñen. Preséntanse como colectivo diverso e multidisciplinar, no que teñen cabida a música, as artes visuais, a danza ou o deseño gráfico. No cuarteto visible, o que sobe ao escenario, atopamos a un dos produtores máis prolíficos e brillantes da escena galega, como é Berto, xunto á emerxente Ash Diz, arroupados por outros dos nomes habituais do noso underground: Lorena Cachito (percusión) e Brais Iriarte (baixo).
—Que queredes achegar ou transmitir con este proxecto?
—Creo que o que facemos é algo novo e necesario na música en Galicia. Por unha parte, o concepto do colectivo fronte ao individualismo que impera agora é algo que me gusta moito. Porque Nathy Peluso non é ela soa, senón que son as 300 persoas que traballan para ela. Entón, parécenos interesante reflectir que nos proxectos musicais hai moitísima xente traballando detrás que merece recoñecemento. E a outra motivación foi que penso que en Galicia falta música pop. Tiña ganas de facer algo popi, algo como de estar en camita escuchándolo. Paréceme que temos unha sonoridade e unha estética propia. Que somos algo distinto, que non se ve todos os días.
—Hai temas como «Sae o sol» ou «A fin do mundo» que, máis que para escoitalos na cama, son para bailalos.
—Si, pero tampouco os escoitas e dis: «Ah! mira, que produción tan habitual». Tomeime moita liberdade á hora de facer estas producións e Ash tamén aportou moitísimo a nivel creativo.
—Dáme a sensación de que cancións como «Mario Crush» enlazan moito con Verto (con uve). Concordas?
—Si, si. Hai moito de Verto neste álbum. Son propostas moi diferentes, pero hai cancións de Resaca Emocional que teñen ese rollito como cuqui que tiñamos daquela.
—Teñen o «selo Berto».
—Iso é un cumprido. Eu intento que toda a música que fago teña unha sonoridade propia porque poño sempre nela todo o que hai en min. Non a despersonalizo. Ao contrario, personalízoa o máximo posible porque se non me representa, non sae.
—A pesar do nome do colectivo, ao final quedouvos un disco bastante optimista.
—Si, Ash e eu comprometémonos a falar do amor dende unha perspectiva como moi naif, divertida, como buscando ese neno interior. Por iso case todas as canción se cantan dende a dozura e dende un sitio como moi íntimo. Por iso dicía o de escoitalo en camita..., abrazado con alguén.
—O disco titúlase «De amor», pero tamén hai bastante desamor.
—O disco aborda tres etapas do amor. Primeiro, cando te namoras tolamente; despois, cando estás pillado que flipas e estás todo o rato como de lúa de mel, e as tres últimas cancións falan de cando xa empezan os problemas e dáste conta de que o amor non son só bolboretas, senón que tamén require xestións, que hai inquedanzas e medos. Sobre todo, o medo a que a outra persoa marche.
—De feito, «O único medo que teño» é o título dunha canción. Cale é o teu?
—Non saber que son. É unha preocupación bastante intensa que teño.
—Pois hai outro título que se cadra defínete ben: «Trapecista emocional».
—Si, si. Pero non quero selo, eh! (ri).
—Falades do colectivo como «espazo seguro». A escena musical galega non o é?
—A ver, eu sentín de todo. Tiven xente coa que estiven moi a gusto e xente que non me fixo sentir así. Resaca Emocional non nace como guerrilla contra un tipo de comportamento que haxa na música galega. Nace da necesidade de atopar espazos seguros, sobre todo porque no grupo hai moitas persoas queer e coidámonos moito e hai moito respecto entre nós. Pero nunca se nos ocorrería dicir que isto sexa un espazo seguro e o resto non.
—Daríame pena que Resaca Emocional quedase nunha proposta xeracional, porque eu creo que ten unha proxección moito máis transversal.
—É certo que corres ese risco cando fas algo tan de nicho. Eu son consciente de que no disco non hai un hitazo incontestable, no sentido de que o escoite a túa nai e lle encante. Temas deses xa os temos e sairán despois. Pero quixemos que este disco tivese como unha unidade. E ese risco, pois si, sempre está aí cando fas un proxecto, sobre todo se é tan atrevido coma este.
—A onde queredes chegar? O circuíto de festivais, por exemplo, é un obxectivo?
—Si, temos un directo que penso que podería encaixar en festis perfectamente. Reinventamos as cancións coa idea de que rematen moi arriba. Trapecista emocional, por exemplo, en directo dura nove minutos. Si, temos un bolo bastante festivaleiro e a min gustaríame entrar nese circuíto e que unha proposta así tivese visibilidade.
—Ata non hai moito dicías que non ías volver aos escenarios. Que cambiou?
—É que a música é a miña paixón. É certo que a veces por circunstancias vitais acabas afastándote de algo que che gusta moito, pero ao final doume conta de que sempre acabo volvendo á música. E Resaca reactivoume ata o punto de que me devolveu as ganas de compoñer e volver ao escenario.
—Vas seguir producindo discos?
—Non o sei. Polo de agora quero centrarme en Resaca Emocional. Co da produción acabei queimado por certas cousas, sobre todo a nivel psicolóxico. É un tema complicado vivir da produción en Galicia.
—Incluso para quen produciu os discos que máis se escoitaron en Galicia no 2024, o de Mondra e o de Fillas de Cassandra?
—Incluso. Ti pensa que hoxe os cartos están nos concertos e aí non está o produtor. En calquera caso, para min o máis importante e a miña motivación sempre é aportar algo á cultura galega. E penso que con Resaca Emocional estámolo facendo.