De Ninghures: «Utilizamos a linguaxe tradicional para dicir cousas non tradicionais»

FUGAS

De Ninghures son Manuel Fernández 'Cataqui ', Tomé Mouriño, Aldara Palmeiro, Hadrián García, Adrián Méndez (de pé), Marta Álvarez e Manuel Lucas (sentados)
De Ninghures son Manuel Fernández 'Cataqui ', Tomé Mouriño, Aldara Palmeiro, Hadrián García, Adrián Méndez (de pé), Marta Álvarez e Manuel Lucas (sentados) -

A publicación de «Feira» é un dos máis felices acontecementos da música galega en tempo. O septeto articula un cancioneiro ancorado na raíz e erguido no pop

07 mar 2025 . Actualizado a las 11:06 h.

Se Tanxugueiras non teñen fronteiras, a De Ninghures non se lle adiviñan límites. Feira non é o seu primeiro disco pero vai ser (ou xa está sendo) o punto de partida dun tan excitante como reconfortante fenómeno que transcende mesmo do estritamente musical. Sete músicos en escena é un luxo que xa non pertence a estes tempos. Pero é que, por riba, todos comparten protagonismo. Todos teñen os seus momentos, todos tocan varios instrumentos, todos cantan e todos bailan. Circunstancia esta que lle engade outra gratificante anomalía que se ven a sumar ao seu enorme poder de empatía e transmisión.

De Ninghures afunden as súas raíces nos ritmos tradicionais. Non exclusivamente nos galegos. Para a partir deses cimentos levantar unha arquitectura sonora fascinante articulada sobre estruturas e ornamentos claramente pop.

O xoves 13 actúan na sala Capitol de Santiago, onde xa colgaron o cartel de sold out hai un par de semanas. Outra feliz anomalía. «Se no lo din hai un ano, non o cremos. Pero ao final houbo moitos sis polo camiño que foron preparando o terreo para que isto chegase», conta Manuel Lucas, responsable da viola caipira que soa en De Ninghures

—De que é síntoma que un grupo como De Ninghures encha a Capitol?

—Penso que ten que ver co feito de saírnos un pouco do ambiente tradi. Aínda que seguimos bebendo desa fonte, neste disco hai unha deriva cara a cancións máis de autor ou incluso pop. Digamos que utilizamos a linguaxe tradicional para dicir cousas que non son tradicionais.

—Tras o éxito acadado por «Morena», o 99% dos grupos terían feito un disco cheo de Morenas, pero vós non.

Morena para nós foi unha peza moi experimental e queriamos que o disco tamén transitara por outros sons máis orgánicos. E Juan de Dios [produtor do álbum] soubo combinalo con moitísima coherencia e dun xeito supernatural.

—Outra tentación era bascular cara á electrónica. No voso caso está presente pero dun xeito sutil, nun segundo plano.

—Unha vez máis foi cousa de Juan de Dios. Apuntalamos os graves con algo de electrónica na percusión e nos baixos para ter máis pegada pero por riba segue habendo un clarinete, unha gaita, un violín, a miña viola caipira, un acordeón... Seguimos estando os que estabamos sempre.

—En directo, gañastes en seguridade e en capacidade para transmitir, e moitas veces na música actual iso imponse ao virtuosismo instrumental ou vocal.

—Tamén é o que temos (ri). Porque se miramos aos nosos referentes, como poden ser Milladoiro ou Berrogüetto, non lles chegamos nin á sola do zapato a nivel de dominio do instrumento. Pero quero pensar que nós temos outra cousa, que é esa conexión coa xente, que seguramente nos vén do feito de empezar tocando en foliadas.

—Hai quen di que as foliadas son o caldo de cultivo a partir do que xurdiu o que está a pasar na nosa música. Hai que integralas na escena musical ou deben quedar á marxe e seguir como ata agora?

—Eu creo que deberían quedar así, pero dende logo si que foron un punto de partida. Eu teño que recoñecer que fun a moi poucas foliadas, pero as veces que fun entendín códigos que nunca antes entendera.

—Preocúpavos o que vos digan os puristas do «tradi» da vosa querenza polo pop?

—A verdade é que non. Seguro que hai quen nos critique, pero entre nós os sete dámonos moito reforzo positivo. Se unha canción nos gusta a nós, que máis nos dá a quen lle guste ou a quen non! Vai pa'diante.

—Por se quedaba algunha dúbida de que tamén tedes un corazonciño pop, para «En fin, que máis da» contastes coas guitarras dunha icona do xénero como é Xoel López.

—-Si, si. De feito ocorréusenos o de que Xoel poidera meter as guitarras porque ese é un tema absolutamente pop. E, por riba, está composto a partir dunha melodía de Florencio López, O cego dos Vilares, que, precisamente, era tío avó de Xoel.

—Unha das cousas que chama moito a atención nos vosos concertos é a vosa versatilidade á hora de tocar varios instrumentos.

—No mundo folk iso é bastante habitual. Intentamos que o protagonismo agora estea aquí e despois alá, e transmitir esa idea de movemento e de colectivo tanto na composición como nos arranxos e no directo.

—Que é o que máis vos fascinan das feiras?

—A velocidade coa que vai todo nelas. Fas cousas moi distintas practicamente de seguido. Agora estás comprando isto aquí e en medio minuto buscando outra cousa alá. E ao tempo podes estar falando con varias persoas á vez. Nós con iso identificámonos bastante. Sempre dicimos que os nosos ensaios son unha feira.

—O disco está cheo de convites ao baile.

—O tema do baile márcanos as letras, márcanos os bpms das cancións... En caso de dúbida, sempre gaña o baile. Se un tema non é bailable, non pode ir.

—Os festivais son un obxectivo?

—Nós pensamos que nos festis si que podemos encaixar. Ao mellor non nos bailan tanto como nunha foliada pero agora nos concertos tamén vemos moita xente que canta as nosas letras. É outro público e a nós interésannos ambos.

—No remate da primeira canción do disco escóitaseche dicir que sodes De Ninghures, non De Ningures. Estades moi fartos de que vos chamen sen a gheada?

—Iso tamén foi unha broma de Juan de Dios, que o grava todo. Pero é normal. A xente da montaña que non fala con gheada, como o vai dicir? Nós escollemos ese nome porque somos de moitas procedencias, é dicir, que non somos de ningures. Pero daquela no grupo había varios músicos de Carballo. Por iso foi con gheada.