Prado Rúa e Eva Cameán, as tiktokers que multiplican fans en galego: «Esta lingua serve para todo» 

Ana Abelenda Vázquez
Ana Abelenda REDACCIÓN / LA VOZ

FUGAS

Eva (da libraría Clarión) e María (nas redes Prado Rúa) defenden que o día das Letras sexa todo o ano.
Eva (da libraría Clarión) e María (nas redes Prado Rúa) defenden que o día das Letras sexa todo o ano.

«O peor galego é o que non se canta e o que non se fala», din as condutoras das contas @pradorua e @clarionlibraria de letras, pandeiretas, do que mola e as cousas que menos nos chistan... 

16 may 2025 . Actualizado a las 05:00 h.

Chandaleira, con pano florido e moi pandeireteira sae nas redes Prado Rúa (@pradorua), de nome María, cunha cuestión crucial na véspera do 17 de maio: «Preparada para felicitar á túa avoa?». A tiktoker que turra botando a lingua pola tradición da que vimos os galegos non pode estar «máis feliz» con que as homenaxeadas este ano sexan as cantareiras. «É un acto de xustiza», considera esta creadora de contido e de falantes que non esquece á súa avoa Rosa. «Pensando na herdanza que me deixou, non podo estar máis agradecida da lingua que me deu. Sinto que mentres fale galego e use esas palabras que só lle escoitaba a ela, vai seguir comigo para sempre», revela. Na mesma onda de tradición cantareira fai, post a post, defensa da lingua e a literatura Eva Cameán, libreira de Clarión, que está en Carballo e a medrar nas leiras máis froiteiras do mundo virtual.

­—Nas redes parece que hai cancha para a lingua e a cultura galegas?

Eva. Cancha haina se se quere en todas partes. Haina en TikTok, en Instagram e na vida en xeral.

­—Está e ten que estar. A lingua hai que botala onde está a rapazada?

Prado Rúa. Si. Totalmente. Para que unha lingua estea normalizada ten que estar presente en todos os ámbitos. E, por desgraza, sempre imos un paso por detrás... Cando empezaron a existir as redes sociais, cando a xente as empezou a utilizar en masa, o galego non tiña moita presenza, pero diría que a raíz da pandemia agromaron as contas e empezou haber máis xente animada a empregalo.

­—Son as contas dos «influencers» en galego un «Xabarín Club» do século XXI?

Prado Rúa. Eu non diría tanto... O Xabarín marcou a vida de moita xente, é unha icona. O TikTok non está personificado, son moitas persoas, aínda que esa democratización do contido está ben, que calquera poida crear vídeos na casa. Se nos diriximos á xente nova, as redes son a forma de chegar con máis facilidade.

­—Todos vimos da aldea. En todas familias houbo unha avoa cantareira?

Eva. Non sei se en todas, pero na maioría supoño que si. Polo menos, nas zonas rurais. Aquí na nosa zona está moi vivo a día de hoxe o tema das foliadas e as cantareiras. E se non houbo avoa, eran bisavoas ou tataravoas...

«A pandeireta, xunto coa lata, as culleres e as botellas de anís, é o instrumento máis democrático e máis accesible»

—Aquelas mulleres que falaban con cantigas, ditando sentenza. Que ten a pandeireta que non ten a gaita?

Prado Rúa. Dende logo, a pandeireta, xunto coa lata, as culleres e as botellas de anís, é o instrumento máis democrático e máis accesible. A gaita e outros instrumentos máis elaborados son máis difíciles de conseguir. A gran maioría do pobo galego era xente ou ben labrega, mariñeira ou gandeira, xente da clase obreira e traballadora. Para min, a pandeireta é o símbolo que reflicte a humildade do noso pobo. E iso é moi importante non esquecelo.

—Eva, que che pareceu que este ano o Día das Letras recoñecese con nome e apelidos a sete mulleres que representan a milleiros?

Eva. Paréceme ben como homenaxe. Pero non debemos deixar isto para un día ao ano. Falaba o outro día con Icía Varela, unha das autoras dos libros que máis estamos vendendo estes días, Cantareiras, da importancia de alongar isto no tempo. Precisamente, tiñamos prevista para este momento a presentación na libraría e decidimos pospoñela por este motivo, para darlles continuidade a estes traballos ao longo do ano. Se non, parece que as cantareiras hai que celebralas ata o día 17 e pasado o día ninguén se acorda...

—Como libreira que lecturas recomendas para celebrar ás nosas Letras todo o ano?

Eva. Con respecto ao tema das cantareiras, saíron unha chea de libros chulos, como o que dicía de Icía Varela que se chama Cantareiras. A outro sobre elas para cativada que está chulo para nenos e nenas, Somos pandeireteiras [de Mercedes Peón, Ana Romaní, Selina Otero, Andrea Nunes, María Reimóndez, Susana Sánchez Aríns e Natalia Balseiro], e o de Carlos Callón, Maxicamente vella, eternamente nova, a literatura tradicional galega. Hai outros moitos...

—Cal é o camiño máis curto, natural e festeiro para amar unha lingua? Esta pregunta vai para Prado Rúa.

Prado Rúa. Sinxela a preghunta... Non sei, eu considero que ter referentes que sexan galegofalantes pero non só no eido musical. Tamén no fútbol, das artes, do día a día, do profesorado... Os referentes son importantes, xente que admiras e fala en galego, que mola. Dende a perspectiva dunha persoa adolescente, así mola falar en galego.

—Ao longo das catro últimas décadas vese un percorrido con fitos e momentos distintos. Na música, escribir e cantar en galego parece hoxe máis natural, algo máis fóra da loita deliberada contra os complexos e os prexuízos. Percibes que hoxe hai ese xeito máis natural de usar o galego na música e na vida?

Eva. Estamos nun momento no que, polo menos, se está intentando facer ver e se está a demostrar que o galego serve para todo. Iso ao final é a loita constante e eterna. Parece que o galego servía para unhas cousas, pero para outras non. Como que non servía para as «importantes». Estanse explorando todos eses camiños, non? O galego é unha lingua que serve para todo, como calquera outra lingua. Supoño que cada vez vai chegando naturalmente a máis ámbitos, como as redes sociais, a música, a todos lados, que é onde debería estar.

—Faltan produto e cultura audiovisuais en galego a día de hoxe?

Prado Rúa. Sempre pode haber máis, pero non é o eido no que peor estamos neste momento. Ao mellor, falta produto audiovisual de consumo de masas. Sobre todo, pensando nas películas que saen, para todos os públicos en galego non hai tantas... Agora vénme á cabeza algunha coma Cuñados. Pero temos que apuntar a todo tipo de públicos.

—Hai que facer industria?

Prado Rúa. Diso estamos faltos...

—Aí teñen que apoiar os poderes públicos. O peor galego é o que non se canta?

Eva. O peor galego é o que non se canta e o que non se fala, non? O que non se usa. Porque se non o usamos non existe. Agora hai nas redes sociais moita xente neofalante que se está botando adiante expresándose en galego. E fago unha análise, sorpréndeme moito ver que hai xente galega que non sabe falar galego. É algo que me choca, ao mellor porque estou nesta burbulla do rural, nunha zona na que falamos bastante galego e incluso aínda a xente que non o usa aquí sabe falalo.

—Perviven os prexuízos?, esta perseguido o feito de falar e de vivir en galego?

Prado Rúa. A ver, é complexo. Antes había uns prexuízos e foron mudando. Hoxe se falas galego, xa es nacionalista ou independentista. E ás veces pode ser, pero non ten por que.