
O director galego regresou do festival de Cannes non só co Premio do Xurado, senón tamén cun acordo con Neon para a distribución de «Sirât» en Estados Unidos e coa sensación dunha «conexión excepcional» do filme co público
30 may 2025 . Actualizado a las 10:56 h.O 6 de xuño chega ás salas de cine Sirât, o filme do director galego Oliver Laxe (París, 1982) que fixo estremecer o festival de Cannes tras mergullar ao espectador nunha rave en Marrocos onde Luis —interpretado por Sergi López, o único actor profesional do elenco— e o seu fillo buscan á súa filla e irmá, respectivamente, desaparecida. Do certame francés, o cineasta trouxo moito máis que o Premio do Xurado, que o converte no quinto director español en inscribir o seu nome no palmarés da sección oficial.
—Que impacta máis: sete minutos de aplausos tras a proxección, cando anuncian que gañou o premio ou que non parasen de falarlle de «Sirât» durante o festival?
—Máis isto último. O nivel de conexión que tivo a xente coa película foi dunha excepcionalidade total. Distribuidores, axentes de vendas, xornalistas..., incluso aos que non lles gustara falaban de Sirât. Aguantar tanto tempo ao longo do festival, iso ten moito mérito. O que a xente me dicía era que se trataba dunha desas películas un pouco de culto e que había tempo que non tiñan unha experiencia así.
—En que momento se deu conta de que podían acadar un premio?
—Nos principais periódicos franceses estabamos de primeiros. Eramos a película preferida da cinefilia. Pero sabiamos que era moi difícil ter a Palma de Ouro e, ao mellor, non tería sido bo para a película, posto que non deixa de ser unha aposta pouco ortodoxa. Está moi ben o premio, estamos supercontentos. Sabiamos que o xurado vota democraticamente e adoitan gañar pelis de consenso. Parécenos un superpalmarés ao estar con películas moi boas que reforzan a nosa presenza.
—«Sirât», ademais de camiño, tamén alude a unha ponte entre o inferno e o paraíso. Séntese agora máis preto do paraíso?
—A vida non é unicamente facer películas. Se ben me vai moi ben na miña carreira, a vida ten as súas maneiras de facerme humilde [ri]. Non diría que teño o meu camiño feito. Teño certa madurez na miña dimensión de cineasta, pero noutras facetas aínda teño moito traballo por facer.
—Entón, aínda non se ve preto do paraíso?
—Non [ri]. [Tras pensalo un momento, continúa]. Pero si que estou máis preto do paraíso no sentido de que para facer esta película houbo un proceso de asumir máis a miña propia ferida, igual que as feridas dos protagonistas. Que sería o paraíso? É a miña emancipación como ser humano, a liberdade sutil da alma. Nese sentido si. Foi un asumir as miñas feridas; é unha película sobre unha comuñón de cicatrices, de mutilados, de xente á que a vida a sacode con forza.
—Dixo en Cannes que o premio supoñía subir catro ligas á vez e que lle daría máis liberdade. Non supón tamén presión?
—Presión era facer películas só. Ademais, estes anos madurei moito. Dalgunha maneira, cada vez teño menos medos. A miña próxima película terá o mesmo alento libre. Non sinto presión. Traballei cunha plataforma por primeira vez, con Movistar Plus; traballei con xente que sabe facer cinema, como os irmáns Almodóvar; e tiña moita confianza no meu traballo. A miña presión cal sería? Que me saíse ben a seguinte peli? Non, a miña presión é non enganarme.

—Con «O que arde» dicíalle a uns estudantes: «As imaxes que se proxectan impactan no voso corpo». En «Sirât» o impacto é brutal. É necesario isto nunha sociedade anestesiada?
—Creo que estamos todos narcotizados, inclúome; e precisamos eses ritos iniciáticos que nos sacudan, que nos fagan mirar cara a dentro, que é algo que estamos evitando todos, ou a maior parte de nós.
—É un filme que fala do momento actual, con alusións incluso a unha guerra mundial. Ve necesario tratar o presente?
—Curiosamente, é a miña película de máis actualidade. Paréceme que este sabor a crepúsculo no que estamos como sociedade dálle máis importancia a todos os conflitos existencialistas que ten a película.
—Nestes días referiuse varias veces a tirarse ao abismo. Non ten medo a estrelarse ao ir sempre polo camiño do risco?
—Son de natureza temeraria, a miña psicoloxía é así. Ás veces non mido ben as consecuencias dos meus pasos, pero este lado temerario está acompañado de moita fe. Que é a fe? É aceptar que todo o que che dá a vida é positivo, aínda que teña forma de traxedia, accidente ou de acabar por estrelarse. Por que me tiro ao abismo? Porque sei que aínda que me estrele, farame crecer. Iso para min é moi importante. Poño o proceso creativo sempre nunha perspectiva de crecemento persoal e asumo que todo, todo, todo o que me dea a vida será para facerme medrar. Para min estrelarme sería máis ben enganarme, ese sería o fracaso. Estrelarme sería aceptar un proxecto que non ten alma; sería devastador moralmente para min poñer o meu talento e traballo ao servizo de durmir ao ser humano.
—O protagonista do filme e o seu fillo cuestiónanse nun momento se foi acertado acudir a Marrocos, pero continúan o seu camiño. Iniciou «Sirât» no 2012. Preguntouse moitas veces: 'Que fago aquí'? Tivo a tentación de abandonar?
—Esta película e a vida son unha permanente busca de sentido por parte do ser humano. Cando a estabamos preparando, tiñamos feedbacks de financiadores e distribuidores moi negativos, non entendían ben o noso obxectivo. Son momentos duros nos que tes que ter moita fe e crer moito en ti para que a intención dos teus pasos non titubee. Para min, a intención é a base. O que verdadeiramente me dá tranquilidade é que sei que estou facendo un traballo de coidado do espectador. Pero, quen che di que non sexa unha idealización máis? Eu teño esa dúbida. Para quen estou traballando?, penso. Sobre todo, nunha película tan arriscada coma esta. Moitas veces a mellor maneira de coidar ao espectador é sacudíndoo un pouco.
—Quere que a mocidade volva ás salas de cinema. Estase a tempo?
—Non o sei. Non está na miña man, pero na miña man está facer as cousas coa mellor intención e da maneira que creo que é correcta, sen medir as consecuencias. Poida que fracase, pero asumo o risco. Se non a ven os novos, verana os maiores [ri].
—Dixo que pode pasar que haxa mozos que non entendan a película, pero que as imaxes poden ter efecto neles. Preocupámonos máis de entender que de sentir?
—É unha hipótese, pero moitos novos si o van entender. Por outro lado, creo que vivimos nunha sociedade que está demasiado no logos e pouco no mitos [ri]. Son un cineasta que traballa coa sensualidade e a sensorialidade da imaxe, o son, a música. Esta é unha película para bailar, moi sensorial; é unha película espectáculo, para estar no cine movéndote na cadeira, non mirando só coa cabeza. É importante o nivel de percepción lóxico-racional, pero hai outros niveis de percepción moi importantes: a pel, o corazón, o corpo... Sirât remove porque nos toca algo moi profundo, dunha certa dor ancestral, como tocara tamén O que arde.
—Neon distribuirá o filme en Estados Unidos. Pode ser o inicio dun camiño de cara a poder chegar aos Óscar?
—Eles veno factible.
—E vostede?
—Nunca me proxectei na miña vida nos Óscar. Nunca me pareceu a miña casa, pero están cambiando moito. Cada vez os académicos son máis internacionais, están gañando moitas películas de Cannes. Todo o que sexa facer que o público volva ás salas, xenial. Hai algúns apartados técnicos de Sirât, como a música [gañadora dun premio en Cannes], a imaxe..., que poden ter opción.
—Terceiro premio que logra en Cannes. A seguinte película, a Palma de Ouro?
—Eu entendín moi ben a mensaxe da cinefilia internacional en Cannes. O espectador o que quere, secretamente, é sentir a liberdade do autor. Nestes momentos nos que hai moito medo na sociedade, precisamos sentir que hai xente valente que se tira ao abismo. Na seguinte peli o que vou facer é tirarme desde máis arriba; non vou pensar na Palma, senón en facer o cinema no que eu crea. Non vou a medir, téñoo moi claro. Iso foi o que me trouxo ata aquí, esa temeridade do que non calcula. Vou facela coma se fose a miña última película, como se estivese en risco a miña carreira. Vivo nos Ancares, entón, xa conseguín todo. Estou vivindo nun sitio que é dunha beleza escandalosa, no sitio no que quero, rodeado de quen quero..., como para non arriscarme. Dáme igual a miña carreira, porque xa o conseguín. Teño a intención moitas veces de ser verdadeiramente radical.