
Un mesmo foco de interese aúna estes dous ensaios: visibilizar o proceso irregular e inexplicable que levou a centos de mulleres a ingresar no sanatorio
13 jun 2025 . Actualizado a las 05:00 h.Coinciden no tempo tanto a segunda edición de Rotas, subtitulada «As mulleres que o franquismo agochou en Compostela» (Positivas), de Montse Fajardo, volume que foi Premio SELIC hai dous anos e tamén premio Follas Novas na modalidade de divulgación hai poucos meses, como a primeira edición de As tolas que non o eran, subtitulada «Mulleres no manicomio de Conxo 1885-1936», de Carmen V. Valiña (Galaxia).
Ambos os dous ensaios converxen no foco de interese e, nalgunha medida, no proceso de investigación —consulta de milleiros de páxinas do fondo documental conservado do centro psiquiátrico— e mesmo na orientación que abrazan, outorgarlle visibilidade ao proceso tantas veces irregular e en ocasións inexplicable que levou a centos de mulleres a ingresar no Sanatorio. Asemade, abórdase nos libros a historia do centro que, de propiedade eclesiástica, pasou a converterse nun padroado polos cuantiosos beneficios económicos que xeraba, e logo a ser propiedade da Deputación da Coruña para acabar, desde 1993, en mans do Sergas. Cuestiónanse, así, as razóns que conduciron as mulleres ata alí e afóndase no proceso de represión que sufriron desde o ingreso na institución ata a súa saída, se é que esta se produciu algún día. Ambos os dous son, a meu entender, libros complementarios, organizados de tal xeito que posibilitan unha lectura diacrónica do hospital psiquiátrico de Conxo, e sempre respectuosos cando se trata de retratar as experiencias acontecidas naquel lugar a través do emprego de nomes falsos ou de abreviaturas que recollen as vidas de tantas mulleres vulnerables e estigmatizadas, para sempre, pola súa estadía naquel lugar. Un e outro ensaio desprázanas así da periferia ao centro.
Consulta dos fondos dos documentais
O ensaio de Carmen V. Valiña aborda, así pois, o período que vai desde a apertura do manicomio, propiedade da Igrexa, o 1 de xullo de 1855, catorce días antes do falecemento de Rosalía de Castro, ata o comezo da guerra civil.
Valiña sistematiza, grazas á consulta dos fondos dos documentais, un universo onde ingresaron un número aínda hoxe indeterminado de mulleres, case sempre da man dos seus maridos, irmáns ou pais, en tantas ocasións enganadas e que saíron ou ben xa directamente para un asilo ou das que nada se soubo pois nun escasa número puideron volver ás súas casas. Valiña, alén de nos informar sobre a dinámica de anular a identidade das ingresadas ao tatuarlles un número na súa pel, escolle a estratexia confesada de darlles vida a aquelas mulleres a través interpretando ou inspirándose naqueles documentos conservados: anotacións nas historias clínicas —sempre escasas— dos médicos, cartas sen enviar ou recibidas e outras fontes consultadas. O exercicio da autora transmítenos, así pois, con viveza e transparencia, igualmente con estremecemento, como moitas destas mulleres non tiñan trastorno mental diagnosticado pero a súa reclusión convertía Conxo nunha ferramenta de corrección de condutas consideradas impropias e que, deste xeito, as situaba na periferia.
nesgo clasista
Montse Fajardo revela en Rotas con estratexias de investigación centradas na consulta documental e fontes orais e bibliográficas, outro número considerable de mulleres —neste caso sen revestilas dun verniz ficcional— que foron obxecto, desde o ano 1936 en diante, dunha evidente represión institucional.
Fajardo elabora un discurso que se asoma ás razóns polas que moitas mulleres foron ingresadas nesta institución —marcadamente clasista ao existir mesmo catro diversos niveis en función dos ingresos económicos— que van desde as que se sitúan as causas no conflito militar, ás realidades provocadas pola vivencia do dó, pasando polas chamadas “histéricas”, as mulleres abandonadas ou as que foron obxecto de violencia machista entre outros temas. É doado conxecturar que as historias que se compendian neste libro resultan, en ocasións, verdadeiramente arrepiantes ao tempo que son inequivocamente reais. Repárase, por exemplo, nos datos que ofrece sobre a masificación vivida nalgunhas épocas, as condicións hixiénicas do lugar, os maltratos que as mulleres padecían, as terapias que recibían ou o altísimo nivel de mortaldade que se deu de mulleres esquecidas, nalgún caso rebeldes, e sempre abafadas nun único modelo nacional-católico e ás que agora somos quen, grazas a este traballo, de poñerlle rostro desde as brétemas.