O verán en que morreu Xuan Bello

Mercedes Corbillón

FUGAS

asdf

01 ago 2025 . Actualizado a las 05:00 h.

O verán avanza e morren as pegas e os poetas sen que saibamos como, sen carta de preaviso nin períodos de adaptación nin formularios adecuados para dicir adeus. Os poetas non saben nada de burocracias, aínda que estean obrigados a contar as moedas que levan nos petos revolvendo cos dedos longos de agarrar os lapis cos que debuxan versos ou estrelas, depende do día. Yolanda demostrou que cen euros bailando un solitario na conta poden ser angustia e poesía. O primeiro para todos e o segundo para os dotados para a lírica, eses que moven o mundo coa súa panca invisible para ensinarnos as raíces, os nós e os tocóns que anuncian a distancia para ser feliz ou para chegar a fin de mes. «Soñei con cen mil euros/ eran unha esfera de luz, pairando», «cen mil euros calados, luminiscentes» , di Yolanda Castaño, que hoxe chora a Xuan Bello, poeta asturiano ao que nunca lin, enorme ausencia, burato negro de literatura que podo encher agora que o autor de Historia universal de Paniceiros morreu antes de tempo e de súpeto, provocando unha onda de dor e admiración que eu sigo nas noticias e nos muros de lamentación das redes que por unha vez semellan sinceros, contaxiada de nostalxia e estupor e ansiosa tamén por chegar a ese lugar real e mítico do que todos falan, aínda que sexa con vinte anos de retraso nos que se ve que din tumbos con torpeza de lectora despistada en palabras pasaxeiras e borrosas como as que formulan os amantes que non aman, perdida en libros abertos ao baleiro, en historias ditirámbicas e nulas, deixando atrás o fundamental que nunca sabemos que é, pero que se parece bastante ao resío sobre a tumba do pai ou a montaña que deu sombra polas tardes a casa dos antepasados que morreron sen deixar recado, como morreremos nós, talvez en verán e coa man no corazón, como Xuan Bello, poeta asturiano que lle escribía versos ao pai, «padre míu: como me manca que morrieras ensin dicite que yera lunes y agostu y París enceso», «num m,abasta con suañar contigo a les veces, na nuoche que berra como un llobu con fame./ Nun m,abasta con tenete cerca, eiquí, per dientro».