
«O loito é esa cousa con plumas» achégase a unha temática sensible sen caer en melindres nin excesos. É inevitable percorrer con el «fochancas de melancolía» mais a súa é, basicamente, unha visión literaria
14 ago 2025 . Actualizado a las 05:00 h.Hai uns anos, o escritor inglés Max Porter (High Wycombe, 1981), que xa traballara como libreiro e editor, debutou con este libro que chega a nós en tradución ao galego grazas ao labor de Moisés Barcia. O loito é esa cousa con plumas, publicado orixinalmente no 2015, é un texto híbrido que gañou diversos premios e supuxo para o autor a posibilidade de seguir cultivando unha carreira literaria como testemuñan as súas obras posteriores Lanny (2019), The Death of Francis Bacon (2021) e Shy (2023).
É ben probable que esta peza literaria volva ocupar a atención mediática en breve pois para este mesmo ano está prevista a estrea da súa versión cinematográfica, dirixida e guionizada por Dylan Souther e protagonizada por Benedict Cumberbatch.
Afirmaba arriba que é este un texto híbrido pois Porter, desde o punto de vista xenérico, articula un lugar de encontro un tanto infrecuente, pero efectivo, entre prosa (por veces memoria ou ensaio), dramaturxia e unha linguaxe de filiación lírica. Por outro lado, a temática, que en ocasións se reviste de certo cripticismo ou recendo enigmático, e tal e como se expón desde o seu título, recrea o período posterior ao falecemento da esposa do protagonista, isto é, o día a día cos seus dous fillos pequenos e, curiosamente, un corvo que —quen sabe se a proxección dunha precisa acción terapéutica— adquire categoría de símbolo omnipresente da morte na vida cotiá da familia.
Os fillos, o pai e o corvo, así pois, dispoñen da oportunidade de expresárense en primeira persoa e vivir o loito de maneira distinta e sen nunca pasar páxina: velaí o dó como proceso que persegue exorcizar os demos interiores. Nesa encrucillada, superar a dor será un proxecto a longo prazo pois esta «non permite que ninguén a free, a acelere nin a arranxe». Porter achégase a unha temática sensible e faino sen caer en melindres nin noutros excesos. É inevitable percorrer con el «fochancas de melancolía» mais a súa é, basicamente, unha visión literaria: ás veces metaliteraria e ao tempo chea de profundidade e emoción. Páxinas que son un tributo tamén á memoria de Ted Hughes, poeta sobre o que o protagonista traballa, e a gran Sylvia Plath.