A que fora compoñente de Leilía estrea o seu novo proxecto en solitario o mércores 24, na inauguración do festival Maré, en Santiago
19 sep 2025 . Actualizado a las 05:00 h.Durante 34 anos formou parte de Leilía, pero as súas inquedanzas musicais non remataron, nin moito menos, co adeus do sexteto de pandeireteiras. Felisa Segade segue a formar parte de Tres Pesos, colaborou con Baiuca e o mércores, no festival Maré, en Compostela (sala Capitol), nun concerto no que tamén actuarán Carabela, estrea un proxecto que asina baixo o seu nome. «Aínda que se presente como Felisa Segade, este proxecto está dividido ao 50/50 entre Pedro Lamas e mais eu. É verdade que todo xira en torno á música das pandeireteiras e eu son a que aporto a voz e as percusións, pero todos os arranxos correron por conta de Pedro, unha persoa que tamén leva toda a vida no mundo da música tradicional, que sempre se define como gaiteiro, aparte de saxofonista».
—A estas alturas, hai máis ou menos nervios respecto doutros proxectos nesta estrea?
—Hai outra responsabilidade. Cando empezas, ninguén agarda nada de ti pero cando xa levas tantos anos na música coma eu, a xente, cando menos, está á expectativa. E penso que non ten nada que ver coa idade. Sempre se di que cando eres máis novo eres máis inconsciente pero eu non creo que teña que ver coa inconsciencia senón co que a xente agarda de ti.
—Que imos escoitar o mércores?
—Ides escoitar algo que non vos vai deixar indiferentes. No escenario ides ver a catro saxofonistas que veñen do mundo do jazz (Miguel González, co saxo alto; Pablo Añón, co tenor; Toño Otero, co barítono, e Pedro Lamas, co soprano), pero que, como eu lles digo, «neste grupo ides ser algo pandeireteiras», porque o xeito que tivo Pedro de arranxar os temas foi dende o respecto á música das pandeireteiras e cos códigos da música tradicional, non do jazz.
—Aínda con catro saxos ao teu carón, a xente non vai ter ningunha dúbida de que o que alí está a soar é música tradicional?
—Absolutamente ningunha.
—As cancións proveñen de recollidas ou son composicións propias?
—Todas son recollidas. Son temas que levan comigo moitísimos anos, que me din cousas e que me gusta cantalos.
—A quen e a onde queres chegar?
—Cando fago música nunca penso que é para entrar neste circuíto ou naquel outro. Fágoa porque me apaixona. Con este proxecto, o que reivindicamos é a música de verdade. Hoxe en día estamos nun momento no que ás veces importan máis as máquinas que se levan que o músico en si. Nós reivindicamos o contrario, a música feita en directo. Todo o que soa enriba do escenario está creado nese momento pola xente que está alí. E penso que dende esa premisa podemos chegar a todos os públicos. Este proxecto non vai dirixido a ninguén en particular e a todos en xeral.
—Dis que fas o que te apaixona. Que te apaixona?
—Cantar, tocar... Todo o que ten que ver coa nosa cultura musical, apaixóname. Lévoo facendo moitísimos anos e sígoo desfrutando moitísimo.
—Estás preparada para as comparacións con Leilía?
—Non é algo que me preocupe. Todas temos etapas na nosa vida e temos que ilas superándoas. De todos os xeitos, non sei se haberá esas comparacións. Cando empecei con Tres Pesos non as houbo.
—Botas de menos Leilía?
—Boto de menos o estar e crear xuntas, reunirnos aínda que fose unha vez á semana, pero no que se refire ao plano artístico, téñoo totalmente cuberto. Sigo cantando, sigo tocando e sigo en contacto co público.
—Na entrevista previa ao concerto de despedida de Leilía pregunteille a Ana Rodríguez [unha das compoñentes do grupo] por que o deixabades e díxome: «Que máis nos queda por facer?». Parece evidente que si que quedaba por facer.
—Eu penso que si que podían quedar moitas cousas por facer. O problema é que Leilía sempre foi un grupo que tomou as decisións de xeito moi pausado. Non hai máis que ver que botamos 34 anos xuntas e só publicamos seis discos. Iso ten que ver co pouso que lle demos a todo o que fixemos. Entón, no mundo de hoxe en día, no que vai todo rapidísimo, nós non estabamos nin queriamos estar. Sentir que tiñamos que facer as cousas a correr estábanos empezando a anguriar. Así que aí foi cando dixemos «fixemos sempre o que queriamos facer sen deixarnos arrastrar nunca polo que viña de fóra, e o que fixemos moi ben feito está. Non imos cambiar o noso xeito de traballar despois de 34 anos». Esa é a realidade de por que o deixamos. Nin nos levamos mal, nin nos deixou de gustar o que estabamos facendo, nin en realidade pensabamos que todo o que había que facer xa estaba feito.
—A colaboración con Baiuca achegouche a un público novo?
—Non creas. Ninguén veu falar comigo para dicirme que me coñeceu por Baiuca. Nos concertos que fixen con el na Capitol ou na Quintana miraba para o público e coñecía á máis da metade da xente.
—Foi unha experiencia como para repetir?
—Si, por que non? Non me desgusta o resultado. O que menos me gusta son as postas en escena. Que a túa voz soe nun escenario e ti non esteas. Ou esteas no patio de butacas, como me pasou na estrea na Coruña do disco de Budiño. Foi unha sensación rarísima, estar alí sentada e ao mesmo tempo escoitándome enriba do escenario. Eu son consciente de que á xente hoxe en día dálle igual, pero eu, igual é pola idade que teño, non o comparto. Recórdame a cando empezaron as orquestras a tocar en playback. Falta ese risco e esa comunicación do directo co público.
—Sairás o mércores co gorro de ferrallas?
—Xa sei que causou furor, pero ese gorro é só para a Felisa de Tres Pesos.
- SANTIAGO. SALA CAPITOL. MÉRCORES 24. 20.30 H. 22 EUROS