Perú: «A idea é non entrar coma un elefante nunha cacharrada»

Pablo Penedo Vázquez
Pablo Penedo VILAGARCÍA / LA VOZ

FUTBOL GALLEGO

MARTINA MISER

O técnico interino do Arousa dilles aos xogadores que eles «son os protagonistas»

13 feb 2025 . Actualizado a las 05:00 h.

O Arousa entrou de cheo na mañá de onte na etapa de transición que este luns se abría coa saída do banco da Lomba do adestrador ferrolán Míchel Alonso. David López, Perú, e o seu preparador físico no conxunto arlequinado de División de Honor Juvenil, Álex Tubío, dirixiron sobre o céspede artificial do Manuel Jiménez a súa primeira sesión á fronte do primeiro equipo do club vilagarcián. Unha sesión que, como mandan os canons nestas circunstancias, resultou máis curta do normal, precedida pola charla de presentación do novo estratega do Arousa, arroupado polo presidente do club, Manolo Abalo, e mais polo seu director deportivo, Dani Abalo. 

«Díxenlles que estamos aí por e para eles», conta Perú, «para achegar enerxía e traballo e para tentar cambiar a situación» dun equipo que leva seis partidos de Liga sen gañar, incluídas tres derrotas. Propósitos que pretende materializar sen balbordo, desde o estilo tranquilo e rigoroso que caracteriza o home que levou o Arousa ao seu primeiro ascenso á máxima categoría do fútbol de formación en España, manténdoo nela por terceira temporada consecutiva.

«A idea que temos é non entrar como un elefante nunha cacharrada e non dar mil voltas, senón trasladar situacións que temos traballadas no equipo xuvenil, con certos matices tácticos». O plan de acción de Perú pasa por «non cambiar hábitos, nin rutinas, que os xogadores se sintan cómodos, e que se sintan identificados co estilo de xogo», declara.

Con todo, a misión de Perú en tanto o director deportivo do Arousa non lle atopa relevo a Míchel Alonso é virar a traxectoria dun equipo hoxe descolgado por completo da pelexa polo título, e co quinto posto, o do último pasaporte para a promoción de ascenso, en perigo a 14 xornadas para a conclusión da Liga. «Imos tentar reforzar cousas. Que os xogadores estean máis concentrados no que teñen que facer. Díxenlles que isto —reverter a liña descendente do equipo? depende moito deles», sinala o adestrador interino do Arousa, que verbaliza unha realidade espida por completo tras o uso da baza do cambio de adestrador: «Os protagonistas son os xogadores».

A intención de tocar o mínimo e indispensable coa que chega Perú debe verse facilitada pola concordancia táctica coa que Míchel Alonso e mais el operaban nos dous equipos de referencia do club, cun 4-2-3-1 suxeito a variacións en función da evolución de cada partido.

No tocante aos nomes propios que deberán sacar da crise o Arousa, Perú sinala que «agora mesmo non teño un coñecemento tan exhaustivo do cadro de xogadores». O único que sabe é que nin Álex Compa nin Pacheco, este para un mínimo doutras catro semanas de baixa, estarán dispoñibles para o vindeiro encontro, o domingo no campo do Polvorín, mentres a presenza de Iñaki Martínez e de Concheiro eran onte dúbidas.

No tocante á participación da canteira no primeiro equipo, Perú seguirá contando cos xuvenís Pedro Bouzada e Úbeda, que xa traballaban tres días á semana con Míchel Alonso, e sondará a posibilidade de que algún máis se sume co condicionante dos adestramentos matutinos do Tercera.