Luis del Río, presidente do Viveiro CF: «Varios xogadores xa teñen ofertas de superior categoría»

FUTBOL GALLEGO

Defende os cambios aplicados ata «dar coa tecla», negocia a renovación de Adrián Benavides e asume que o plantel volverá transformarse para o sexto curso consecutivo en Terceira Federación
20 may 2025 . Actualizado a las 19:46 h.Tras un breve respiro por outra campaña chea de turbulencias, pero rematada con éxito na Terceira Federación, o Viveiro CF xa comeza a confeccionar o seu sexto proxecto consecutivo na categoría. O presidente, Luis López del Río (Viveiro, 1960), negocia a renovación de Adrián Benavides, o adestrador que atou a salvación tras relevar a Jandry Rego e Fabri González, e asume que clubs con mellores condicións deportivas, económicas e xeográficas volverán levar varios dos seus futbolistas chave: «Este equipo é un escaparate».
—Cal é o seu balance?
—Penso que foi unha boa tempada. Nunca estivemos nos postos de descenso. Pasaron moitísimas cousas, pero ao final seguimos un ano máis en Terceira, que era o que importaba e o obxectivo. Como sucedeu tódolos anos, houbo moito sufrimento, moitas pedras no camiño, pero volvemos dar coa tecla.
«Nunca estivemos nos postos de descenso»
—Visto o inicio con Jandry, pensaron aspirar a algo máis?
—Non, nunca se pensou en nada máis. Jandry realizou un gran traballo e nas primeiras catro xornadas sumamos dez puntos, pero nunca se pensou máis alá. Sei moi ben o que temos e ata onde podemos chegar. Oxalá puidéramos estar en zonas máis altas, pero hai que convivir con isto. Non é fácil pola localización de Viveiro traer xogadores e cada vez hai máis nivel; o ano que vén teremos ao Compostela en Terceira, ascenderon o Barco e o Montañeros, que teñen un gran potencial... Cada vez é máis difícil e para nós non hai outro obxectivo que competir.
—Foi un ano con tres adestradores e, unha vez máis, moitos cambios de xogadores.
—Se fas un balance, todas as nosas tempadas son así. Nós temos que buscar solucións, ás veces acertadas e outras non tanto. Sempre buscamos o mellor para o Viveiro, podemos equivocarnos como calquera, pero o obxectivo está máis ca cumprido, ninguén pode dicir nada porque imos a pola sexta tempada seguida en Terceira. Tampouco nos axudou o campo; cando mellorou Cantarrana volvemos sacar resultados, prexudicou moito o talento que temos en segunda liña con Fanego, Adri Lombao ou Rolle.
—Viñan de 14 consecutivas en Preferente. É moi grande o cambio?
—É moi grande, pero isto é fútbol. Imos gozar da nosa sexta tempada en Terceira, tratar de facelo o mellor posible, pero mañá podes estar en Preferente ou, incluso, Primeira Rexional. Competir suponnos moito esforzo e sacrificio, non lembro ningunha campaña sen pedras no camiño.
—Prevé moitos cambios no equipo para o vindeiro ano?
—Oxalá fora doutra forma, pero para competir en Terceira Federación coa nosa localización sempre estamos expostos a cambios. Este equipo é un escaparate. Varios xogadores xa teñen ofertas de superior categoría, outros queren achegarse máis á casa, o noso orzamento cada ano ten máis problemas... Temos que afrontar moitas turbulencias.
—Gustaríalle seguir contando con Adrián Benavides como adestrador?
—Si. Démonos unha semana de marxe para desconectar do estrés deste final de tempada e xa comezamos a falar. Estamos mirando o que o equipo lle pode dar e el necesita. A partir de aí sacaremos conclusións. Hai boa predisposición polas dúas partes, pero aínda estamos en negociacións.

—Houbo uns cantos xogadores da Mariña cun rol moi importante. Seguirán contando con eles?
—Por parte do club, coa xente de aquí contamos sempre con todos. É o que estamos buscando, que xogadores da zona vaian dando un pasiño adiante cada ano. Teñen que ter paciencia para ir entrando. Está aí o exemplo de Juan, que apenas xogou no seu primeiro ano e ao seguinte foi titular indiscutible. Foi unha desgraza que unha lesión o apartara completamente de competir, pero gustaríame que os rapaces se fixen nel, que tivo paciencia, traballou e acabou facéndose co sitio. Agora Esquerdeiro e Xoel incorporáronse desde Primeira Rexional e xa tiveron os seus minutos. Iso é o que buscamos, queremos ter moitos xogadores así.
—Seguirán sen equipos de base?
—Iso é moi complicado. Para ter categorías inferiores hai que ter unha escaleira. Non se pode ter xuvenís se por detrás non tes uns infantís e cadetes. A base está na SD Viveiro e, pola nosa parte, calquera xogador que destaque un pouquiño terá cabida.
«A base está na SD Viveiro e, pola nosa parte, calquera xogador que destaque un pouquiño terá cabida»
—Como valora que Cantarrana pase a levar o nome de Kiko Rey?
—O Concello tomou esa decisión e nós estamos conformes con ela.