David López, Perú, novo secretario técnico do Arousa: «A idea é darlle continuidade ao traballo que fixo Dani Abalo co equipo»

FUTBOL GALLEGO

Quen xa é o máximo responsable de toda a área deportiva do club vilagarcián avoga por manter o groso do cadro de xogadores da última tempada, pese ao seu fracaso na Liga
07 jun 2025 . Actualizado a las 05:00 h.Confesa que nun primeiro momento lle resultou sorprendente. Tamén, que para darlle o si á directiva de Manolo Abalo, David López, Perú, pediu ir reunindo un grupo de traballo para desenvolver todas as tarefas que require unha secretaría técnica, incluído nel a quen acabe sendo o novo adestrador do primeiro equipo.
—De solución de urxencia e defenestrado aos seis partidos á fronte do primeiro equipo a home con todo o poder sobre a parcela deportiva do club en dous meses e medio. As voltas que dá a vida…
—Si, ben. Ao final son circunstancias que se dan no fútbol. Deuse esta circunstancia, e poñémonos a disposición do club par tentar facelo o mellor posible, e que o beneficiario sexa o Arousa.
—Logo do sucedido a finais de marzo, co seu relevo por Lemos, non sei se valorou nalgún momento deixar o club?
—Evidentemente, cando pasa unha situación destas xera unha frustración. Eu seguín vinculado á base. Sabía que a situación do primeiro equipo, se non gañas, coa esixencia que tiña nese momento o primeiro equipo, era complicado. Desde a directiva entenderon que a mellor opción era buscar outro adestrador para tentar engancharse á promoción. Hai que respectar a súa opción, e é unha mágoa que non dera para conseguir o obxectivo.
—Non respondeu á pregunta...
—Creo que o club sempre me deu oportunidades. Eu víame con forzas de poder seguir, pero eles tomaron esa decisión, e non creo que fose unha situación para pensar en deixar o club.
—Cando lle propón Manolo Abalo a secretaría técnica e converterse no zar deportivo do Arousa?
—Unha vez que acaba a tempada comentounos aos que estabamos na base que nos involucraramos máis no equipo. O mércores falamos con el e co resto da directiva, que tivera unha reunión antes, e comentáronnos a decisión que tomaran e que non ía seguir Dani. Aí dixéronme se quería botar unha man na dirección técnica do primeiro equipo. Eu díxenlles que había que buscar un grupo de persoas para tentar levar adiante a situación, e que se era así, eu estaría disposto.
—Fala dun grupo de persoas. Non vai tomar entón vostede todas as decisións a nivel deportivo?
—A nivel deportivo, sobre todo a nivel de primeiro equipo, consensuareinas co adestrador. A primeira situación vai ser encontrar adestrador. E a partir de aí, a confección do cadro de xogadores vai ser consensuado co novo técnico.
—Que nomes manexa?
—Agora mesmo hai varias alternativas. Buscamos sobre todo que sexa un adestrador próximo aos xogadores, que teña unha maneira de xogar alegre, que tente sintonizar tamén coa idea de club.
—O obxectivo, entendo, será construír un primeiro equipo, se non campión, que compita ata o final polo ascenso?
—Si. Evidentemente, tentaráse facer o mellor equipo posible, que compita ben na categoría. Vimos dunha situación que non foi a esperada por ninguén, porque todos temos claro que había un gran cadro de xogadores, un corpo técnico doutra categoría, pero non se deron os resultados. Hai que partir por tentar estar o máis arriba posible, e segundo os resultados nos poñan nunha situación ou outra, buscar o desexado ascenso.
—Con que pezas quere facelo?
—Primeiro é pechar un corpo técnico, e a partir de aí, empezar a traballar. Agora mesmo, dentro do equipo temos boas opcións, e se son do agrado do míster, tentaráse renovar a maior parte dos xogadores. E hai unha boa xeración de xuvenís que creo que poden sumar, e buscaráse que os xogadores que o fan ben na base teñan continuidade no primeiro equipo.
—Entón, a idea é non cambiar moitas pezas no equipo?
—Non. É moi bo equipo, con moi bos xogadores. O rendemento dalgúns non foi o agardado, pero non sería bo rachar con todo o traballo de atrás, porque se fixo un bo traballo, e si darlle continuidade.
—Refírese ao labor de Dani Abalo?
—A nivel persoal, a Dani eu sempre lle terei que estar agradecido. Fíxome debutar en Tercera. É unha situación complicada a que pasa, pero traballou moito por tentar que as cousas saísen da mellor maneira. Foi un gran traballo o que fixo Dani aquí.
—Contará co mesmo respaldo económico para as fichaxes do que dispuxo este curso Dani Abalo?
— Si. En principio, a directiva díxonos que o orzamento será similar ao dos anos anteriores.