Medio Ambiente traballa nun modelo para predecir desastres ecolóxicos
31 ago 2008 . Actualizado a las 02:00 h.A Consellería de Medio Ambiente iniciou esta semana o tratamento químico do río Eume. Un verquido de terra aceda da autovía Ferrol-Vilalba (en construción) orixinou en abril unha brusca modificación do sistema fluvial. Como director xeral de Desenvolvemento Sostible, Emilio Fernández (47 anos), ten a responsabilidade de dirixir unha tarefa tan delicada como tratar o río con calcita para aumentar o seu pH.
-¿Que é exactamente o carbonato de calcio?
-No pasado, cando tiñamos acidez de estómago, tomabamos bicarbonato. Iso contrastaba a acidez e sentiámonos mellor. Pois a actuación é basicamente a mesma. É un sistema que reacciona cos compoñentes acedos e os neutraliza.
-Pero é un tratamento pioneiro en Galicia. ¿Cómo se chegou a esta opción?
-En Galicia non existen antecedentes. Pero os técnicos analizaron con coidado outras experiencias. A aplicación de carbonato é unha copia do modelo doutros encoros do norte de Europa, con problemas coa choiva aceda.
-¿E realmente é inocuo?
-A actuación é máis lenta e máis segura que con outros compostos. O debate xurdiu na forma de dispersalo, en po ou en estado acuoso. Estámolo subministrando diluído ao 20%. Por cada quilo de carbonato temos cinco litros de auga. É máis dificultoso, tamén, porque o volume que a barcaza ten que desprazar é cinco veces maior que en po.
-¿Que beneficios ten a opción líquida?
-A efectividade na redución da acidez do encoro é dun 25% maior que dispersándoo en po. Ao estar parcialmente disolto, xa actúa directamente cando entra en contacto coa auga, e as partículas non diluídas actúan na parte baixa.
-Se o problema xurdiu en abril, ¿por qué se tardou tanto en actuar?
-Ao actuar sobre grandes sistemas, cando se toca unha parte, moitas veces non se sabe cómo reacciona o resto. Hai exemplos como o experimento do mar de Aral, onde cun pequeno cambio desecárono totalmente. O encoro do Eume ten unha superficie de 450 hectáreas e 123 hectómetros cúbicos de auga, e non se pode actuar sen ter a seguridade de que non ten fallo.
-¿Pensa que a solución chega a tempo?
-Se as obras de selado na causa do problema están a tempo, si. Se antes hai novos problemas de arrastres de materiais acedos no encoro, podemos ter unha catástrofe. Por iso temos que aumentar a capacidade de reacción do encoro ou teremos problemas.
-¿Cómo pode un pequeno río como o Chamoselo contaminar todo o Eume?
-Pode causar un desastre porque a escala de acidez é logarítmica. Se no Chamoselo había un pH de 3, e o comparamos cun valor de 6, isto quere dicir que é mil veces máis acedo, e cada litro de auga no río tributario equivale a mil litros do Eume.
-¿Estudouse un tratamento similar con ese afluente?
-Agora, o problema non é a recuperación do Chamoselo, senón bloquear a súa degradación e ver despois diso, durante un tempo, a capacidade de recuperación natural.
-¿Haberá algún tipo de seguimento do río despois de restablecer as condicións normais de pH?
-Temos un equipo, que é o que normalmente fai o seguimento dos ríos costeiros, os que son de competencia autonómica. As analíticas do Eume eran trimestrais, pero a partir de agora, vai ser un río de absoluta prioridade.
-Mañá cumpriranse dous anos dende o desastre ecolóxico do Umia. ¿Non hai aínda ningún protocolo de actuación para detectar estas situacións?
-Imos emprender un proceso de modelización de todo o río, non só con medicións, senón que temos que ter a capacidade de predicir o que vai pasar, e xa hai un par de meses que MeteoGalicia está traballando sobre o tema. Con toda seguridade, en setembro encargaremos estudos para completar un modelo meteorolóxico que nos permita saber que pode pasar nun río se ocorre tal cousa.