«A alternativa a dar cartos á Fundación Cela era moito peor: perder o legado do único Nobel galego»
GALICIA
O conselleiro de Cultura defende a recente inxección de cartos públicos (case que un cuarto de millón) para o rescate da Fundación Cela.
-¿E non entende que a operación suscite críticas, nomeadamente nesta crise?
-Pero é que a alternativa que tiñamos a iso era moito peor: perder o valiosísimo legado de Cela, o único Nobel galego. Non podiamos permitir que marchara de Galicia ou ben que se deteriorara ata un punto no que fora irrecuperable. Fixemos unha operación acertada e xusto no momento en que procedía. A situación era insostible.
-¿Cando asumirá a presidencia da entidade, afastando dela a Mariña Castaño?
-En xaneiro, en principio.
-¿E en que momento trasladarán ao Gaiás os fondos obxecto de cesión?
-Vai depender de cando remate a análise en profundidade do material que levaremos e do que quedará alí, aínda en curso. En calquera caso, para restar alarma a este tema, querería destacar que non se trata de traer a colección enteira de Cela, senón, da bibliográfica, a esencial, para custodiala, exhibila e conservala nun sitio que tecnicamente foi concibido precisamente para iso: a biblioteca da Cidade da Cultura. En Padrón quedará a maioría do que hai e facsímiles ou dixitalizacións do que saia. Ademais, dinamizaremos a sede de Iria, darémoslle vida, abarataremos o funcionamento e multiplicaremos visitantes.