Médico de vocación, o candidato do BNG en Teo di que a súa profesión é tamén a súa liberdade
06 may 2011 . Actualizado a las 09:50 h.Fillo dunha parella de economistas, o maior de dous irmáns, chegou a Teo con catro anos. Con 32, Martiño Noriega Sánchez (A Coruña, 1975) converteuse en alcalde polo Bloque Nacionalista Galego. O pacto de goberno co PSOE foi imposible; pero, socialmente, non se sente só.
-¿Médico de vocación, político de vocación, todo, nada...?
-Médico de vocación. Meu avó era veterinario, pero escollín a medicina. Exercín case catro anos entre primaria e o 061. Creo que a miña profesión é a miña liberdade. No mundo da política, saber onde tes a túa profesión dáche liberdade á hora de posicionarte. Nestes catro anos, por non perder o contacto fixen os cursos de doutorado.
-¿Chegou á política por algunha razón?
-Na miña casa entendíase a política cun espírito republicano, nunha cultura de esquerda. Xa desde adolescente dábame por ler libros de política que había na casa. E en primeiro de carreira comecei a participar activamente no movemento estudantil.
-¿Que ten o Encontro Irmandiño?
-Sempre tiven unha cultura moi de BNG como independente, nunca pertencín a ningún tipo de corrente. Nun momento concreto entendín que podía aportar algo no Encontro Irmandiño de cara a rexenerar o que era o BNG e determinados posicionamentos políticos dos derradeiros anos. Iso e a relación persoal e afectiva que me vinculaba a Xosé Manuel Beiras.
-Concorre cunha campaña novidosa, «Teo é teu», que ten un aire moderno, que se difunde polas redes sociais...
-O que buscaba era mudar os roles: os cargos públicos sempre estamos a falar do que a xente quere, pois deámoslle á xente a oportunidade de participar. E fixémolo a través das novas tecnoloxías, en rede. Collemos unha mostra representativa do que é o concello. É unha campaña que vai máis alá da cuestión partidaria: xente que se posicionara a favor dun modelo de concello no que se leva traballando catro anos, despois do armandismo.
-Como sona iso de «armandismo» (por Armando Blanco, alcalde pretérito do PP)...
-O armandismo foi unha razón de peso para que me implicara duramente na vida municipal. O que se estaba a vivir no concello no que me criara era unha cuestión insoportable desde o punto de vista democrático.
-Despois de non ter conseguido chegar a un acordo de goberno co PSdeG-PSOE, ¿sentiuse moi só estes catro anos?
-Socialmente nunca me sentín maltratado. En Teo, a xente soubo entender de onde viñamos, soubo ter paciencia e agora valorizo todas as conquistas. Pero houbo que agardar. Iso axuda. É certo que na corporación, polos motivos que fora, non estaba moi normalizada a vida. E aí tivo moito que ver o rol que adoptou o voceiro do PSOE no sentido de non entender cal foi o mandato cidadá de hai catro anos.
-Se noutras vilas funcionaron as coalicións, ¿por que non en Teo?
-Todos teremos a nosa cota de responsabilidade. A incompatibilidade persoal tivo moito que ver, pero tamén é certo que é complicado que eu teña problemas de compatibilidade con alguén, porén, a outra parte...
-Visualicemos: 22 de maio, dez da noite, ¿que pasa?
-O que os veciños queiran. Independentemente da ilusión, de que che valoren o esforzo, teño unha terrible curiosidade sobre o que vai opinar a xente. O que opinen os veciños e veciñas de Teo, ben opinado está. Non temos enquisas máis alá do que percibimos do apoio social.
-¿Faría un diagnóstico médico de Teo?
-O concello estaba en coidados intensivos, foi dado de alta e está na casa, pero precisa repouso.
martiño noriega candidato do bng en teo
«O que opinen os veciños e veciñas de Teo o vindeiro día 22, ben opinado está»