Señor presidente da Xunta de Galicia, señor presidente da Fundación Santiago Rey Fernández-Latorre, autoridades, amigos e amigas:
Logo dun ano no que recibín certamente moitos premios, non crean que por iso este me fai menos ilusión, ao contrario. Non hai máis que mirar a valía da xente que o recibiu para decatarse da importancia que ten e da inmensa honra que supón recibilo.
E non podo ter máis que palabras de agradecemento para o xurado, por considerarme merecedor desta distinción, e non atopo máis que dicir que me considero unha persoa inmensamente afortunada. Son afortunado, primeiro, por dedicarme a unha faceta da medicina, a xenética, que non era habitual nos meus tempos (e teño aquí a moitos compañeiros), pero que hoxe se converteu nun dos cimentos da moderna medicina, e segundo, por poder compatibilizar a actividade práctica da xenética aplicada e a investigación coa docencia.
O feito de que a xente que nos dedicamos á ciencia esteamos hoxe recibindo premios de tanta importancia coma este fala dunha maior madurez da sociedade e de que esta valora o papel dos científicos como motor de progreso e exemplo de dedicación. E nesta valoración, os medios de comunicación teñen un papel esencial. Nun mundo tan mediático, no que todo sempre son novas de avances, e onde hai unha carreira pola visibilidade, a importancia dun periodismo científico que filtre as novas e transmita as que son verdadeiramente importantes é vital. De igual xeito, a divulgación científica, que permite á xente saber o que coñecemos e, aínda máis, o que queda por descubrir, é a única maneira de facernos comprender o mundo que nos rodea e poder xulgar criticamente o que nos din, o que é igual que ser máis libres.
E agradecemento á miña xente. Os que están agora no meu grupo e os que están espallados por todo o mundo, pero que foron unha vez parte del, tanto no Instituto de Ciencias Forenses da Universidade de Santiago como na Fundación Galega de Medicina Xenómica do Servizo Galego de Saúde. Quizais o meu único mérito fose conseguir estar rodeado dun grupo de xente extraordinaria, da que aprendo diariamente, e que trato de que manteñan a ilusión polo traballo ben feito e que entendan que só cunha investigación punteira se poden axudar a resolver cuestións prácticas da medicina forense ou da medicina clínica coa máxima calidade.
É certo que isto non é fácil e máis nos tempos que corren de crise, pero non son dos que lles gusta queixarse. Aínda que nos afecta ao financiamento da investigación, sempre lle digo á miña xente que o que hai que facer é redobrar os esforzos -e eu trato de dar exemplo con iso-, diversificar as fontes de financiamento e aproveitar para reformar estruturas e facelas máis eficaces.
A investigación é a nosa garantía de futuro a medio prazo e temos que facer todos os esforzos posibles por mantela e facela de máis calidade. O sector privado tense que dar conta da súa importancia porque, máis que no sector público, o problema que temos no noso país é a escasa contribución do sector privado ao I+D. E as medidas que se están tomando desde a Administración galega para estimulalo a min parécenme moi axeitadas.
Para o sector público, que en termos de porcentaxe de I+D leva anos facendo un esforzo equivalente á media europea, é básico optimizar este esforzo e mantelo. E para iso, a aposta pola xente é básico. Para empezar a facer a casa polos cimentos, hai que incrementar a masa de investigadores -principalmente posdoutorais-, tan deficitaria na nosa terra: apenas temos un 2 % do total dos investigadores do país, pero seleccionados, iso si, con criterios de excelencia. E tamén é preciso crear centros de investigación autónomos da máxima calidade. Ademais, cómpre unha loita decidida por compartir recursos e infraestruturas e cambiar no ámbito universitario a tendencia á atomización e a falta de xerarquización.
Un problema xeral que afecta ao sector público é a pouco motivante falta de incentivos de acordo ao traballo, que leva a que recibas igual traballes moito e ben que non. E isto, en consecuencia, é unha falta de estímulos para o traballo.
Eu tamén tiven a fortuna de ser tocado pola variña da fortuna polo mecenado. A nosa diferenza de países como Estados Unidos é, ademais da maior contribución ao I+D do sector privado, a achega do mecenado. Parte da súa cultura, esta achega é impresionante. Case non hai centro ou laboratorio en Estados Unidos que non leve o nome dalgún mecenas.
Seguindo coa miña fortuna, achegas como as da Fundación Botín, a Fundación Jove, a axuda á investigación do Hospital San Rafael, e, principalmente, a Fundación Pedro Barrié de la Maza sempre me axudaron e me están a axudar; principalmente, a axuda xenerosa desta última foi esencial para a miña carreira como para a de moitos científicos galegos. E animo a estas fundacións a que sigan con este esforzo e a outras moitas que se sumen a el, sabendo que o apoio á ciencia é básico para o progreso social e o benestar da sociedade.
Agradecemento infinito para a miña familia. Como sempre digo, teño a familia máis marabillosa do mundo, que son un exemplo de unión e de apoio, e que souberon transmitirme o valor do traballo e da constancia, a min e aos meus irmáns. Como dixen no discurso da Medalla de Galicia, que con tanta honra recibín este ano, os meus pais aínda seguen a coidar de nós, en lugar de coidar nós deles. E que dicir da miña muller e os meus fillos, que o son todo para min, e que sinto que teñan que sufrir a miña vida sempre de aquí para alá, e que sempre prometo cambiar, como facemos todos, para cando chega o fin do ano, e nunca o cumpro.
Falaba un xornalista desta casa, Xosé Carlos Caneiro, nunha laudatio sobre a miña persoa, tan emotiva como inmerecida, da importancia de perseguir os soños. Recordei, cando escribiu Xosé Carlos aquilo, un verso dunha persoa moi querida da miña familia: «Mira a estrela e trata de acadala, non importa que estea lonxe». Este verso, que foi sempre o lema da miña vida, gustaríame que fose tamén o lema dos meus fillos, e de toda a xente nova da nosa terra. Que loiten con ilusión e con traballo para facer da nosa terra e do noso mundo un lugar mellor.
Moitísimas grazas a todos.