«A última palabra será do grupo local e non da executiva nacional»

La Voz

GALICIA

23 mar 2012 . Actualizado a las 07:00 h.

O BNG está cada día máis cerca de sacar adiante unha moción de censura co PP en Muros. A portavoz dos frentistas nesta localidade, María Xosé Alfonso, recoñece que os populares xa gobernan en «demasiados sitios», pero engade que as diferenzas «coa alcaldesa do PSOE son insalvables».

-¿Comezaron as negociacións co PP pola moción?

-O único que fixemos co Partido Popular foi transmitirlle que temos vía libre da militancia local para negociar con eles. Por agora non houbo nada máis ca iso, xa que para nós é prioritario ter o consentimento do BNG nacional.

-Pero vostede xa coñece que o Bloque está en contra da moción para non dar máis poder ao PP...

-Esa é unha consigna do partido que xa coñecemos e compartimos, pero aínda así queremos explicar cales son os motivos que nos levaron a tomar esta decisión. Hai situacións nas que ten que existir flexibilidade e creo que esta é unha delas.

-No caso de que o BNG manteña o seu rexeitamento, ¿que farán vostedes?

-A última palabra será do grupo local e non da executiva nacional. Falaremos coa militancia e decidiremos.

-¿Non teñen medo de ser expulsados do Bloque?

-Impórtanos, e moito. Por iso queremos falar coa dirección do partido para acordar con eles a forma de actuar. No caso contrario, xa teriamos decidido pola nosa conta sen explicar nada.

-¿Vostede é de Máis Galiza ou do BNG?

-Son militante de Máis Galiza, pero xa dixen moitas veces que permanecerei no BNG, e iso significa que me darei de baixa en Máis Galiza. Creo nos cambios que se anuncian no BNG, que é a casa do nacionalismo e no cambio de actitudes en todas as correntes que forman o partido.

-¿Cre que os veciños que a votaron por ser dun partido de esquerdas e nacionalista se sentirán traizoados por pactar cunha formación que representa o contrario?

-A alcaldesa do PSOE que temos ten unha actitude máis de dereitas que progresista. Entón, se a cousa está en diferenciar entre dereita e esquerda, podemos dicir que non traizoaríamos a ninguén. Se tomamos esta decisión é polo ben do pobo de Muros.

-Hai quen a acusa, incluso no BNG, de liderar este intento de moción por ter algo persoal contra a alcaldesa e para facerlle dano ao Bloque para logo irse a Máis Galiza...

-O da alcaldesa non é persoal, é un problema de xestión. O de facerlle dano ao Bloque non ten sentido cando queremos falar co partido para exporlle os problemas que temos.

-Se vostede e os seus concelleiros non son capaces de acadar un pacto co PSOE, ¿por que non cederon as súas actas para que foran outros militantes?

-Moi fácil, ningún dos que formaron parte da lista é capaz de confiar en Caridad González. Só cambiando a lista do PSOE a situación actual tería solución.