Rafael García Guerrero: «O problema non é que falte un conserxe, é que quedan moitas prazas por cubrir»

Marta Gómez Regenjo
Marta Gómez NOIA / LA VOZ

GALICIA

O rexedor di que «o rebumbio que se armou» por exercer de bedel por non ter persoal «demostra que o sistema falla»

23 jun 2013 . Actualizado a las 07:00 h.

A semana pasada, a vila coruñesa de Noia apareceu no mapa de medios de ámbito estatal ao facerse público que o seu alcalde, Rafael García Guerrero, traballa tamén como conserxe pola falta de persoal. A repercusión da nova sorprendeu ao rexedor, pero aproveita a oportunidade de ter todos os focos postos nel para poñer as cousas no seu sitio.

-¿Tanto labor hai no conservatorio para que o alcalde teña que traballar polas tardes?

-É un centro educativo e hai nenos pequenos, necesita un conserxe. O traballo estano facendo case todo os profesores do conservatorio, abrir, pechar, papeleo, ordenar cadeiras; eu realmente estou alí para que non queden nunca sós os nenos pequenos. Eu traballo co meu portátil e os pais quedan tranquilos pola presenza dun adulto.

-¿Por que asumiu vostede esta tarefa?

-A Lei de Orzamentos do Estado prohibe contratacións. O problema non é que falte un conserxe, é que faltan moitas prazas por cubrir.

-Houbo quen interpretou a situación coma unha excentricidade do alcalde. ¿Que opina?

-Non creo que lle faga mal a ninguén, e se podo axudar algo, mellor. A verdadeira excentricidade é que uns inútiles impidan contratar persoal cando o maior problema dos cidadáns é a falla de traballo, e parte da culpa tívoa o PSOE con Elena Salgado, empezando a reducir taxas de reposicións de efectivos e demais medidas absurdas e atacando a autonomía local, e agora amplificouse de xeito exponencial coas políticas do PP. O esperpéntico non é que eu vaia ao conservatorio, o esperpéntico é que o incremento da débeda estatal é proporcional á adopción de medidas de recortes.

-Moita xente pregúntase se cobra algún plus por ese traballo.

-¿Como vou cobrar por iso? Sigo co meu soldo de 1.400 euros. Teño sobretraballo, non sobresoldo como a dirección do PP.

-Reivindica aos políticos da Administración local e o seu esforzo para seguir prestando servizos. ¿É esta unha forma de chamar a atención sobre as dificultades dos concellos?

-Non quería chamar a atención, de feito eu emprego bastante as redes sociais e a pesar de levar sete meses no conservatorio non dixera nada. Este rebumbio mediático que se creou non me gusta nada, porque no fondo isto demostra que o sistema falla por todos lados, é como amosar o fracaso, e por riba as televisión pídenche que vaias ata o conservatorio pola mañá, cando está pechado, e sácanche abrindo a porta. É algo moi artificial, pero precisan imaxes chamativas. Polo menos todo isto vale para que a xente se decate das normas absurdas que se aproban e dos efectos de medidas erradas contra a crise. Un medio de comunicación público non se fiaba e ata que llo confirmou o Ministerio de Hacienda case non o cría. Se polo menos vale para que coñezamos un pouco máis a lexislación paga a pena.

-A súa última loita foi pola eliminación do Grumir de Noia. ¿Verémolo asumindo as tarefas deste equipo agora que os deixaron sen financiamento?

-Eu xa colaboro habitualmente nos incendios facendo de bombeiro-xornalista. Cando acudo a un incendio boto unha man e procuro ir informando aos veciños nas redes sociais. Os políticos da Administración local nas vilas intermedias e pequenas facemos de todo. Cando hai un problema, os políticos dos concellos sempre están alí, cometemos moitos erros, pero somos os que estamos preto dos cidadáns. Só fai falla lembrar a traxedia do Prestige, alí só estaban alcaldes de todos os signos mentres os «grandes políticos» permanecían agochados.