A cultura e a lingua como puntos de encontro

Alberto Núñez Feijoo

GALICIA

Núñez Feijoo sinalou que en Galaxia hai un legado inmaterial, a «feliz obsesión por acadar unha Galicia sen fisuras».
Núñez Feijoo sinalou que en Galaxia hai un legado inmaterial, a «feliz obsesión por acadar unha Galicia sen fisuras».

Discurso do presidente da Xunta

22 nov 2013 . Actualizado a las 12:13 h.

B oas tardes a todos. Benquerido amigo, presidente e editor da corporación de La Voz de Galicia, señor director xeral da Editorial Galaxia, señoras e señores, ministra de Fomento do Goberno de España, presidenta do Parlamento; señoras e señoras membros do Goberno de Galicia, alcaldes de Arteixo, da Coruña, alcaldes das cidades galegas que se dan cita hoxe aquí, así coma das vilas e resto de concellos, presidentes das institucións estatutarias de Galicia, presidente da Real Academia da Lingua, secretarios xerais, voceiros dos partidos políticos con representación parlamentaria, voceiros dos grupos parlamentarios, presidente Albor, presidente Laxe, autoridades xudiciais e militares, presidentes das deputacións, miñas donas, meus señores:

«Non hai nada máis poderoso que unha idea á que lle chegou o seu tempo». Dicíao Víctor Hugo, moito antes de que un grupo de galegos se reunisen o 25 de xullo de 1950 no Hotel Compostela da capital galega. Ían provistos dunha idea, e estaban dispostos a poñer o mellor de si mesmos para que aquela idea medrase.

Non había motivos entón para sentirse optimistas. Fóra daquela pequena sala, Galicia esmorecía, coas súas constantes vitais esgotadas pola fratricida experiencia da Guerra Civil. A esencia do país resistía fóra, naquela emigración depositaria da nosa identidade, e latexaba debilmente no interior.

¿Abondaba con iso para garantir a continuidade do propio? Probablemente non. Pero aqueles homes e mulleres reunidos en Santiago como os antigos cristiáns nas catacumbas, intuían que á súa idea lle chegara o momento.

A aquela comunidade convalecente, con feridas por cicatrizar, esfarelado e sumida na decepción máis profunda, había que proporcionarlle unha esperanza, e esa esperanza tiña que vir da man da cultura.

Naquel día naceu algo máis que unha editorial. A nova Galicia nace sobre o alicerce de palabras, edificada con libros, construída coa materia prima de historias, ensaios, poemas e traducións.

Non podía ser doutra forma sendo como somos e como fomos. Aqueles que estaban na xuntanza e os que despois deron pulo á Editorial Galaxia coñecían o profundo ser do país. Sabían que había que espertalo con palabras e non con berros. Existía neles a fonda convicción de que a palabra nos faría indestrutibles. Así foi.

A palabra volta do exilio. A palabra deixa de ser unha flor ventureira que non se cultiva. A palabra faise ferramenta de unión. Os citados Francisco Fernández del Riego, Xaime Illa, Ramón Piñeiro, Ramón Otero Pedrayo, Domingo García-Sabell, Manuel Gómez Román, Ricardo Carvalho Calero, "apalabran" unha nacionalidade. Tiña razón o lembrado Carlos Casares cando afirmaba que «sen esta editorial, o país sería irrecoñecible». Sería menos tolerante, estaría menos unido, tería menos raíces.

Poucas veces unha elite foi menos elitista. Ninguén daqueles pais fundadores pretendían oficiar de sumos sacerdotes dunha cultura pechada e altiva. Pola contra, a súa pretensión era devolverlle ao pobo o que ao pobo lle roubaran. Había naquela cita histórica de Compostela un mandato implícito de miles de galegos silenciosos que soñaban con recuperar a súa voz. Falade. Publicade. Espallade o noso. Conectade o tesouro da nosa cultura coa cultura universal.

Ese mandato cumpriuse e estase cumprindo arreo. Hai un legado material da Editorial Galaxia que está no seu catálogo, nas publicacións e nas fundacións. Pero existe outro polo que aquela xeración pioneira teimou en momentos moi difíciles.

Refírome a esa feliz obsesión por acadar unha Galicia sen fisuras, na que a cultura e a lingua fosen un punto de encontro. Os homes e as mulleres que fundan Galaxia non queren unha cultura patrimonio de ninguén, senón unha cultura que reflicta a unidade esencial dos galegos. A eles debémoslles que Galicia se poida pronunciar hoxe de formas diferentes, sen que o deixe de selo. A palabra é entre todos nós un vencello indeleble.

Señoras e señores. Neste xa afastado 25 de xullo de 1950, os pioneiros de Galaxia levantaron a acta fundacional dun país. Hai outro tipo de fundación que se fai todos os días. Cada día, os cidadáns dunha comunidade levántanse como seres solitarios, para producirse despois unha transformación cando entran en contacto cos medios de comunicación.

Hai un tipo de cidadanía que se adquire cando as persoas se senten copartícipes do que sucede na súa cidade, no seu país, no seu mundo.

De aí que ese anhelo por informarse e comunicarse non se esgote xamais. Forma parte das necesidades humanas máis substanciais. Non se trata de algo superfluo, como algúns puideran pensar. Non é un simple entretemento, como algúns poden crer. O ser humano desprovisto de información é máis feble e vulnerable. No mundo actual, información é liberade.

Por iso un país carente de medios de comunicación robustos e arraigados, é un país espido. Galicia non o é. No cotiá e no excepcional conta con xornais, radios e televisións que fan a historia diaria do noso.

A través deles, facémonos máis conscientes das nosas dificultades, dos nosos problemas, que loxicamente nestes últimos anos teñen sido moitos, derivados da tan mencionada crise económica e dos seus efectos.

Pero a través deles tamén podemos constatar os nosos avances e as nosas expectativas. Basta, por exemplo, con ollar os temores que as páxinas de La Voz, hai escasamente un ano respecto a posibilidade dunha intervención de España e ver, hoxe, que de agardar cal ía ser a data do rescate pasamos a apuntar cara a cal vai a ser a data exacta da recuperación macroeconómica de España que ninguén discute.

Non está na miña pretensión dar por feito todo a saída da crise, pero si recoñecer aquí que, entre o declive e a total recuperación hai un termo medio, que é onde creo que estamos agora.

Galicia está adiantada, na miña opinión, nese camiño. Asumimos antes que outros a situación e sigo convencido de que recolleremos a colleita anticipadamente. Dificultades, ilusións, conquistas... Todas elas deben ter e teñen reflexo nos medios de comunicación porque, grazas a iso, o noso país é capaz de conformar un sentimento proporcionado sobre si mesmo, para saber cal é a situación da que vivimos e, da que vimos, na que estamos e cara á que nos diriximos.

Nas páxinas de La Voz de Galicia, esta terra nosa dialoga consigo mesma. Expresando conflitos e acordos, mediante grandes asuntos e pequenas cousas, con protagonistas coñecidos e outros que se fan visibles dende o anonimato. E facendoo con tanta liberdade e independencia como o fai o noso anfitrión Santiago Rey, digo que demostra o editor cada ano esa independencia, tódolos días, e por suposto nos premios Fernández Latorre, e como digo cada día no medio de comunicación, no conxunto de medios de comunicación que dirixe. Facer que todas as voces plurais do país conformen unha Voz, é de agradecer ao tesón e á profesionalidade dos traballadores desta casa.

Algo que se repite dende 1882, dando fe de que foron moitas as xeracións de galegos que sentiron a necesidade de achegarse ás preocupacións de veciños e compatriotas. Tería sido moi diferente a historia de Galicia sen a fundación da Editorial Galaxia. Pero sen dúbida tería sido moi distinta a historia de Galicia sen a presenza constante de La Voz de Galicia.

Galicia é unha terra, un pobo e unha fala, pero tamén medios de comunicación como o que hoxe nos acolle. Sen La Voz, non sentiríamos o latexo desa terra, nin a expresión dese pobo, nin o vibrar desa fala. Aínda que sexa profano no que se refire á evolución tecnolóxica dos medios de comunicación e os cambios futuros nos seus soportes, sei que non existe comunidade sen medios de comunicación que a artellen.

Así pois, temos nesta cita unha conmemoración da palabra. A palabra como libro, a palabra como xornal. A palabra forma parte da paisaxe do noso país, o configura, dálle unha natureza propia e fai que sexamos como somos. A palabra é o mellor legado que recibimos, e o mellor legado que imos deixar. Mentres esa palabra siga viva, esa Galicia que algúns soñaron en 1950 coa editorial Galaxia e outros en 1882 coa La Voz de Galicia, terá unha eternidade por diante. Moitas grazas.