Xoán Bascuas: «Galicia precisa máis autogoberno. O apoio ao soberanismo é mínimo»

S. L. SANTIAGO / LA VOZ

GALICIA

31 ene 2014 . Actualizado a las 09:30 h.

O líder de Compromiso por Galicia, Xoán Bascuas, marca distancias con discursos soberanistas que advirte que non prenden en Galicia. «Nós temos que reformar o Estatuto e avanzar nun maior autogoberno», plantexa.

-¿Que os leva a ir ás europeas na mesma candidatura que CiU?

-Bueno, o escenario catalán aínda está aberto. ERC di que lle vai propor ao consello nacional do partido ir sós. E ao non haber unha candidatura unitaria en Cataluña, a probabilidade de que CiU vaia na mesma que o PNV cobra forza. Nós lanzamos a proposta a BNG e Anova de promover unha candidatura protagonizada pola cidadanía e arroupada polas forzas políticas co seu centro de gravidade no país, e vimos que era materialmente imposible. Entón decidimos explorar outras posibilidades e por iso chegamos a participar nunha candidatura co PNV.

-Pero a esa lista sumarase CiU.

-No escenario catalán aínda quedan incógnitas por despexar. Pero esa posibilidade de que CiU participe na mesma candidatura na que vai estar o PNV e nós existe e é moi elevada.

-Aínda que a relación de Compromiso sempre foi co PNV.

-Co PNV tivemos conversas máis aló do que é estritamente o formalismo institucional. A afiliación nos pediu no seu momento que exploraramos dúas vías. Unha era a candidatura cívica de país. Fixémolo sen resultados positivos. E co PNV tamén exploramos e eles xa nos ofreceron dende o primeiro momento a posibilidade de participar con eles. A nosa relación co PNV é fluída. Con CiU, non. De feito, con Unió non temos relación.

-Sostén vostede que a decisión de ir con CiU require dunha explicación divulgativa. Adiante.

-Si, porque é unha relación estritamente técnica. Non imos gobernar ningún concello, nin comunidade como froito desa elección. De feito, de obter representación non estariamos no grupo parlamentario do PNV, nin no de Convergencia, nin no de Unió. Hai que poñer en valor que o PNV nos tome como referente no país. Son forzas de goberno que ven que nós, con traballo e esforzo, podemos chegar a desempeñar algún día o mesmo papel. É unha alianza técnica, que non repetiremos a non ser noutras europeas.

-¿Comparte o proxecto nacionalista moderado e progresista de Compromiso as reivindicacións soberanistas de CiU?

-O que queremos é un maior grado de autogoberno para o país. O que acontece en Cataluña responde a variables que se desenvolven alí e deben resolverse alí. O escenario galego non ten nada que ver co que ocorre no País Vasco e Cataluña.

-¿E podería encaixar ese discurso soberanista nos presupostos ideolóxicos da súa formación?

-No seu congreso fundacional, Compromiso defendeu un modelo plurinacional para o Estado. Pero a política na cuestión nacional é dinámica. Non contemplamos ese escenario para agora. E somos conscientes de que ese modelo soberanista goza dun apoio mínimo no país. O que debemos facer en Galicia é poñer en valor o Estatuto, reformalo e avanzar nun maior autogoberno. Con iso sería máis que suficiente hoxe para que a cidadanía fose cobrando un maior grado de identidade co país. Hai que facelo pouco a pouco, identificando benestar con nación.

-¿Que atrancos impediron pechar unha candidatura galega?

-Nós propuxemos unha candidatura participada pola cidadanía e arroupada polas forzas políticas. De entrada, todas a recibiron con bos ollos. Pero uns empezaron a dicir que podíamos encaixar esa candidatura noutra máis ampla e outros responderon cunha fronte ampla. O que facían era adaptar a proposta de Compromiso ás súas necesidades, cando había que poñer en valor a necesidade do país de ter unha candidatura para defender os dereitos de Galicia.

-¿Sería factible esa alianza de cara ás eleccións autonómicas?

-Somos unha forza política sensata, propositiva, de diálogo. Nunca pecharemos esa porta, porque sabemos que se hai un acordo programático pode ser positivo para o país. Creo que as outras forzas nacionalistas están noutras claves.