Xavier Vence: «A candidatura galega non pode pregarse a facer ministro a Iglesias»

GALICIA

XOÁN A. SOLER

O líder do BNG pide que Beiras decida se aposta por integrar ou por reforzar a Podemos

13 sep 2015 . Actualizado a las 14:51 h.

Vence preséntase cun sorriso e cos xornais do día debaixo do brazo. Pero o seu acento tornase grave en canto entra en materia. O proceso para que as forzas nacionalistas e da esquerda rupturista acudan ás xerais nesa candidatura de unidade que demanda a súa base social non deixa de sumar atrancos. O líder do BNG sinala a Podemos e Anova. Sostén que esa candidatura non pode supeditarse a facer ministro a Pablo Iglesias. E empraza a Beiras a demostrar se aposta por integrar ou por reforzar a estratexia de Podemos.

-A candidatura de unidade non acaba de callar. Por que?

-O BNG aposta por esa candidatura galega, soberana, para ter grupo propio no Congreso. É crucial para defender os intereses de Galicia e para participar nunha eventual reforma da Constitución que recoñeza o seu carácter nacional. Non perdemos a esperanza de que calle. Pero é certo que nestes días vemos movementos, en particular de Podemos e dos que se sitúan na súa estela, que o dificultan.

-O tempo corre en contra.

-Vanse esgotando prazos. Para conformar unha candidatura de base popular, cun proceso participativo da cidadanía, é necesario empezar a concretar para chegar en condicións á carreira electoral. Neste mes ten que quedar perfilada a proposta.

-Onte houbo outra oportunidade, pero a convocatoria do Encontro se pechou sen grandes avances.

-Nós tiñamos esperanza de que fose unha reunión en réxime de autoconvocatoria, na que puideran confluír os manifestos e plataformas que traballan por unha candidatura unitaria, e todos os partidos. Finalmente, polos vetos de Podemos e de Anova, non puido ser. É unha mágoa. Ese veto de Podemos e de Anova é revelador de que a súa estratexia vai noutra dirección.

-Esas forzas sosteñen que o proceso aínda non está maduro.

-O proceso require tempo de maduración para unir proxectos diferentes. Hai tempo aínda, pero fai falla vontade. Se alguén non quere, é máis difícil.

-Vostede sitúa a Podemos e Anova na mesma estratexia. Sería responsabilidade deles un fracaso do proceso?

-A unidade nunha candidatura galega ilusiona a moita xente. Quen lle poña paus nas rodas será responsable. O BNG fixo e seguirá a facer todo o posible, renunciando ás siglas e ao protagonismo, e con disposición a entenderse con todos.

-E que contactos mantén o BNG con Anova nesa dirección?

-Houbo contactos, pero ate agora Anova non quixo unha negociación explícita para a confluencia. Nós propuxémoslle esas reunións para comprometernos e traballar xuntos por esa candidatura unitaria. Ate o momento, Anova non aceptou.

-E teñen liña con Podemos?

-Haina con militancia de Podemos. Pero non houbo unha reunión para negociar, porque tampouco teñen esa vontade.

-Ben, tamén o BNG amosou sempre reticencias respecto a compartir lista con Podemos.

-Para nós a prioridade é ter unha candidatura galega e soberana, para ter un grupo no Congreso que defenda os intereses de Galicia e a reivindicación nacional. Podemos é unha forza estatal coa prioridade de traballar por un grupo parlamentar ao servizo de Pablo Iglesias. A candidatura galega non pode supeditarse a facer ministro a Iglesias dun eventual Goberno de coalición.

-Pois xa sería un paradoxo que fosen os intereses de Iglesias os que dividan desta volta ao nacionalismo en Galicia.

-O lamentable é que a estratexia de Iglesias mesmo divide e pon en dificultades a conformación dunha candidatura galega.

-O papel de Beiras será chave?

-Para unir, son necesarias todas as persoas, e a súa xenerosidade. Pero todas poden ser importantes para dividir. Beiras ten a oportunidade de demostrarlle ao país e ao nacionalismo se a súa aposta é por integrar e favorecer a confluencia ou por reforzar outro tipo de proxectos.

-Neste caso, Podemos.

-O que representa Podemos.

-Percibe reticencias a compartir proxecto co BNG?

-Non. Cada forza ten seu perfil. Pero tivemos reunións cunha ducía e aprecian a xenerosidade do BNG por renunciar ás siglas.

-Cada vez semella máis claro que a unidade se alonxa e se camiña cara dúas candidaturas.

-O BNG non renuncia á idea da candidatura única. É certo que as últimas mensaxes que nos deixan Podemos e algunha outra forza arrefrían o entusiasmo, pero non perdo a esperanza de que aínda sexa posible retecer os vínculos e acabar confluíndo.

«Galicia ten que reaccionar para defender as súas competencias e o seu autogoberno»

Vence sostén que a crise do sector lácteo proba a perda de competencias de Galicia ante Madrid.

-O que pasa estes días co sector leiteiro e coa pesca demostra que as competencias autonómicas están sendo laminadas polo Goberno central, nese proceso de recentralización. A Xunta xa non xoga ningún papel relevante e que todo pasa por Madrid. Por iso vemos necesario un perfil propio de país, nunha candidatura galega para defender tamén o autogoberno. Cataluña reaccionou. E tamén en Galicia temos que reaccionar para defender as nosas competencias e o noso autogoberno.

-En Cataluña o nacionalismo non deixou pasar a Podemos. Tampouco no País Vasco. Semella que o galego é máis permeable.

-En Cataluña e no País Vasco xa se ve claramente que o proxecto de Podemos está actuando como un freo para a consolidación dunha vontade maioritaria soberanista. Podemos xoga a ser unha forza estatal típica, como o PSOE no seu momento, e cun proxecto social máis acomodado ás expectativas dun goberno de coalición co PSOE. Actúa como freo para as aspiracións soberanistas dos pobos.

-Busca Podemos fagocitar o espazo do nacionalismo galego?

-Hai un segmento do nacionalismo histórico sensible aos cantos de serea de Podemos. Pero o proxecto de Podemos non reforza o nacionalismo nin a defensa dos intereses de Galicia.

-O fracaso de non artellar unha candidatura de unidade sería do BNG, de Anova ou do nacionalismo no seu conxunto?

-Non é momento de falar de fracaso, senón de traballar para que esa candidatura que en calquera caso vai haber sexa o máis ampla e potente posible.