José Manuel Rey: «Moitos españois verían ben un gran pacto de Estado do PSOE co PP neste momento»
GALICIA

«É moi difícil que nas eleccións de decembro alcancemos os 15 escanos que conseguimos no 2011, sexamos realistas»
26 sep 2015 . Actualizado a las 05:00 h.Elixido por Feijoo en xuño para coordinar o relatorio de renovación de «políticas e actitudes» no PPdeG, José Manuel Rey Varela (Ferrol, 1975) tamén foi nomeado esta semana xefe de campaña do seu partido en Galicia para as eleccións a Cortes deste decembro. Onte comezou a exercer.
-O secretario xeral do PPdeG ten afirmado que nestes comicios obterán «un magnífico resultado». En escanos, ¿iso que vén sendo?
-Aínda é moi cedo para falar diso. Nós chamamos ter un moi bo resultado a obter a confianza maioritaria dos galegos.
-¿Non é síntoma de covardía ou medo non fixar obxectivos?
-O obxectivo é gañar e ter a confianza maioritaria da xente.
-Aqueles 15 escanos do 2011 semellan imposibles de repetir...
-Aquel foi un dos máximos históricos do PP e este momento é ben diferente ao 2011. Polo tanto, é moi difícil alcanzar ese mesmo resultado, hai que ser realistas.
-No 2011, ata un mes e medio antes das eleccións non elixiron candidatos ao Congreso nas provincias galegas. ¿Hano tomar con tanta calma desta volta?
-Non é cuestión de calma. Para o PP o importante non son as persoas que van ocupar cargos, iso xa ten moi entretido a outros.
-¿Haberá caras novas abrindo as listas ou iso da renovación vano deixar para o discurso só?
-É precipitado dicilo agora.
-Na outra beira, parece que o proxecto da gran marea galega naufragou. ¿Un alivio?
-En realidade, eles o que buscan é reinventarse. Desgastouse AGE, logo desgastouse Podemos e despois desgastouse a marea. E agora inventarán outra marca para concorrer a estas eleccións porque perciben que aquelas explosións de ilusión téñense convertido rapidamente en desilusións. A xente decatouse de que moitas das promesas que facían, ao chegar ao poder, non se fan realidade. De aí o de cambiar de nome, para despistar aos electores. Pero hano pagar igualmente.
-Despistar despistou a varios o exalcalde da Coruña Francisco Vázquez o outro día pedindo un pacto PP-PSOE. ¿Vostede o ve?
-Eu vexo ao PSOE desexando pactar con Podemos, con Esquerra, con Amaiur e con quen faga falla. En cambio, non lle vexo moita disposición a un gran pacto de Estado co PP, que creo que verían ben moitos españois polos momentos de dificultade que estamos a atravesar. Hoxe estámonos enfrontando a un reto en Cataluña estratéxico para todos os españois. Cando menos, dende o punto de vista do sentido común, debería haber unha reflexión conxunta dos dous grandes partidos que teñen gobernado España dende a transición coa alternancia que decidiron os cidadáns en cada momento.
-Pacto veñen de pechar PSOE e BNG na Deputación de Lugo para botar ao PP da súa presidencia. Vostede sostén que é «a moción da vergoña». ¿Por que?
-Porque no que menos teñen pensado eles ao facer esa operación é no interese dos lucenses. É un simple tema de reparto de poder dentro da institución, e tamén para conseguir a presidencia da Fegamp. Despois de que o PP fora a forza más votada en maio, facer unha moción de censura en menos de cen días non me parece razoable.
-Cen días tampouco llos deron vostedes ao alcalde de Boimorto...
-Coa diferenza de que o PP era alí o máis votado e por un acordo de despachos quedara sen a alcaldía no inicio de mandato.
-Vostede dirixirá esta campaña porque Alfonso Rueda declinou facelo. ¿Levará tamén a campaña de Feijoo no 2016 ou esa a asumirá de novo o secretario xeral?
-Nestes tempos tan cambiantes, falar de política a seis meses vista é ciencia ficción.
-¿O da ciencia ficción dío porque non ve a Feijoo aspirando a un terceiro mandato?
-Dígoo porque estamos nun escenario que é o dunhas eleccións xerais e despois teremos que afrontar unha serie de procesos importantísimos. Tempo haberá para despexar dúbidas e para compartir as decisións coa nosa militantes, que é precisamente polo que avogamos no relatorio de renovación política.
-Ese relatorio vano aprobar definitivamente a vindeira semana. En comparación co texto coñecido a finais de xullo, ¿haberá cambios ou rexeitarán todas as alegacións recibidas?
-Estamos estudando esas alegacións e, si, hai cousas que poden cambiar neste días.
-¿Por exemplo?
-Imos impulsar a creación dunha figura que agora mesmo non existe no partido: a de coordinador de Participación, para seguir profundando nesa liña de dar cada vez máis voz á xente.
-¿Diso tamén se ha de ocupar?
-[Rindo] Buscarase á persoa máis axeitada, pero neste momento creo que teño responsabilidades abondo.