Mirando ao ano xubilar 2021

Xerardo Estévez
Xerardo Estévez ARQUITECTO E EXALCALDE DE SANTIAGO

GALICIA

25 mar 2017 . Actualizado a las 05:00 h.

O exercicio de pensar en torno ao que acontece na sociedade mundial, o que vemos ou o que nos ensinan, esixe tempo, información, empeño, dúbidas,... na busca dun xuízo ponderado, afastado dun pesimismo que impida albiscar solucións, e de ideas superficiais que se nutren do efémero. Formular un pensamento útil para resolver o conflito e previsor para evitalo non é só unha tarefa da filosofía política, senón tamén do corpo social; este é o fundamento da democracia europea.

Aquela Europa á que nos incorporamos en 1985, construída como un espazo de paz e benestar en resposta ás dúas terribles conflagracións mundiais que ensuciaron as conciencias, xerou un lugar habitable para millóns de cidadáns, un ámbito de centro e de esquerda ao que se incorporaron outras opcións e que hoxe cambalea por falta dun nexo que xunga as individualidades nunha idea política común.

Europa sempre necesitou un leitmotiv, un fío condutor. Un dos símbolos recorrentes nas décadas dos oitenta e noventa foi o Camiño de Santiago. O camiñante non sabe de fronteiras, nin de linguas, nin de ideoloxías enfrontadas. Sabe de chegar a unha meta con esforzo e de gozar da beleza territorial e patrimonial, sabe de dialogar co acompañante, co habitante que atopa ao paso, e tamén de silenciarse. Algo parecido a ese sentimento era o que se trataba de transmitir; de aí os recoñecementos como primeiro itinerario cultural europeo e patrimonio da humanidade.

Compostela e Galicia mundializáronse, propagándose a culturas e países doutros continentes. Por iso penso que poden volver a ser un lugar de reflexión en torno a unha pregunta que demanda unha nova resposta: cal é a Europa que necesitamos hoxe. Atrévome a apuntar unha contestación: aquela que intente un equilibrio entre a sociedade e o individuo, entre a economía do beneficio e a do reparto, entre a cultura e a educación; que elabore un lugar moralizante erradicando o envilecemento, cun único lema: mellor dialogalo. Canta máis segregación, exclusión, barbarie ou incultura no mundo, máis Europa, unha Europa pensante e mediadora que saiba argumentar e convencer.

O ano xubilar 2021 é para a Igrexa un tempo de renovación. O papa Francisco está abrindo as portas para encontrarse máis alá do dogma. Para Galicia, 2021 debería supoñer a plena incorporación a unha nova idea de Europa, que se contribúa a deseñar desde Compostela. Unha Galicia moderna e vertebrada que podería simbolizar a silueta pensativa de Castelao esculpida sobre esa pedra a modo de mapa de Galicia que coroa o couto de Santa Susana.

Vese que o presidente da Xunta mantén unha boa relación cos expresidentes. Quizais poderían concertarse para impulsar a tarefa de que Galicia sexa un dos berces daquela pregunta á que necesitamos contestar.

O alcalde de Santiago visitou recentemente ao rei e levoulle un plan de investimentos para o ano xubilar 2021. Non sei se nel se propón algo respecto ao papel de Compostela en Galicia e en Europa, cuestión que, desde o meu punto de vista, debería ser un dos elementos axiais da cidade.