Modesto Renda : «Hai un freo ao proxecto co que naceu En Marea. Entendería que a xente se sentise decepcionada»

Xosé María Palacios Muruais
XOSÉ MARÍA PALACIOS VILALBA / LA VOZ

GALICIA

PALACIOS

O concelleiro de Vilalba Aberta que anunciou antonte a súa decisión de abandonar o consello das mareas cre que non se avanza na consolidación dunha forza de ruptura

07 abr 2017 . Actualizado a las 09:22 h.

Modesto Renda (Vilalba, 1989), concelleiro de Vilalba Aberta, anunciou antonte a súa decisión de abandonar o consello das mareas, no que entrara tras formar parte da lista de Somos Quen, cuxa cabeza visible é Davide Rodríguez. Renda recoñece que o político está a sufrir un certo freo, o cal mesmo pode xerar na xente una sensación de desánimo. Victoria Portas Mariño, de Pontevedra, ocupará o seu posto.

-Cre que falta democracia interna?

-Non diría exactamente iso. O que diferenza a En Marea é que hai a ferramenta do plenario, no que se xuntan todas e todos e deciden. O que hai é unha maioría que ao meu modo de ver é ficticia, porque non respecta a pluralidade. Por iso decidín irme do consello.

-Despois do que ocorreu a pasada fin de semana, con desavinzas que se amosaron abertamente entre uns grupos e outros, cre que se repetirán as tensións que ameacen o proxecto?

-Non diría tanto. O que si hai é un freo ao proxecto co que naceu En Marea; é un punto e á parte na consolidación de En Marea como forza de ruptura. Se se quere ser algo convencional, como o que xa había, respecto ás persoas que defenden ese modelo, pero outros compañeiros non o vemos así. Entendo que haxa compañeiras e compañeiros que apoien esa nova maioría, pero eu non podo facelo.

-Hai un risco de fractura interna vendo esas posturas sobre o modelo de organización?

-Non o creo. Remítome de novo ao plenario. O de xuño será importante, e as inscritas e os inscritos decidirán. O meu compromiso con En Marea é firme se se respecta a vontade das bases. Se fose doutro xeito e se tomasen medidas en contra da vontade da maioría das bases, xa tomaría outra decisión; e outras compañeiras e outros compañeiros, tamén, entendo eu. Pero creo e quero crer que non ocorrerá.

-Os alcaldes de Ferrol, A Coruña e Santiago criticaron o modelo elixido para a dirección; vostede, que é concelleiro, tamén. Quere iso dicir que os representantes municipais ven as cousas doutra maneira?

-Non. Hai outra xente que tamén formou parte de candidaturas municipais e entrou en plataformas. Non creo que as cousas vaian por aí. Creo que o debate é apostar por un modelo novo ou ir a outras estruturas.

-Pensa que estas tensións poden ter un custo que supoña unha perda de votos?

-Entendería que a xente sentise unha certa decepción: proxectábase unha ilusión bastante importante despois do que fixeran outras forzas. Temos un, dous anos para decidir ata as municipais, un tempo para finiquitar o proceso de constituír o modelo organizativo. Pero si hai ese risco. Hai a necesidade de presentarse diante das bases con claridade e con sinceridade. É un momento complicado: vimos dun proceso de varias eleccións seguidas; pero se somos claros e tentamos ter un mínimo de consecuencia e non agarrarnos a ningunha cadeira, o risco será mínimo. Se non o facemos, haberá ese risco.