Jorge Dafonte: «Se a seca continúa tres ou catro meses pode afectar ás vivendas»

GALICIA

O experto en hidroloxía cre que a redución dos consumos permite gañar tempo antes de aplicar máis restricións
19 nov 2017 . Actualizado a las 05:00 h.A seca deste ano tamén fai que os problemas de xestión de auga que sufre Galicia saian á luz. Jorge Dafonte, profesor do departamento de Enxeñaría Agroforestal da USC e especialista en hidroloxía, sabe que a mellor maneira para convivir coas secas é adaptarse e buscar novos puntos de abastecemento, porque ten claro que estes episodios serán cada vez máis frecuentes.
-Ata que punto son efectivas as medidas de aforro aplicadas polos concellos?
-O que sexa reducir sempre é importante. Dende logo que todas as medidas son un aforro. De canto supón, iso xa depende de cada concello. Habería que ver tamén que tipo de clientes ten cada municipio. Se teñen grandes industrias, ver o consumo e falar con eles a ver se poden mellorar a eficacia do seu ciclo de uso de auga. E tamén, dende logo, concienciar á poboación xeral sobre o uso doméstico e de como reducir o consumo.
-Pensa que este tipo de medidas chegan tarde?
-O que intentan as administracións locais ou os xestores da auga municipal é que haxa a menos afección posible á poboación. O que non é habitual é que despois dun ano así, tiveramos este verán e este outono tan seco. Creo que esperaban que esta situación se fora arranxando meteorolóxicamente pero de momento non é así. As medidas extremas serían os cortes de auga, que nalgunhas zonas rurais de Galicia xa están a suceder en determinadas horas. Na maioría das cidades teñen abastecemento por encoros, salvo Lugo onde o abastecemento é directamente dende o río Miño, e teñen máis capacidade de aguantar a situación.
-Pero de seguir así a situación, as restricións afectarán aos fogares galegos?
-Depende de canto tempo siga. Se a seca continúa dous, tres ou catro meses por suposto que pode afectar ás vivendas. Pero hai concellos que teñen a posibilidade de utilizar outros recursos dos que aínda non botaron man. Por exemplo, estou pensando en A Coruña, que ten como medida de emerxencia o lago de Meirama.
«Nun concello é imposible ter unha rede unitaria que abasteza a toda a poboación»
-Pero nalgunhas zonas ao mellor será inevitable...
-Si, todo depende de canto tempo siga sen chover. O que podemos facer é baixar o consumo. Canto máis se reduza, máis tempo temos de aguante antes de aplicar estas medidas máis restritivas. O que está claro é que temos unha capacidade de auga nos encoros de abastecemento do 30, 40 ou 50 %. Se reduzo o consumo, teño máis volume de auga, supoñendo que non haxa entradas de auga por precipitación, porque as entradas que houbo ata o de agora foron moi reducidas. As choivas o que fixeron foi frear o descenso dos encoros, pero non houbo grandes precipitacións como para enchelos. Ademais, espéranse precipitacións pouco importantes para a vindeira semana.
-Novembro debería contrarrestar a falla de precipitación, pero non está sendo así...
-Xa ten pasado. En Monforte de Lemos, por exemplo, estase a rexistrar niveis de precipitacións típicos dunha zona mediterránea, pero isto mesmo xa ocorreu no 2015.
-E o problema das fugas, habería que meterlle man?
-Cada concello coñece canta auga se perde na rede, o problema é que tamén hai consumos ocultos. Moitas veces non hai contadores. Antes por exemplo non os había para a auga que se utilizaba para regar os xardíns ou para o baldeo. Agora supoño que os haberá. Eses consumos non se coñecían.
-E as comunidades de traídas, son beneficiosas?
-Non teño claro se a propiedade da rede ten que ser municipal ou dos veciños pero iso é outra cuestión. O que si creo é nas redes distribuídas. É dicir, nun concello galego é imposible ter unha rede unitaria que dende un só punto se abasteza a toda a poboación. O que habería que ter é puntos dispersos e redes independentes. Moitas veces hai problemas topográficos de levar auga a cotas moi altas para ter unida a rede. E así teríamos un punto de captación que abastece a unha serie de núcleos e outro punto de captación que abastece a outros. Iso si, tanto se fora de titularidade municipal ou da comunidade de propietarios terían que ter un centro de depuración de augas, de análises e tratamento para garantir unha boa calidade da auga.
-Precisamente agora preocupa a calidade...
-Si porque é un problema de dilución. Digamos que se diluímos moito un contaminante a súa concentración é moito menor que se temos pouco volume de auga. Os problemas de contaminación son máis evidentes con niveis de auga baixos que cando temos moita auga.
-Temos que adaptarnos as secas?
-Temos que prepararnos para o escenario que ven, que é que se queden as secas. Habería que optimizar os consumos, intentar baixar o consumo por habitante e despois teriamos que ver os recursos que temos, cuantificar se son suficiente con un novo escenario de cambio climático onde as precipitacións son menores e a evapotranspiración é maior. Ao mellor os mananciais dos que nos abastecemos non son suficientes e temos que buscar novos puntos de abastecemento.