Pactomima: danza que se representa amosándose partidario dun acordo e facendo todo o posible para que non salga adiante. Farsa política con pouca graza na que todos queren ser o protagonista». É un dos 222 neovocábulos luminosos cos que nos obsequia ese xenial mago do humor absurdo que é o coruñés Luís Piedrahita no seu último libro.
Nun recente debate no Parlamento de Galicia, a propósito do impulso dunha iniciativa para organizar un conxunto de actos para a conmemoración do 40 aniversario da Constitución de 1978 no noso país, un deputado nacionalista (galego) pedíu que levantasen a man os deputados que tiveran votado no referendum constitucional do 6 de decembro de 1978. Un referéndum no que o pobo español, e o galego moi en particular, aprobaron moi maioritariamente o vixente texto constitucional. Non sei se a pregunta era, intencionadamente, jeffersoniana, pero evidentemente trataba de defender, como fixera Jefferson en carta a Madison en setembro de 1789, que «toda Constitución e todas as leis expiran aos 19 anos» xa que «a terra pertence sempre á xeración en vida». Jefferson, un dos pais da Constitución e terceiro presidente dos Estados Unidos de Norteamérica, calculou, en función da esperanza de vida naquela época (catro décadas), que 19 eran os anos de vixencia máxima para unha constitución. Tendo en conta que a nosa norma suprema cumpre 40, pero que a esperanza de vida se duplicou desde entón, o argumento jeffersoniano, de novo non sei se intencionadamente, parece acaído; por moito que mentres no Parlamento de Galicia aínda hai varios deputados que poden levantar a man cando se pregunta se votaron a Constitución, ou o Estatuto, sería absurdo plantexar esa pregunta no país que disfruta da democracia constitucional máis duradeira da historia da civilización.
A diferenza da norteamericana, a nosa é unha Constitución de última xeración. Incorpora institucións probadas con éxito no constitucionalismo da posguerra mundial (como a Monarquía parlamentaria, un Tribunal Constitucional que ademais de resolver os conflitos entre os poderes do Estado ten xurisdición directa para a aplicación dos dereitos fundamentais; o Defensor del Pueblo; ou a organización descentralizada do poder político). Con ela foi e continúa sendo posible afrontar pacificamente, que é o mesmo que dicir xuridicamente, a resolución dos problemas que historicamente confrontaron aos españois: o relixioso, o territorial, o social ou o militar. Con ela tamén fumos capaces de afrontar o reto da integración supranacional, na Europa democrática institucionalizada da Unión Europea. E non só construímos un moderno Estado do benestar, senón que a través da interpretación xurisdicional fomos quen de actualizar os dereitos das persoas, e mesmo nalgúns casos con carácter pioneiro a escala mundial (dependencia, matrimonio entre persoas do mesmo sexo, entre outros).
Non semella que a nosa Constitución estea moi obsoleta. Máis ben, ao revés, como demostra o seu ata hai pouco inaplicado artigo 155. Mellorable? Por suposto. Máis tamén empeorable, se non se fan as cousas moi ben. Pero os argumentos da obsolescencia (ben intencionados nuns casos, non tanto noutros) teñen un problema: que despois da pactomima e en ausencia dun acordo tan amplo como o do 78, rematemos convertendo a nosa Carta Magna nun inutensilio. Neovocábulo que Piedrahita define así: «Obxecto que non se ten utilizado en dez anos e que só necesitarás cando xa te desfixeches de el». E, ademais, non teñas outro para substituílo.