Fernando Suárez, alcalde de Ribadeo: «De que serve a lei contra incendios se non hai vontade de aplicala?»

José Francisco Alonso Quelle
josé alonso RIBADEO / LA VOZ

GALICIA

JOSÉ ALONSO

Confía en que renda o seu exemplo de obrigar aos veciños a retirar piñeiros e eucaliptos de preto das vivendas

10 feb 2018 . Actualizado a las 05:00 h.

«Non inventei nada. Só aplico a lei que temos». O alcalde de Ribadeo, Fernando Suárez (BNG), recoñece o paradoxo de que unha obviedade poida ser noticia. En outubro, a raíz da vaga de lumes que sufriu Galicia, publicou un bando lembrándolle aos veciños a obrigatoriedade de cumprir as normas contra incendios e de cortar os eucaliptos e os piñeiros plantados a cincuenta metros das casas. Só un contestou. Pero non quedou aí. Técnicos municipais revisaron centos de montes e concluíron que 676 vulneraban a legalidade. Aos seus propietarios acábaselles de enviar notificacións ordenándolles facer as cortas precisas. De non cumpriren, serán sancionados e, en última instancia, farao o Concello pasándolles despois a factura.

-Como interpretar as reticencias a aplicar unha lei que está en vigor dende 2007?

-Iso digo eu. De que serve unha lei contra incendios se non hai vontade de aplicala? Temos normas, pero falta o máis importante: a vontade real por todas as partes para aplicalas, pola Administración autonómica e polos Concellos. E diante diso temos o país que temos. A nós vótannos os nosos veciños para que tomemos decisións, e agora parece que o problema dos incendios morreu, pero dentro de nada imos ter secas, vai haber risco de lume e os eucaliptos seguirán chegando ás portas das casas, e iso non pode ser, nin agora nin nunca.

-E se isto cae de caixón, por que hai alcaldes que non o fan?

-Porque cando levas uns anos gobernando decátaste de que hai cousas que poden ser impopulares... aínda que todos deberiamos transcender por riba diso.

-Pensan de vostede que é un abandeirado contra o eucalipto?

-Isto non é unha cruzada contra o eucalipto. Eu non abandeiro nada. Non me gustan os monocultivos, pero non vou contra o eucalipto. Sei que ordenando ben o monte pode ser moi produtivo, sei o que move a economía do monte, pero tamén sei que os eucaliptos e os piñeiros non poden chegar ás portas das casas. Non estou cuestionando o monte. Estou cuestionando cando o monte se mete nas casas. Eu o que podo facer é predicar co exemplo, non pretendo nada máis. Os demais alcaldes e alcaldesas deberían facer o mesmo, e a Xunta tomar boa nota. Nós ímolo facer, sexa popular ou non. Non me perdoaría que por non facelo en Ribadeo houbese mortes como houbo nas Rías Baixas.

-Á custa de perder votos?

-Cando a lei se aplique para todos, sen excepcións, os críticos daranse conta do positivo da lei.

-Pero se a norma se aplica en Ribadeo, e non no resto de Concellos... non é tamén inxusto?

-Si, pero eu non son o presidente da Xunta.

-Quere dicir que a Xunta tería que impulsar a aplicación da lei?

-Pois claro. A Xunta pouco menos que culpa aos Concellos de que o monte estea a bravo, pero esa é unha política autonómica. Como eu non fago as leis autonómicas, aplico as que hai. Iso si, agora só faltaría que a Xunta non nos axudase. Non creo que o faga, porque se vería que todo é falar por falar. Nós mandamos preto de 700 cartas, pero o 1 de xullo acaba o período voluntario para executar as cortas e será entón cando a Xunta nos deberá dicir en cantos deses montes non cumpriron. Será tarefa dos axentes forestais controlalo.

-Espera que renda o exemplo?

-Si. E confío na responsabilidade dos veciños de Ribadeo. É curioso o caso desta lei. O bipartito, que non está dende o 2009, fixou o límite das árbores pirófitas a 50 metros das casas. A Xunta modificou despois a norma para acurtar a 30 metros. Agora a Xunta colleu medo co que pasou este verán e volveu poñela a 50 metros. Pero de nada serve poñela a 50, 100 ou 150 metros se logo non hai vontade de que se cumpra. Aquí si o imos facer, amparándonos na lei que nos deron para que Ribadeo teña o seu monte ordenado e as casas seguras.