Justo Beramendi: «Que tanto La Voz como o Museo poidan traballar moitos anos polo ben do país»
GALICIA
Discurso íntegro del ganador del Premio Fernández Latorre, que recordó la trayectoria del Museo do Pobo Galego en sus 43 años de historia
17 oct 2019 . Actualizado a las 10:42 h.Sr.Presidente da Xunta de Galicia, Sr. Presidente da Fundación Santiago Rey Fernández Latorre, autoridades, miñas donas, meus señores.
Como é natural debo empezar por agradecer á Fundación Santiago Rey Fernández Latorre a concesión deste valioso premio, que nos honra. Fágoo en nome de todas as persoas e institucións que forman o noso Padroado, do persoal do Museo, do numeroso voluntariado que fai posible a cotío un funcionamento e un nivel de actividades que doutro modo non poderíamos asumir, das poucas empresas que nos axudan e dos aproximadamene dous mil socios do Museo que son as nosas raíces nese pobo que nos dá nome e razón de ser.
Nos 137 anos de vida de La Voz de Galicia, que como todo o mundo sabe iniciou a súa longa andaina en 1882, non faltaron os episodios de relación positiva do xornal co que podemos chamar galeguismo basal, entendido este como asunción da singularidade da identidade específicamente galega e como vontade da súa preservación. E quero lembrar nesta ocasión dous episodios desa relación que estimo moi significativos.
O primeiro data dos primeiros pasos do periódico. O propio fundador, D. Juan Fernández Latorre, asociouse co rexionalista Andrés Martínez Salazar para crear unha editorial, a Biblioteca Gallega, que, sostida en realidade por La Voz de Galicia e a súa imprenta, foi unha das dúas primeiras editoriais galeguistas da historia xunto coa montada por Eugenio Carré Aldao na súa librería da Coruña. No catálogo da Biblioteca Gallega figuran a maioría dos principais autores da tendencia liberal do rexionalismo, con obras tan fundamentais como Los precursores de Manuel Murguía, que inaugura a serie en 1886, El Idioma Gallego de Antonio María de la Iglesia ou os libros de Antolín López Peláez que rescataron do esquecemento a figura de Fr. Martín Sarmiento.
O segundo episodio é nada menos que a xénese e nacemento da primeira Irmandade da Fala en 1916. O 5 de xaneiro dese ano, Antón Villar Ponte, que daquela traballaba na redacción do xornal, iniciou dende La Voz de Galicia a publicación dunha serie de artigos nos que avogaba pola creación dunha Liga de Amigos del Idioma Gallego, campaña que foi atopando apoios e que culminou o 21 de marzo coa saída do prelo do propio periódico do seu folleto Nacionalismo gallego (Apuntes para un libro) Nuestra afirmación regional, que é ante todo unha apoloxía da lingua galega e un insistente chamamento á súa defensa e difusión, para o que, segundo el, compría reactivar o galeguismo. Esgotado en poucos meses, o folleto coñeceu unha segunda edición ampliada en xuño. Pero antes disto, Antón Villar Ponte, animado pola boa acollida e seguindo o consello do seu irmán Ramón, deu o paso de convocar para o 18 de maio unha reunión nos locais da Real Academia Galega. Segundo a favorable información publicada por La Voz de Galicia o día seguinte xuntouse alí “un grupo de entusiastas de la causa de nuestra región” entre os que, ademáis do groso do rexionalismo coruñés supervivinte e dalgúns simpatizantes novos, había unha nutrida representación dos redactores de La Voz entre os que salientaban, á parte do propio Villar Ponte, os irmáns Alejandro e Augusto Barreiro Noya e Robustiano Fajinas. Aqueles “entusiastas” acordaron crear a primeira Irmandade da Fala de Galicia, a da Coruña, á que seguiron outras en diferenes cidades e vilas. E con esta decisión abriron unha nova fase no devir do galeguismo político.
Volvamos ao presente e ao Museo do Pobo Galego. Somos unha entidade algo atípica, o que ás veces non é malo. Nada da sociedade civil en 1976, en plena Transición, nin existiría sen a entrega desinteresada de moitas vontades privadas, nin podería subsistir sen o sostén duns poderes públicos que aportan máis da metade dos seus recursos e dos que, porén, quere manterse independente para continuar fiel ao espírito fundacional, definido polo galeguismo esencial que é denominador común dos seus moi diversos integrantes. Nestes 43 anos, con acertos e con erros, salvando limitacións e dificultades, algo fumos facendo. E procuramos seguir. Por iso ten tanto valor para nós recoñecementos como este que hoxe recibimos.
E remato cun desexo: que tanto La Voz de Galicia como o Museo do Pobo Galego poidan traballar durante moitos anos, cada quen no seu eido, polo ben do país.
E outra vez, moitas grazas.