María López Sández, escritora: «A paisaxe define a nosa identidade»

GALICIA

Gañadora de varios premios de ensaio e novela, a autora lucense ultima xa unha obra sobre a pandemia de covid-19

31 jul 2020 . Actualizado a las 05:00 h.

Se a María López Sández, (Lugo, 1973) se lle pregunta cando empezou a escribir, di que as primeiras lembranzas son de cando tiña oito anos. Despois, precisa que a primeira obra publicada é do 2008, Paisaxe e nación, que foi premio Ramón Piñeiro de ensaio no 2007. No 2012 publicou a súa primeira novela, A forma das nubes, que foi premio narrativa breve Repsol dese ano. No 2014 quedou finalista do premio de novela por entregas de La Voz de Galicia con O faro escuro, unha novela de intriga baseada en Galicia e publicada no 2015, que se usa en moitos centros educativos. Hai dous meses saíu a súa última novela, A noite da deusa, finalista no premio Raíña Lupa da Deputación da Coruña no 2019. E mentres tanto, esta filóloga e nai de dous fillos, dá clase en secundaria e na USC como profesora asociada.

-Doce anos despois de publicar o ensaio Paisaxe e nación, aínda se fala del e segue no mercado. ¿Que conta nesa obra que segue interesando a pesar do tempo?

-Analiza como se foi describindo a paisaxe galega por parte de escritores clave da nosa historia literaria, e como esa paisaxe se converteu nun dos símbolos da nación, case ao par da lingua galega. Estudei esa importancia que ten a paisaxe para nós, para o concepto que temos de nós mesmos como galegos. Porque a paisaxe define a nosa identidade, por dicilo brevemente. A lingua é unha das condicións simbólicas dos galegos, pero a paisaxe está aí case á par. Despois, a obra tamén serviu para homenaxear a grandes escritores galegos da xeración Galaxia dos 50, como Ramón Piñeiro ou Celestino Fernández de La Vega, por certo moi vinculados e afincados en Lugo.

-Así que podería dicirse que coa lingua e a paisaxe xa case temos o ADN dun galego.

-Hai un imaxinario do que constitúe ser galego, e a paisaxe, o vencello co territorio, o noso modo de relacionarnos con el e de percibilo, é moi importante. A xeito de anécdota, un técnico turístico contaba nunha conferencia o que ocorreu cando se fixo unha campaña turística de Galicia baseada en imaxes de paisaxes. Aparecían casas rurais rodeadas de eucaliptos, e houbo moitas chamadas de protesta de galegos queixándose desa imaxe que se proxectaba de Galicia. Agora hai esas outras imaxes como a da campaña Gárdasme o segredo, na que aparece esa paisaxe misteriosa chea de fragas e de soutos, de carballos centenarios e de ríos; que é esa imaxe tipo que se foi construíndo ao fío do discurso literario e que segue tendo moito peso, aínda que a Galicia rural pois... en grande medida xa non é así.

-Xa non queda moito desa Galicia na realidade.

-Segue a haber. En Lugo por exemplo, máis que noutras zonas. Sempre que fago o percorrido dende Santiago, percibo aínda todo o entorno de Lugo moito mellor conservado que por exemplo o de Santiago. Niso temos aínda unha vantaxe que, se sabemos conservar, teremos a sorte dunha contorna de Lugo realmente fermosa para o futuro.

-Esa querenza pola paisaxe tamén se percibe nas súas novelas, que é o que máis escribe nos últimos tempos.

-Pois si, porque por exemplo tamén está na última novela, A noite da deusa, onde aparecen os teixos, os bidueiros, e hai unha liña de ecofeminismo no relato que fai moi presentes a natureza e as árbores. É unha trama fantástica con tensión, pero que agocha ideas potentes como feminismo e ecofeminismo.

Pilar Canicoba

-¿E agora volta ao ensaio cun libro sobre a pandemia?

-Pois si. A idea xurdiu por unha colaboración cun fotoxornalista que está facendo un seguimento fotográfico da pandemia, e acordamos colaborar combinando texto e imaxe. Empezamos a darlle voltas e xa está rematado e leva por título Illados. Diario da pandemia. É un libro que ten un fío discursivo sobre oito grandes emocións ou ideas ligadas á pandemia como son o baleiro que xera nas cidades, o medo, a loita, tamén historias de camioneiros, e a historia dun circo confinado, os afectos, os reencontros e a vida.

-Pois vai ser un dos primeiros libros sobre o covid-19.

-Está habendo xa algo. Por exemplo o filósofo Zizek xa acaba de publicar un ensaio sobre a pandemia que, de feito, xa se traduciu ao galego, e creo que aínda hai algún mais que agora non lembro.

-Ensaio, novela negra, intimista, infantil...

-Son rexistros diferentes para públicos diferentes: hai a quen lle encantou o ensaio sobre a paisaxe e mo segue recordando; hai quen le una novela intimista, e a outros agradoulles a novela negra. Agora, A noite da deusa pode gustar a público adulto, que goce do xénero fantástico, e tamén ao público xuvenil. A min gústame ese tipo de xénero fantástico que permite conxugar ideas, como o ben, o mal, a luz. Ese é un dos segredos de O señor dos aneis, que tamén acostuma gustar nas idades xuvenís.