
O alcalde de Santiago di que aos 14 anos xa tiña clara a súa vocación política
27 oct 2020 . Actualizado a las 05:00 h.Xosé Sánchez Bugallo (Teixeiro, 1954) ten unha conversa afable e con tendencia ao sorriso.
Sabe moito de moitas cousas, pero do Concello de Santiago, claro, sábeo todo. Camiñante incansable, ao rematar a conversa, rétame: «¡A ver como resumes todo iso!». Alá vou.
-Quítalle moito sono o covid?
-O que me quita o sono son as consecuencias económicas e sociais. Tamén as sanitarias, pero aí o meu grado de competencia é menor.
-Vostedes tiñan unha expectativa moi importante para o ano que vén...
-Que lle vou contar! Eu pensei que ía a xestionar un Ano Santo espectacular, cun récord de visitantes e de ingresos na cidade e estamos facendo fronte a un espazo de supervivencia onde o obxectivo é que os mas debilitados poidan facer fronte a esta situación e os sectores económicos máis afectados poidan chegar ao momento da recuperación. Estou convencido de que a partir de Semana Santa chegaremos a unha recuperación en Santiago e, no verao, o turismo se recuperará. O 2022 será un ano excepcional.
-Optimismo non lle falta.
-A xente está reprimindo os desexos de viaxar, pero o desexo existe. Cando se recuperen as condicións de seguridade, haberá unha recuperación moi potente do turismo e do Camiño.
-Está a cidade sen peregrinos
-É unha situación estraña, ir pola rúa de San Pedro, que era moi difícil cruzar polas beirarrúas, e non cruzarse con ningún peregrino... A caída é dun 90 % aproximadamente. É unha imaxe distinta á que estábamos acostumados e que transmite unha certa tristeza.
-Vostede ¿sempre foi político?
-Eu traballaba en Autopistas, en expropiacións. Pedín a excedencia en marzo de 1990. E xa non volvín nunca.
-A excedencia máis longa do mundo.
-Hai outras máis longas. Eu estou vinculado ao concello de Santiago dende 1983, que entrei como xefe de gabinete de Xerardo Estévez; no 87 xa fun concelleiro. Durante 34 anos da miña vida laboral estiven na política. Así que si, son político.
-A política local ten algo aditivo.
-Ten algo de virus, si. Unha vez que pasas polo concello xa non ves as cousas da mesma maneira. Incluso no tempo que estiven xubilado, de 2017 a 2019, dediqueime a gozar das cousas de Santiago e paseino ben pero non podía deixar de mirar unha ponte nun parque, por exemplo, e ver si tiña a protección correcta para que non caera un neno.
-¿Pasouno ben de verdade?.
-Si. Foi unha experiencia nova, pero é verdade que me sentía moi ben física, mental e animicamente e pensaba: «Quince anos paseando?» Non o vía. Pensei incluso en matricularme na Universidade.
-Coa esixencia do Concello, xubilado podía ter moitas cousas pendentes de facer..
-Todos os xubilados fan unha lista con cousas para facer. Eu apuntei doce cousas. E exactamente fixen dúas.
-Cales?
-Iso non llo vou dicir. Quixen recuperar a bici, pero meu irmán díxome que, a partir dos 60, a bici era perigosa. Así que decidín andar.
-Polo que di, non lle vexo horizonte de deixar a política.
-Non é exactamente iso. O que non teño é o horizonte de deixar de ser unha persoa activa.
-Gustándolle tanto andar, faría o Camiño de Santiago.
-O Camiño enteiro, nunca. Era unha das cousas pendentes, facelo dende Roncesvalles. Nun prazo máximo de 30 días. Agora, tramos soltos, montóns. Os que acceden a Santiago, o que menos, media ducia de veces e algúns máis de cen veces. Na miña ruta gústame facer non menos de 15 kilómetros nin máis de 30.
-Que máis lle gusta facer aparte de camiñar?
-Gústame o cine e gústame ler. Son incapaz de durmir sen ler.
-Como era de pequeno, un bulebule?
-Non, porque era o maior de catro irmáns e toda a miña vida teño unha frase que lembro: «José, eres el mayor, tienes que ser responsable y dar ejemplo», ha, ha. Teño a sensación dunha infancia moi normal. Cando a miña familia foi a Guadix, a min mandáronme de volta a casa dos avós. E foi fantástico, estaba moi consentido, facía o que quería. Aquilo non podía durar moito tempo, ha, ha.
-Que pensaba ser de maior?
-Militar ou misioneiro. Pero recoñezo que o tío ao que máis admiraba era o que estaba de secretario no concello de Curtis.
-Na súa vida política tería a oportunidade de coñecer a moitas persoas interesantes. Algunha lle deixou marca?
-Teño un gran afecto por Xerardo Estévez. Felipe González e Zapatero parécenme persoas extraordinarias.
-Si la política non se houbera cruzado na súa vida...
-É imposible. Dende os 14 anos eu tiña clara a miña vocación política.
-A ver se atopa catro palabras que o definan.
-Son unha persoa un pouco obsesiva. Gustaríame dicir que son constante, pero creo que en realidade son un pouco obsesivo. Son tamén comprometido coas cousas que asumo. E pragmático.
-Faga o exercicio con Santiago
-É a miña cidade. Me resultaría moi difícil pensar en vivir en calquera outro sitio. É unha xoia que hai que coidar. Paréceme unha cidade amable, intelixente, acolledora e, si tivera que poñerlle algún pero sería que lle costa asumir a responsabilidade e o protagonismo das súas propias decisións e de resolver seus problemas..
-Celta ou Dépor?
-Son moi do Compos. Tradicionalmente gustábame o Athlétic de Bilbao e o Celta. O do Bilbao cambieino polo Barcelona, pero ultimamente o Barça tenme tamén bastante desanimado.
-Que tal co móbil, co WhatsApp?
-Uso o móbil bastante, e o WhatsApp para min é unha tortura. Recibo cada día entre 150 e 200 guasaps. Algún día máis de 500 e xérame un certo agobio. Por unha parte paréceme que non son educado se non contesto pero por outra tampouco podo pasar o día contestando. O que peor levo son as notas de voz, porque as tes que escoitar enteiras.
-Que tal cociña?
-Nun nivel básico. Fágoo máis ben por necesidade.
-Aprecia unha boa comida, é sibarita?
-Aprecio unha boa comida, pero non son sibarita. Gústame a cociña tradicional. Un prato de lentellas con chourizo, un caldo, paréceme marabilloso.
-Seguro que ten moitas comidas de traballo.
-Non. Procuro comer sempre na casa. Como moito unha cea á semana fora da casa.
-Ten netos?
-Non. E non ten moita pinta.
-Ter netos envellece.
-Eu non teño ningún problema coa miña idade. Estou contento de ter a idade que teño. Nunca a disimulei.
-Dígame unha canción.
-Gústanme Os Beatles. Imagine, de John Lennon, ou Let it be. Recoñezo tamén que sempre me emocionaron profundamente as cancións de Fuxan os Ventos.
-Que é o máis importante na vida?
-Ser persoa.