O chasco do único intento de reformar o Estatuto en catro décadas

GALICIA

Feijoo, Touriño e Quintana, en xaneiro do 2007, negociando a reforma do Estatuto de autonomía
Feijoo, Touriño e Quintana, en xaneiro do 2007, negociando a reforma do Estatuto de autonomía SANDRA ALONSO

O bipartito de Touriño sumouse á vaga reformista aberta por Cataluña, pero non acadou a maioría necesaria para retocar o Estatuto. Foi no bienio 2006-2007 e foi un fiasco

25 abr 2021 . Actualizado a las 05:00 h.

O cambio de milenio trouxo un intento firme de revisar á alza o modelo de descentralización de España para outorgarlle máis poder as comunidades. O estatutos de autonomía acababan de cumprir 20 anos. E coma nun xogo de dominó, empezou a mover fichas o País Vasco lanzando no 2001 o chamado e malogrado Plan Ibarretxe. E tomou Cataluña o relevo no 2004, coa proposta de reforma promovida por Pascual Maragall.

As cousas tamén mudan entón en Galicia. No 2005, Manuel Fraga ten que deixar a Presidencia da Xunta tras as eleccións, e entra Emilio Pérez Touriño. Chega a Monte Pío a cabalo dun acordo de goberno PSOE-BNG, cuxo primeiro punto dicía textualmente: «Cómpre revisar o Estatuto de autonomía, incorporando novas demandas e necesidades e perfeccionando os mecanismos de autogoberno e representación. Queremos facelo coa participación de todas as forzas políticas con representación parlamentaria».

Dito e feito. No 2006 creábase unha comisión específica no Parlamento presidida polo socialista Francisco Cerviño, á que foron convocados como comparecentes ata 106 expertos e representantes de todo tipo de institucións e colectivos para facer as súas achegas á reforma do marco estatutario galego. A revisión do texto obrigaba aos socios do Goberno bipartito a ter que negociar co novo PP, xa liderado por Alberto Núñez Feijoo, que pese a estar na oposición seguía a ser o grupo maioritario na Cámara. O seu concurso era imprescindible para sacar adiante una reforma que esixe -así o recolle o propio Estatuto- do respaldo de dous terzos do Parlamento.

No outono do 2006, noméase un grupo relator co obxectivo de redactar o primeiro borrador dun texto articulado, no que levaban a voz cantante persoas como Ismael Rego (PSdeG), Carlos Aymerich (BNG) e Xesús Palmou (PP). Na primeira versión do texto saltaron ata 65 puntos de discrepancia entre as forzas políticas. A complicidade e bo traballo dos relatores conseguiu reducir a só 21 cautelas. Abranguían todo tipo de asuntos: dende como plasmar por escrito a identidade nacional de Galicia, ata o status da lingua propia, o papel reservado á Xustiza ou a porción do financiamento autonómico que quería asegurarse Galicia.

Os relatores do Parlamento non puideron ir máis alá e traspasáronlle a pataca quente aos líderes políticos. Touriño preparou a residencia de Monte Pío para celebrar o cumio con Anxo Quintana e Alberto Núñez Feijoo. Logo de seis horas de reunión, o BNG asumiu que o PP non ía recoñecer a Galicia como nación, nin sequera no preámbulo con esa fórmula alambicada da «nazón de Breogán» que se canta no himno. Así que empezou a xestionarse o fracaso.

Houbo quen pensaba que o PP de Feijoo pagaría aquel veto nas urnas. Pero no 2009 obtivo a maioría absoluta.

Once comunidades reformaron os seus textos na última vaga

Na última vaga de reformas dos estatutos de autonomía, iniciada a partir das propostas impulsadas dende o País Vasco e Cataluña, ata once das 17 comunidades conseguiron reformar os marcos reguladores do seu autogoberno. En moitos casos, para asumir competencias ou ancorar algunhas institucións ou organismos de rango autonómico que, no caso de Galicia e do resto das comunidades históricas, xa estaban recollidos no documento de 1981.

O debate aberto no conxunto do Estado coa reforma do texto de Cataluña, levada a cabo entre o 2004 e 2006, e a aspiración da Generalitat de ampliar as súas competencias e recoñecer a Cataluña como nación, desatou un movemento en cadea noutros territorios, que abriron procesos de reforma similares no que se reservaban o dereito de reclamar calquera nova atribución que puidera acadar Cataluña, o que se coñece como a cláusula Camps, pois foi o expresidente da Comunidade Valenciana Francisco Camps (PP) quen a invocou para facela figurar nas disposicións adicionais da reforma do seu estatuto.

Nese tempo, Galicia tamén entrou no xogo das reformas dos estatutos de inicios do século XXI, pese a que, como lle ocorrera ao País Vasco no mes de xaneiro dese mesmo ano, cando o Congreso rexeitou o chamado Plan Ibarretxe, non conseguiu levar a bo termo os seus plans de revisión estatuaria.

Cataluña si que o conseguiu, coa reforma aprobada en xullo do 2006 e debidamente plebiscitada despois, se ben o Tribunal Constitucional, coa sentenza emitida no 2010, anulou catorce artigos, restrinxiu a interpretación doutros 27 e precisou que o termo «nación» que figuraba no preámbulo carecía de validez xurídica.

Pero había outras comunidades, as reguladas polo artigo 143 da Constitución, que estaban moi lonxe do teito competencial das nacionalidades históricas. E esas si que ampliaron os seus estatutos na última vaga. Valencia fíxoo no 2006; Andalucía, Baleares, Aragón e Castela e León, no 2007; e Navarra, Estremadura, Murcia, Castela-A Mancha, entre os anos 2010 e 2014, sumándose tamén Canarias no 2018.