Eva Solla: «As confluencias hai que traballalas día a día»

Juan María Capeáns Garrido
J. capeáns SANTIAGO / LA VOZ

GALICIA

Eva Solla hizo balance del año 2020 por parte de Esquerda Unida, en una rueda de prensa ofrecida este lunes
Eva Solla hizo balance del año 2020 por parte de Esquerda Unida, en una rueda de prensa ofrecida este lunes XOÁN REY || EFE

A coordinadora de Esquerda Unida foi reelixida co apoio do 70 % da militancia

13 jul 2021 . Actualizado a las 05:00 h.

Eva Solla (Vigo, 1984) repetirá como coordinadora de Esquerda Unida outros catro anos máis despois de recibir o apoio do 70 % da militancia e tras vencer á candidatura liderada polo exalcalde de Ferrol, Jorge Suárez, e que pechaba Suso Díaz, o pai da vicepresidenta do Goberno.

—Tras dúas lexislaturas como deputada ten que liderar o proxecto de EU sen representación institucional, será máis difícil?

—A visibilidade é máis complexa e hai que compensala con máis traballo e organización interna, pero eu estou contenta porque abrimos un período novo coa vista posta nos retos municipais. A ninguén se lle escapa que é a próxima cita electoral, pero nós somos unha forza municipalista que reivindica a política nos concellos. Ese traballo local, que é fundamental para achegar as nosas políticas á xente, é o que vai darlle saúde a toda a organización.

—Esa organización interna quedou desatendida por convivir con outras forzas?

—Non o creo, de feito o traballo destes anos está ben valorado pola militancia. É certo que os últimos resultados non foron positivos, pero creo que para funcionar dentro dunha confluencia primeiro tes que ter forza propia.

—Descarta unha nova aventura semellante a AGE ou En Marea?

—O que teño claro é que a unidade popular e as confluencias hai que traballalas día a día. Moitas das dificultades que tivemos viñan derivadas deses acordos, que eran basicamente electorais.

—Na última enquisa de Sondaxe Galicia en Común reaparecía no Parlamento, EU séntese aludida?

—As enquisas tamén daban representación hai un ano, así que non hai que fiarse. É unha foto fixa dun momento concreto, pero a intención de voto cambia.

—E o traballo no Congreso e no Goberno, o aprecian como propio?

—Sabiamos que a entrada no Goberno ía traer contradicións, e que non se pode aplicar a totalidade do programa, por iso tamén creo que non ten que significar un problema que non se cumpran os principios programáticos. Non fai falta estar de acordo en todo co Goberno central.

—Vostede foi deputada con 28 anos. No 2014 foi elixida secretaria xeral do Partido Comunista, e o mandato en EU chegará ao 2025, é compatible con denunciar a profesionalización da política?

—Nós temos normas internas que impiden iso precisamente, polo que se hai unha porcentaxe da militancia que considera que unha persoa non debe repetir nun posto ten a posibilidade de frear esa candidatura. Outra cousa é perpetuarse nos cargos públicos, como ocorría co bipartidismo, con xente que semellaba que non tiña capacidade para atopar un traballo fóra da política.

—Vostede é enfermeira, regresou ao traballo na pandemia?

—Si, tardei un pouco en reincorporarme desde que deixei o Parlamento hai un ano, pero si, aí estamos de novo, con preocupación pola situación de contaxios ascendente.

—É máis duro que a política?

—Eu xa tiven responsabilidades ao tempo que era enfermeira precaria, e son consciente de que a política é un esforzo persoal.